13 abril 2018

Lexitimidade e vixencia da Segunda República


Mañá seremos moitas e moitos cidadáns os que celebraremos o aniversario da proclamación da IIª República Española, datada no 14 de abril de 1931. Nese día o conxunto da poboación das nacións e das rexións que compoñían o Estado Español (ou a Hespaña, como gustaba Alfonso R. Castelao de dicir) ao través dunha eleccións municipais decidiron que a xefatura do Estado non podía quedar nas mans dunha persoa cuxo único mérito fora a de ser fillo ou filla dun ou dunha alguén. E que todos os cargos políticos e de representación de calquera institución do Estado deberían ser escollidos pola cidadanía ao través dos seus votos.

Ese mesmo ano 1931, o 9 de decembro, quedou aprobada polas Cortes Constituíntes a denominada Constitución de la República Española, que garantía as ansias de liberdade do pobo das Hespañas, dignificaba un estado máis igualitario e solidario, garantía o acceso á educación e á cultura para todo o mundo sen distinción de clase ou condición, na que se recoñecían as diferentes culturas e idiomas presentes no estado e se facilitaba o autogoberno das nacións históricas integradas no Estado Español (Catalunya, Galiza e Euskadi).


Non cabe dúbida que esa constitución foi todo un avance dentro das máis avanzadas lexislacións constitucionais europeas e que aínda hoxe, e en numerosos aspectos, podemos considerala como a máis socialmente avanzada e participativa da Europa. E, por suposto, a vixente Constitución Española de 1978, é un remedo de democracia (e non só polo capítulo dedicado á monarquía) comparado coa aprobada no ano 1931.

Por desgracia, unha banda de asasinos civis, militares e eclesiásticos que outorgaron mando ao xeneral Franco iniciaron en xullo do ano 1936 un golpe de estado que rematou no ano 1939 coa vitoria militar dos insurxentes e a derrogación da constitución republicana e de todas as leis progresistas e igualitaristas aprobadas polas cortes republicanas. Neses tres anos que durou a guerra a poboación civil da retagarda foi vítima dunha forte represión e de numerosos asasinatos, por mor dunha política premeditada de terra queimada na que Guardia Civil, milicias falanxistas e os chamados gardas cívicos  tiñan orde de asasinar toda persoa que puidera ser sospeitosa de non compartir os ideais do golpismo; mesmo, en numerosas ocasións, coa complicidade dos curas na elaboración das listas dos “desafectos”. Aínda hoxe o Estado Español é o segundo país do mundo con maior número persoas desaparecidas, despois de Camboya, como consecuencia dun golpe de estado (nin as ditaduras de Arxentina, Chile, Brasil ou Uruguai superan en número os asasinatos do réxime franquista).

Entre os actos protagonizados polos asasinos golpistas estivo a aprobación da chamada Ley de Sucesión en la Jefatura del Estado, no ano 1947, pola que o ditador Franco se atribuía a función de nomear á persoa que lle sucedería no seu posto de xefe de Estado do reino de España. Ao abeiro desta lei da ditadura Franco nomeou no ano 1969 a Juan Carlos de Borbón como príncipe de España, que sucedería na xefatura do estado e como rei a Franco cando este falecera. Morto Franco o 20 de novembro de 1975, o día 22 seguinte don Juan Carlos de Borbón foi proclamado rei de España pola lei citada e o expreso desexo de Franco.

Esta designación realizada ao abeiro das leis da ditadura franquista fixo saltar polos aires as normas sucesorias de calquera monarquía, pois a quen correspondía o trono por liña dinástica debería ser a Juan de Borbón, pai de Juan Carlos e aínda vivo por aquel entón. 

Pasado o tempo, despois de todos os avatares da chamada “transición política”, dentro do texto da vixente constitución española, a monarquía foi colada pola porta de atrás, aproveitando as ansías de liberdade dos pobos do Estado Español que debeu decidir en referendo se aceptaba ou non o texto constitucional proposto. Por suposto que os impulsores da lei non se prantexaron preguntarlle á cidadanía se querían unha monarquía ou unha república; nin sequera se o monarca debía ser o nomeado pola ditadura de Franco ou a persoa a quen correspondería o trono segundo as regras das liñas de sucesión.

Por iso, e a pesares de que posteriormente don Juan de Borbón fixo un paripé de abdicación do trono na persoa do seu fillo (se non o fixera era o mesmo, o seu fillo seguiría sendo rei pero ficaría aínda máis claro para a historia a usurpación sucesoria), podemos dicir que é un elemento máis que define que a monarquía como réxime político do Estado Español é ilexítima.

Pola forma na que Franco accedeu ao poder, pola forma na que Franco reinstaurou unha monarquía a medida e pola forma na que se fixo decidir á cidadanía unha escolla entre un réxime de liberdades con rei ou seguir como estaba fai que aínda hoxe a República sexa o único réxime de goberno lexítimo no Estado Español.

E, por suposto, agás no tema da organización territorial do Estado (que hoxe precisa o recoñecemento expreso do dereito a decidir das diferentes nacións que compoñen o Estado Español) a Constitución da República supera con moito, e en todos os aspectos, a que hoxe nos regula e que tanta auga está a facer nos últimos tempos.

Polo tanto, saúde e república.

 NOTA FINAL.-
No xornal dixital Público de hoxe, 13 de abril de 2018, Eduardo Bayona publica un artigo que nos pode axudar a comprender cal é a catadura moral da presente monarquía española. O artigo leva por título “Los hombres del rey: una corte de poder económico y mediático protege a la corona

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...