Tendo
en conta como a xogan algúns impresentables deste Estado Español,
que carecen do máis mínimo sentido do humor e que actúan máis
levados pola súa ideoloxía de extrema dereita que pola razón, a
lóxica e a obxectividade, aclarar que de todo o aquí escrito
calquera parecido coa realidade é pura coincidencia (e se así
non fora, alguén debería facerse mirar).
FIRST
NEWS
Unha perigosa
banda terrorista separatista foi capturada pola Civil Guard na capital da Comunidade Autónoma de Polonia.
Baixo
a dirección do xefe da TIA, superintendente Vicente, auxiliado polo
famoso axente secreto Anacleto, a Civil Guard apresou a un
perigoso comando terrorista separatista formado por un número
indeterminado de persoas (como o responsable da operación extraviou
a nota, aínda hai que preguntar a quen filtrou a confidencia cantas
eran as persoas ás que había que deter).
Os
xornais máis influentes e coñecidos do Estado no que se encadra
Polonia se felicitan polo éxito dunha operación tan ben dirixida
polo Superintendente Vicente e executada tan á perfección polos
membros da Civil Guard participantes na operación; sen deixar
o destaque da colaboración dos anacletos comandados polo famoso
Anacleto, axente dos servizos secretos do Estado.
Destacar
que nas dependencias policiais nun hábil interrogatorio dirixido por
Anacleto, dous dos detidos confesaron a intención do comando
terrorista de cometer un importante atentado no que eles denominaron
“dia D”, que non saben moi ben na data que cadra pero era esa e
todos estaban preparados. Igualmente confesaron que, amais da
lixivia, os deterxentes e as pastillas de xabón de glicerina
atopadas no seu poder e requisadas nos rexistros realizados polo
corpo policial interveniente na operación, tiñan a intención de
mercar gabardinas de espía infiltrado e antefaces para coarse no
parlamento polaco sen ser descubertos e recoñecidos; e, por riba,
contaban cun armario repleto de vasoiras con mangos de pau cheos de
termitas cos que pensaban aterrorizar aos seus obxectivos.
Segundo
confesaron os dous detidos, toda a operación gozaría dunha
cobertura externa proporcionada por dous membros do comando
terrorista utilizando sendos gancheto-cópteros de última xeración
e metralletas de pau tipo Kalasnicouba tallados por un afamado
artesán da contorna. Todas estas probas, que segundo o voceiro
oficial do Superintendente Vicente demostran de forma inequívoca a
implicación dos detidos e a súa intención de cometer actos
terroristas e terroríficos en contra da seguridade do Estado. A
Civil Guard está á espera de que alguén desde arriba lle
diga o número e os nomes das persoas que faltan para proceder á súa
detención, que se espera sexa inminente.
Os
detidos foron dispostos ao dispor do Tribunal de Orde Público (TOP),
que coas probas á vista decretou a súa entrada provisional en
prisión ata que o aparato de propaganda da dereita e da ultradereita
políticas estiveran en condicións de buscar outras escusas coas que
atacar aos do Partido Nacionalista dos Polacos e aos que chaman os
seus aliados anti-Estado Uno Grande e Libre. Mentres tanto, en
apreciación do TOP, vaise creando ambiente.
Novas
de última hora confirman que agás dous deles, o das formigas
termitas e o que confesou os plans tomados dun Mortadelo e Filemón
para asaltar o parlamento polaco, os acusados foron postos en
liberdade. Neste último caso, a fiscalía baralla a posibilidade de
procesalos por vulneración do copyright. Ifgualmente, a SGAE está a
estudar como pode sacar cartos deste asunto.
SECOND
NEWS
O
Gran Xulgado de Roubos e Atracos acaba de ditar sentencia polo roubo
efectuado pola familia do Cativiño Paco (máis coñecido como
Franco) de dúas estatuas ao Concello de Santiago.
Na
súa providencia considera probado que o Cativiño Paco efectivamente
apropiouse das dúas estatuas que o Concello de Santiago reclama,
máis que non está demostrado que as que están no poder da familia
do Franco sexan as mesma que el roubou, aínda que se parecen.
