23 xullo 2019

Despois da Primeira Sesión da Investidura

Nota inicial.- 
                  Esta entrada estaba prevista para ser dividida en dúas partes, a primeira e a segunda sesión do primeiro intento de investidura de Pedro Sánchez como Presidente do Goberno, nos sucesivos día 22 e 23 de xullo de 2019. Houbo un troco na periodificación (decidido hoxe 23 de xullo) polo cal fica nun só artigo; a razón é que non houbo cambios significativos que puideran botar por terra o relatado no primeiro día. Por iso vai ir datada cada unha das partes das entradas.

Luns, 22 de xullo de 2019.

    A falta de que remate a intervención do voceiro do partido nazi-fascista no Congreso dos Deputados, coido que xa podemos tirar algunhas conclusións en vista do acontecido na sesión de hoxe, primeira das dúas que dan lugar a votación das que vai constar o proceso para investir, ou non, a Pedro Sánchez como Presidente do Goberno do Estado (levántome e apago a radio porque xa me está cargando esa verborrea fascista que se está a gastar Abascal). Seguimos.

     A primeira, aínda que non a máis importante, das conclusión que persoalmente tiro da sesión de hoxe fai referencia a Alberto Rivera, o “Riverita” como lle chamo eu no meu foro interno. Confeso que sentín desazado na súa intervención, un desazo que foi incrementándose progresivamente a medida que avanzaba. Un desazo que viña marcado pola lembranza. Eu xa case non me acordaba del, pero esas construcións verbais, os cualificativos, as formas de expoñer as ideas,... fixeron que me lembrara das intervencións de Blas Piñar, xefe da organización fascista Fuerza Nueva, defensora do franquismo, no Congreso dos Deputados nas primeiras lexislaturas do pos-franquismo. Mirade que xa nin sequera me lembraba de semellante suxeito impresentable, do famoso notario fascista, pois ben conseguiu o Riverita traermo á memoria. Fica máis que claro que Ciudadanos tírase ao monte e, que mentres siga a existir, apúntase á extrema dereita; que aquel “Podemos de derecha” do que falaba o banqueiro do Banco de Sabadell xa non é tal; como tamén supoño que aos que o impulsaron e financiaron xa non lles sirve; o Partido Popular volveu ao rego, o PSOE sigue a ser “felipista” e, para caso de apuro, xa teñen ao partido nazi-fascista Vox co que facerlle chantaxe ao partido de Pablo Casado pola dereita.

        Outra das cousas que quedou máis que medianamente clara é que o aspirante Pedro Sánchez non quere gobernar en coalición con Unidas-Podemos. Fartouse de pedir a Partido Popular e a Ciudadanos que se abstiveran e o deixaran gobernar sen ter que adquirir compromisos coa coalición dos partidos de Pablo Iglesias e Garzón e de ter que traballar pola abstención ou o voto positivo de nacionalistas vascos e cataláns (os únicos nacionalistas representados na cámara baixa). Amosouse que o acordo entre PSOE e Unidas-Podemos está máis que verde, réplicas e contrarréplicas entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias deixaron moi claro que aquel non quer saber nada do segundo e o que representa. Posiblemente as presións exercidas desde distintos ámbitos económicos, institucionais e mediáticos cara a Pedro Sánchez están a condicionar que non se poida chegar a un acordo entre os grupos progresistas, como ten sucedido hai uns anos cando o PSOE asinou un acordo de dereitas e ultraliberal con Ciudadanos, segundo recoñeceu a Jordi Évole o secretario xeral do PSOE. O partido de Felipe González ten claro os intereses que quere representar con preferencia, os que leva representando desde a metade da primeira presidencia de Felipe González, os da oligarquía financeira e o das portas xiratorias. Xa no pasado, na etapa de Rodríguez Zapatero ao fronte do PSOE e o Goberno, tiveron o agradecemento do banqueiro don Pantuflo e agora, posiblemente, terán o de dona Chinela como mostra de recoñecemento ás súas políticas ...e o que poida caer se a cousa non lle sae; quizá por iso Pedro Sánchez amosou tanta altanería e prepotencia diante das xustas reclamacións de lealdade demandadas polo líder de Unidas-Podemos.

         Outra cousa clara: o Partido Popular sigue a ser quen representa a dereita; é a el a quen se dirixiu Sánchez na súa intervención para pactar trocos constitucionais que poidan afianzar o lixo do bipartidismo coa finalidade de evitar que os partidos maioritarios véxanse obrigados a pactar gobernos e programas con outras forzas representativas da cidadanía. Casado o tivo claro; largou unha colección de tópicos da dereita que non chegan a nada; iso si, reafirmouse en que o seu voto á investidura será negativo.

