30 agosto 2019

Os “Mártires de Anguieiro”, memoria e lembranzas nunha vila mariñeira castigada polo fascismo

Isto, que parece o título dunha novela ou dun biopic, ven a conto do sucedido naquel agosto do ano 1936 que foi un mes negro para miles de homes e mulleres que pensaban de forma diferente daqueles que no mes anterior deron un golpe de Estado militar contra o réxime político legalmente vixente da IIª República Española.
Pese aos esforzos feitos polos golpistas (e tamén polos denominados revisionistas da historia ao servizo da desmemoria franquista) para convencer á poboación de que non sucedera o que na realidade sucedeu, como en moitos outros lugares do Estado Español, na Galiza non houbo unha guerra entre dous bandos de exército; o que houbo foi unha persecución das hordas fascistas contra homes e mulleres que defendían a lei e o seu posterior asasinato; precedido este, en numerosas ocasións, de vexacións, mutilacións, torturas e todo tipo de barbaridades sobre os corpos vivos das vítimas do xenocidio dirixido por Franco e os militares sediciosos.
Hordas asasinas compostas por militares, gardas civís, falanxistas, mafiosos e oportunistas de toda caste e condición; hordas asasinas dirixidas localmente por membros das clases podentes, xerifaltes da Falange Española e os seus acólitos e lambecús, curas católicos, e oficiais ou suboficiais da Garda Civil ou do exército golpista. Todos eles seguindo as ordes dos líderes do golpe de Estado de “non deixar nin as raíces dos opositores ou sospeitosos de non aprobar o golpe”, dada polo xeneral Mola desde os primeiros momentos do golpe e seguido obedientemente polos demais militares golpistas, que foron os que con antelación a todas e cada unha das barbaridades cometidas polos asasinos aprobaron todas as accións de barbarie por eles cometidas.
Os Mártires de Anguieiro.
Moitas desas persoas vítimas do fascismo, para desgusto dos franquistas e dos partidos políticos nos que se agrupan (maiormente no Partido Popular), son homenaxeadas desde hai uns anos nas súas vilas, cidades ou lugares onde foron vilmente asasinados; actos realizados ao amparo da cada vez máis agredida liberdade de expresión existente no Estado Español.
Un acto dese tipo se realiza todos os anos en Cangas do Morrazo, organizado pola Asociación Memoria Histórica 28 de Agosto, data que fai referencia ao día no que no lugar do Anguieiro foron asasinados brutalmente polas hordas fascistas once persoas (tres mariñeiros, dous albaneis, cinco canteiros e un mecánico) das que se supoñía ou se sabía que non deron a súa aprobación á iniciativa militar fascista. É precisamente nesa data, o 28 de agosto, no que cada ano a citada asociación convoca un acto de homenaxe, en busca de recoñecemento xustiza e reparación para esas once persoas, denominados Mártires de Anguieiro; acto que se realiza diante do monólito erguido no lugar no que foron asasinados.
Onte, 28 de agosto de 2019, volveu celebrarse o citado homenaxe consistente nunha ofrenda floral, interpretacións musicais e lectura de relatos e poesías por diversas persoas, lectura do manifesto-homenaxe aos mártires e remate coa interpretación coral do Himno Galego. Alí estabamos, amais de membros da asociación organizadora, moitas persoas que recoñecemos a valía e a valentía de todas as persoas que durante o réxime franquista perderon a vida pola causa da defensa da liberdade ou polo simple feito de amosar a súa desaprobación co citado réxime impulsado por asasinos que non deixaron de matar, vexar, torturar e encarcerar ata ben entrado o ano 1977 a todas aquelas persoas que se opuxeron ao franquismo.
A resistencia dos fascistas á retirada da súa simboloxía-homenaxe aos asasinos.
Foi reveladora a intervención do alcalde de Cangas, que dirixiu a anterior corporación municipal e que acadou que se puidera retirar da fachada Sur da igrexa desa vila a cruz laureada do fascismo e os nomes doas persoas da vila que defenderon (voluntaria ou involuntariamente) ou impulsaron o réxime franquista, entre eles o xefe dos pistoleiros e asasinos da Falange Española daquela época José Antonio Primo de Rivera.
E digo que foi reveladora porque parece ser que desde a Igrexa Católica, o cura de extrema dereita que ten parroquia en Cangas (ao que xa teño feito referencia noutro artigo do blog), os elementos dereitistas do partido franquista e “patrimonio” (supoño que a sección da Xunta de Galicia -tomada polo partido franquista- que se encarga de velar polos bens que constitúan patrimonio galego) están empeñados en que o Concello de Cangas devolva a cruz fascista á Igrexa, suponse que coa intención de volvela a colocar no lugar no que estaba. Espero que iso non chegue a ocorrer, o normal sería que a citada cruz fascista sexa fundida e que o ferro resultante da fundición sexa utilizada para algo socialmente útil, se é posible.
Porque se a decisión fica nas mans da chamada Xustiza, que se di neutral pero moitos de cuxos membros van ás procesións na cualidade de xuíces dunha administración pública (para nada critico que participen a nivel persoal como os demais crentes), xa sabemos o que adoita pasar; porque xa pasou en Vigo coa franquista cruz laureada do Castro no que a xustiza deu o seu consentimento para manter ese monumento fascista na ladeira do monte. Tamén hai que dicir que iso ocorreu co apoio do alcalde vigués do PSOE (teñamos en conta a fiabilidade do PSOE e que o goberno municipal actual de Cangas tamén depende dese partido, que goberna en coalición con ACE). Así que, cangueses estade atentos e non permitades que ninguén, relixioso ou non, cometa outra aberración en memoria dos asasinos.
Memoria, xustiza e reparación. Viva a República!

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...