Isto,
que parece o título dunha novela ou dun biopic, ven a conto do
sucedido naquel agosto do ano 1936 que foi un mes negro para miles
de homes e mulleres que pensaban de forma diferente daqueles que no
mes anterior deron un golpe de Estado militar contra o réxime
político legalmente vixente da IIª República Española.
Pese
aos esforzos feitos polos golpistas (e tamén polos denominados
revisionistas da historia ao servizo da desmemoria franquista)
para convencer á poboación de que non sucedera o que na realidade
sucedeu, como en moitos outros lugares do Estado Español, na Galiza
non houbo unha guerra entre dous bandos de exército; o que houbo foi
unha persecución das hordas fascistas contra homes e mulleres que
defendían a lei e o seu posterior asasinato; precedido este, en
numerosas ocasións, de vexacións, mutilacións, torturas e todo
tipo de barbaridades sobre os corpos vivos das vítimas do xenocidio
dirixido por Franco e os militares sediciosos.
Hordas
asasinas compostas por militares, gardas civís, falanxistas,
mafiosos e oportunistas de toda caste e condición; hordas asasinas
dirixidas localmente por membros das clases podentes, xerifaltes da
Falange Española e os seus acólitos e lambecús, curas católicos,
e oficiais ou suboficiais da Garda Civil ou do exército golpista.
Todos eles seguindo as ordes dos líderes do golpe de Estado de “non
deixar nin as raíces dos opositores ou sospeitosos de non aprobar o
golpe”, dada polo xeneral Mola desde os primeiros momentos do golpe
e seguido obedientemente polos demais militares golpistas, que foron
os que con antelación a todas e cada unha das barbaridades cometidas
polos asasinos aprobaron todas as accións de barbarie por eles
cometidas.
Os
Mártires de Anguieiro.
Moitas
desas persoas vítimas do fascismo, para desgusto dos franquistas e
dos partidos políticos nos que se agrupan (maiormente no Partido
Popular), son homenaxeadas desde hai uns anos nas súas vilas,
cidades ou lugares onde foron vilmente asasinados; actos realizados
ao amparo da cada vez máis agredida liberdade de expresión
existente no Estado Español.
Un
acto dese tipo se realiza todos os anos en Cangas do Morrazo,
organizado pola Asociación Memoria Histórica 28 de Agosto,
data que fai referencia ao día no que no lugar do Anguieiro foron
asasinados brutalmente polas hordas fascistas once persoas (tres
mariñeiros, dous albaneis, cinco canteiros e un mecánico) das que
se supoñía ou se sabía que non deron a súa aprobación á
iniciativa militar fascista. É precisamente nesa data, o 28 de
agosto, no que cada ano a citada asociación convoca un acto de
homenaxe, en busca de recoñecemento xustiza e reparación para esas
once persoas, denominados Mártires de Anguieiro; acto que se
realiza diante do monólito erguido no lugar no que foron asasinados.
Onte,
28 de agosto de 2019, volveu celebrarse o citado homenaxe consistente
nunha ofrenda floral, interpretacións musicais e lectura de relatos
e poesías por diversas persoas, lectura do manifesto-homenaxe aos
mártires e remate coa interpretación coral do Himno Galego. Alí
estabamos, amais de membros da asociación organizadora, moitas
persoas que recoñecemos a valía e a valentía de todas as persoas
que durante o réxime franquista perderon a vida pola causa da
defensa da liberdade ou polo simple feito de amosar a súa
desaprobación co citado réxime impulsado por asasinos que non
deixaron de matar, vexar, torturar e encarcerar ata ben entrado o ano
1977 a todas aquelas persoas que se opuxeron ao franquismo.
A
resistencia dos fascistas á retirada da súa simboloxía-homenaxe
aos asasinos.
Foi
reveladora a intervención do alcalde de Cangas, que dirixiu a
anterior corporación municipal e que acadou que se puidera retirar
da fachada Sur da igrexa desa vila a cruz laureada do fascismo e os
nomes doas persoas da vila que defenderon (voluntaria ou
involuntariamente) ou impulsaron o réxime franquista, entre eles o
xefe dos pistoleiros e asasinos da Falange Española daquela época
José Antonio Primo de Rivera.
E
digo que foi reveladora porque parece ser que desde a Igrexa
Católica, o cura
de extrema dereita que ten parroquia en Cangas (ao
que xa teño feito referencia noutro artigo do blog), os
elementos dereitistas do partido franquista e “patrimonio”
(supoño que a sección da Xunta de Galicia -tomada polo partido
franquista- que se encarga de velar polos bens que constitúan
patrimonio galego) están empeñados en que o Concello de Cangas
devolva a cruz fascista á Igrexa, suponse que coa intención de
volvela a colocar no lugar no que estaba. Espero que iso non chegue a
ocorrer, o normal sería que a citada cruz fascista sexa fundida e
que o ferro resultante da fundición sexa utilizada para algo
socialmente útil, se é posible.
Porque
se a decisión fica nas mans da chamada Xustiza, que se di neutral
pero moitos de cuxos membros van ás procesións na cualidade de
xuíces dunha administración pública (para nada critico que
participen a nivel persoal como os demais crentes), xa sabemos o que
adoita pasar; porque xa pasou en Vigo coa franquista cruz laureada do
Castro no que a xustiza deu o seu consentimento para manter ese
monumento fascista na ladeira do monte. Tamén hai que dicir que iso
ocorreu co apoio do alcalde vigués do PSOE (teñamos en conta a
fiabilidade do PSOE e que o goberno municipal actual de Cangas tamén
depende dese partido, que goberna en coalición con ACE). Así que,
cangueses estade atentos e non permitades que ninguén, relixioso ou
non, cometa outra aberración en memoria dos asasinos.
Memoria,
xustiza e reparación. Viva a República!