21 novembro 2019

ERE la grassia, Felipe e pandilla (se foran socialistas, isto non pasaba)

       Sentencia polos ERE de Andalucía. Mogollón de persoas ligadas ao felipismo pesoero condenadas por chanchullerismo clientelar. Parece que uns beneficiáronse persoal e economicamente dos feitos e outros o único beneficio que obtiveron foi o beneficio político. De todas maneiras, hai algo que eu non remato por entender se comparamos as condenas por este proceso coas condenas da Gurtel e do caso Bárcenas, onde o Partido Popular foi condenado como parte beneficiada pola corrupción de moitísimos dos seus dirixentes condenados. (Si, xa sei que foran apartados ou pediran a baixa no partido no intre de ser condenados; e tamén sei que o Partido Popular, a diferencia da Xunta de Andalucía, non é unha administración pública -aínda que haxa zonas xeográficas nos que poida haber case unha perfecta simbiose- senón unha entidade privada).

           Pero imos ao que non dou entendido. Por que a Griñan a a Chaves, dos que non se di que se aproveitaran persoalmente dos chanchullos ERE para enriquecerse persoalmente, colócanlle as penas altas que lles poñen (incluso cadea para Griñán) e aos presidentes e cargos directivos do Partido Popular, cando ocorreron os feitos que levaron ás condenas por corrupción e enriquecemento ilícito, nin sequera foron procesados? Non está máis que probado que, como din de Chaves e Griñán, tamén coñecían os fraudes do IVE ata cantidades delitivas penais nas obras dos seus locais e que foron beneficiarios de "sobres" con diñeiro negro (como se desprende dos "papeis de Bárcenas")? Non o entendo. A única explicación que lle atopo é que uns din que son socialistas e os outros está máis que probado que son reputados franquistas. Con isto non quero dicir que os xuíces quebren a lei cando xulgan a franquistas; simplemente que a súa apreciación dos feitos non coincide cunha parte importante da poboación. Eles aplican a lei, e se esas apreciacións foron ou non erradas, se pasáronse ou se quedaron curtos xa o dirán os tribunais de ámbito superior ou, en casos moi concretos, os tribunais de ámbito europeo, que, dito de paso e sen ánimo de ofender ou minusvalorar o "noso", non é a primeira vez que lle emendan a plana ao Tribunal Supremo de España ou ao Tribunal Constitucional nas súas interpretacións ou aseveracións de sentencias.

            En todo caso, supoño que isto ocorrido na Andalucía é unha das cousas que nos pode axudar a entender o "por que" de que os sectores felipistas e guerristas do PSOE cos seus respectivos líderes á cabeza non queiran un goberno do Estado presidido pola súa besta negra do PSOE e compartido con Podemos. Parecen preferir un goberno co beneficiado pola corrupción Partido Popular. Será iso, mellor con quen non vaia levantar as moquetas palacianas da corrupción. Non esquezamos que xa no pasado, non me lembro agora o ano, houbo unha condena a un irmán dun recto, casto e perfecto varón do PSOE por uso indebido de instalacións públicas para as súas actividades privadas. 

           Por outra parte, a sentencia non só é unha sentencia para os implicados directamente no asunto EREs, senón unha sentencia que de forma indirecta afecta á credibilidade da actual secretaria do PSOE de Andalucía, á vista polos sectores felipistas como a substituta de Pedro Sánchez na secretaría xeral do partido español que se atribúe as etiquetas de socialista e obreiro, se o "tamayazo" do que se fala nalgúns medios se confirma.

          En fin, que dirán agora os Felipe González, os Alfonso Guerra, os Rodríguez Ibarra, os Paco Vázquez, os Lambán, os Bono ou os Emiliano García Page? Nos esquezamos que a maioría destes castos e puros varóns foron dirixentes estatais do PSOE cando ocorreron os famosos chanchullos dos ERE.

18 novembro 2019

Queren unha Bolivia escravizada


 
Unha das malas novas da semana que remata foi a do golpe de Estado en Bolivia contra o Goberno de Evo Morales (escollido nas urnas). Volveron a utilizar, do mesmo xeito que en Venezuela, a escusa dunhas eleccións co reconto de votos presuntamente amañado para atacar a un goberno e a un presidente que desde o seu primeiro mandato ata o momento actual foi acadando que os recursos nacionais reverteran a súa riqueza no país e que a xustiza social volvera a estar presente en Bolivia.
Pese á intención do Presidente lexítimo de Bolivia de volver convocar eleccións para que non houbera dúbida algunha dos resultados, os golpistas deixaron claro coas súas sucesivas actuacións que o problema real non era o reconto electoral, senón as políticas sociais e económicas emprendidas por Evo Morales e os seus sucesivos gobernos desde o seu primeiro ano de mandato. Podemos velo no artigo de Álvaro García Liñera publicado na páxina web do Centro Estratégico Latinoamericano de Geopolítica (CELAG)  baixo o título de El odio al indio.
Un resume dos logros sociais e económicos acadados polos sucesivos gobernos de Evo Morales pode velo PULSANDO AQUÍ. (É un material que circula pola rede)