         Tal e como van as cousas, parece moi plausible, agás que as presións dos intereses económicos e institucionais acaben por dobregar a Ciudadanos ou/e ao Partido Popular, que Pedro Sánchez teña que convocar novas eleccións, que renuncie a un goberno con tinguiduras progresistas (non digo de esquerdas porque o PSOE non é iso, e Podemos tampouco). Agás que Unidas-Podemos decida pese a todo apoiar a investidura sen compromisos de goberno. Sinceramente, eu na tesitura de U-P mandaría ao PSOE ao carallo, aínda a costa de que a dereita puidera saír triunfante nunhas novas eleccións; total o que vai facer o PSOE se goberna en solitario é aplicar políticas de dereita apoiándose en Partido Popular e nos restos de Ciudadanos.

        Por último, para non alongar e pese a que me vai custar dicilo, recoñecer que o mellor político que pasou hoxe pola tribuna do Congreso dos Deputados foi Pablo Iglesias. Mil voltas deulle a todos e cada un dos oradores dos demais grupos. Mil voltas a Pedro Sánchez, e dez mil voltas a todos os demais.

Martes, 23 de xullo de 2019.

         Confeso que hoxe non puiden escoitar en directo todas as intervencións, réplicas e contrarréplicas que se fixeron no Congreso dos Deputados, na segunda sesión para a investidura do Presidente do Goberno ao que aspira o secretario xeral do PSOE e actual presidente en funcións Sr. Sánchez Castejón. Isto significa que as referencias están recollidas do publicado en diferentes xornais dixitais relatores do acontecido no día de hoxe na cámara dos deputados.

              Polo que din os xornais referidos o máis salientable da sesión de hoxe foron as intervencións dos voceiros do Partido Nacionalista Vasco (PNV) e de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). O do resto das opcións políticas, integradas todas elas no grupo mixto, parece que non se ten saído do esperado.

            Tanto ERC como PNV coincidiron en poñer de manifesto a pouca vontade amosada polo candidato a adquirir compromisos para poder presentar un goberno con visos de estabilidade; ambos esixiron a Sánchez que se deixe das prepotencias e arrogancias, que a correlación de forzas que o PSOE ten non da para iso nin para moito menos. Coinciden ambos en pedirlle, esixirlle, ao candidato do PSOE que pacte dunha vez con Podemos un goberno, que para recibir hai que estar disposto a dar. Concretamente, un partido de dereita como é o PNV urxiu a Sánchez a acadar un pacto con Podemos e que se deixe de ser cautivo do IBEX-35. Do mesmo modo, ERC mostrouse disposta a cambiar o seu voto previsto de abstención por un voto positivo no caso de que PSOE e Podemos chegaran a un acordo de goberno. De feito optaron por absterse nesta primeira votación.

             Pero para iso, para que haxa un goberno equilibrado PSOE-UPodemos os primeiros teñen que deixar de render pleitesía e vasalaxe á oligarquía financeira; polo menos en moitas das áreas nas que hoxe parecen plegarse plenamente aos seus desexos (por poñer uns cantos exemplos: relacións laborais, pensións, ensino, privatización da saúde e dos recursos de dependencia, política de vivenda,...).

             Como dixen onte, nalgun caso a "chulería política" está de máis. E, tamén, está de máis tomar por tontos e totas a unhas persoas que pese á súa xuventude e pouco tempo de experiencia política están a demostrar ser moito mellores persoas e políticos que os soberbios e as soberbias que van "sobrados/as" ensinando a súa veteranía no arte de ocupar poltronas. Non se pode pretender que unha forza política entre nun goberno en calidade de "florero", sen competencias reais para xestionar áreas de forma eficaz. E da a impresión, polo que se puido escoitar nos debate de onte e nas declaracións realizadas nos días de onte e hoxe, que esa é a función que PSOE pretendía reservar a Unidas-Podemos no potencial goberno "de coalición". Sánchez, Calvo, Lastra, etc: baixade da burra e aclararvos se pactades ou seguides fieles ao felipismo servidor da oligarquía.

            Unidas-Podemos está a ter moita paciencia. Incluso no día de hoxe trocou o seu voto negativo por unha abstención como mostra de boa disposición a negociar e vontade. Vos, pesoeros, pensades que porque tiveran renunciado a que Iglesias estivera no goberno van renunciar a todo o demais? Eu xa vos tería mandado ao carallo, como dixen onte. E votaría non; porque (como tamén indiquei onte) non estaría disposto a que acadarades acordos venenosos con Partido Popular e o que quede de Ciudadanos sobre aspectos tan serios como o dereito dos traballadores e traballadoras a ter unha vida e un traballo decentes, remunerados en conformidade cos tempos, con dereito a percibir pensións públicas decentes, a que quen máis se beneficia do sistema contribúa máis a el, a que se doten fondos e medios contra a violencia de xénero, a que a educación sexa realmente pública e quen queira ir á privada que a pague,... e outras moitas cousas que fagan máis doada a vida das clases menos pudintes. E sabendo que sodes como sodes, que non sodes de fiar como xa tendes demostrado en numerosas ocasións, ou pasades polo aro ou votaría en contra da investidura de Sánchez.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...