Lembrar
que con anterioridade un Pequeno Xulgado xa fallara en favor dos
familiares do Cativiño Paco, sinalando que, pese a toda a
documentación de propiedade e á lexislación estatal sobre obras de
arte do Patrimonio Nacional, “o que se colle non se quita Santa
Rita Rita Rita, polo cal o roubado (se foi o Franco quen o fixo)
roubado está, e que nada se pode negar ao salvador da patria e aos
seus descendentes. E que un ou unha xuíz que non o considera así
non é digno ou digna de pertencer a tan patriótico corpo”. E que
este estrepitoso fallo foi recorrido polo Concello de Santiago diante
do Gran Xulgado de Roubos e Atracos.
THIRD
NEWS
A
Xunta de Galicia ven de facer pública a súa resolución sobre as
axudas á prensa editada en Galicia. Unha vez máis o Grupo Voz é o
gran prexudicado.
Publicadas
pola Xunta de Galicia as subvencións directas á prensa, confírmase
un ano máis que os grandes discriminados polas mesmas foron os
medios do Grupo Voz, que recibiron ínfimas contías en relación aos
percibidos por outros medios favorecidos polas mesmas, como poden ser
Sermos Galiza, Praza Pública ou Galicia Confidencial. Postos en
contacto cun responsable dos medios castigados pola Xunta, este
comenta que “desde o goberno de Galiza non se ten valorado a
imparcialidade de medios coma os nosos que poñen por ribas o dereito
dos lectores á información e a obxectividade a unha información
que responda ás necesidades informativas e políticas dos gobernos
do señor Feijóo; nunca un medio informativo como os pertencentes ao
noso grupo de comunicación fixeron tantos esforzos por denunciar a
corrupción que asola ao Partido Popular nin tampouco fixeron tanto
por normalizar o uso do galego en todas as áreas da sociedade da
Galiza; por outra parte, o cadro de colaboradores e colaboradoras de
opinión dos nosos medios proceden dun amplo abano de ideoloxías
abertas e progresistas (para exemplo só mencionar -como botón de
mostra- que ata Robertito, o ultraesquerdista nacionalista que é
conserxe da facultade de dereito da universidade, ten cabida nas
nosas páxinas); por iso volvémonos a sentir discriminados unha vez
máis”. Ata aquí as declaracións deste voceiro do grupo de
comunicación máis independente e obxectivo de todos os nunca
habidos en Galicia.
FOUTH
NEWS
O
Partido Popular, Vox e Ciudadanos recorrerán aos independentes
tribunais españois para tratar impedir que Sánchez poida formar un
goberno judeo-masónico-comunista-separatista.
Esta
vez, o tribunal independente escollido polos constitucionalistas de
Vox, Partido Popular e Ciudadanos é a Junta Electoral Central. Este
intento de carambola, que pasa pola inhabilitación do ario Torra
para exercer coma President de Catalunya, pretende que posteriormente
caian polos buratos os de ERC e se poñan como energúmenos o de
Junts por Catalunya para impedir que Podemos e PSOE poidan formar un
goberno que remate cos privilexios dos obreiros e coa continuada
ruína dos empresarios iniciada polo primeiro goberno de Mariano
Rajoy.
“Franco
así o habería desexado” comentaron os denunciantes.
FIFTH
NEWS
Feijóo
encadease na Ponte de Rande para exixir do Goberno de España a
devolución da AP-9, a supresión das peaxes e a fin dos privilexios
da concesionaria da Autoestrada do Atlántico.
Fiel
ás reivindicacións históricas do seu partido, Feijóo ten decidido
dar un paso máis na loita do Partido Popular pola recuperación para
Galicia da Autoestrada do Atlántico. Con esta fin, o famoso político
non fai máis que amosar a súa consecuencia cunhas ideas que leva
defendendo desde que empezou a súa andadura coma xefe de filas do
Partido Popular en Galicia.
Non
podemos esquecer a manifestación liderada por el e Mariano Rajoy,
acompañados de Abel Caballero, no pasado 31 de decembro de 2017 para
tratar de impedir que a concesionaria da AP-9 subira as peaxes antes
de rematar as obras de ampliación da mesma.
Feijóo,
en declaracións a este medio, afirmou que “por moito frío e
por moita neve que teña que sufrir de aquí só me van poder
descolocar pola forza”.
FIN
Ata
aquí fake news de hoxe.