Os indutores do golpe son xentalla ligada ao goberno dos Estados Unidos (fálase de Bruce Willamson, encargado de negocios da embaixada USA en Bolivia como organizador do golpe, posiblemente co apoio dos asasinos da CIA e da NSA ianquis); estes contaron desde o primeiro momento coa participación activa da porcallada uniformada (eses que van alardeando ser homes de honra pero que de seguido, e cando hai cartos fáciles por medio, como demostra a historia en cada proceso involucionista social sexa no país que sexa, sempre van asasinando en favor dos máis poderosos, contra a maioría das poboacións, e para o seu propio peto, sen escrúpulos). Recibiron, segundo contan xornalistas, cada un dos xefes militares, un millón de dólares da embaixada ianqui por venderse para asestar un golpe á democracia de Bolivia. Foi o xeneral Williams Kaliman quen obedecendo as ordes dos asasinos do goberno dos EEUU dirixiu o golpe desde o exército e a policía. Suxeito indecente que ás 72 horas do golpe foise a vivir a non se sabe que sitio dos EE.UU. co seu millón de dólares.
Parece que os recursos naturais de Bolivia, sobre todo a máis grande reserva de litio do mundo, que o presidente democrático do país estaba disposto a facer que revertera en beneficio da maioría dos bolivianos e bolivianas, fixeron que as multinacionais e o goberno dos USA (non só o pallaso fascista que os preside, senón que tamén o restos dos seus políticos, militares e directores das axencias de asasinos) puxeran a Evo Morales no seu punto de mira por negarse a servir aos seus intereses.
O resultado foi o nomeamento irregular e ilegal dunha presidenta monicreque que reponde ao nome de Jeanine Áñez, cuxa procedencia política e ideolóxica descoñezo, pero que polas súas declaracións e maneiras é claramente unha persoa disposta a enriquecerse coa corrupción e a servir aos intereses do mellor ofertante estranxeiro, posiblemente, e seguindo a tradición das ditaduras latinoamericanas, a do país indutor do golpe; unha perfecta individua que representa os intereses das grandes "familias" do país vendidas ao capital estranxeiro. Unha presidenta que unha das primeiras medidas que fixo foi violar a constitución e as leis, establecendo disposicións tendentes ao control do país entre elas a de dar carta branca ao exército e á policía para asasinar impunemente aos opositores ao golpe, sen estar sometidos a responsabilidades nin investigación; outra foi poñer como xefe do exército boliviano a un xeneral da súa corda, supoño que tamén beneficiado co famoso millón de dólares. Unha presidenta que vai ser quen teña que responder diante do mundo se a situación boliviana dexenera nunha guerra civil ou nunha represión indiscriminada contra que non comulgue con ela e os seus golpistas (de momento xa están a ser detidos ilegalmente os deputados lexítimos escollidos polas forzas que apoiaron a Morales). E, coma sempre, coma ocorreu en Honduras, Chile de Allende, Arxentina, Brasil, etc. o resto dos países do mundo, agás aqueles gobernados por xente decente, non van dicir nin pío contra os delincuentes internacionales indutores do golpe de todos coñecidos.
Como non podía ser doutra maneira, o golpe de Estado e a presidenta golpista foron recoñecidas con celeridade por los suxeitos máis fascistas que rexentan cargos presidenciais no continente americano: o presidente dos Estado Unidos, Donald Trump, e o presidente do Brasil, Bolsonaro; dous pallasos fascistas ao servizo das grandes multinacionais. Amais destes individuos mencionados, tamén Guaidó, o pretendente fallido a ser presidente de Venezuela ao través dun golpe de estado deu por bo o asalto á presidencia de Bolivia por elementos golpistas, sediciosos e fascistas. Tampouco o presidente saliente da Arxentina, liberal como Rivera ou Casado e recentemente derrotado nas urnas, tardou en mostrarse disposto a recoñecer aos golpistas.
Pero unha das cousas máis graves acontecidas a nivel internacional e fora de Bolivia, na miña opinión e plo que nos toca, foi a calada por resposta e a asunción dos feitos pola Comisión Europea, que non condenou o golpe de Estado; simplemente limitouse a invocar unhas novas eleccións a curto prazo (lembremos que Evo Morales xa as estaba a convocar) santificando así o golpe de Estado. Xa acontecera algo similar co intento de golpe de estado contra Maduro e o recoñecemento de Guaidó, e volve a pasar con Bolivia. Non cabe dúbida de que os intereses que defenden os sen-vergoña que conforman a Comisión Europea non son os da maioría da poboación europea nin os dos procesos democráticos; desde Europa defenden os intereses , xunto co Banco Central Europeo, da oligarquía financeira internacional

Eu espero do goberno de Pedro Sánchez, aínda que non teño moita confianza nelo, que non faga o mesmo que fixo con Guaidó, que non se deixe empuxar polo amiguete de Carlos Andrés Pérez, que non recoñeza un goberno nacido dun golpe de Estado contra un presidente escollido democraticamente nas urnas e en disposición a convocar novas eleccións, como lle pediu a Organización de Estados Americanos (OEA) polas dúbidas que esta, sen argumentos nin probas, puxo ao reconto electoral das recentes eleccións bolivianas. Hai que sinalar que nos últimos tempos, a OEA parece máis unha axencia dos Estados Unidos destinada a volver facer de América Latina o seu patio traseiro que para defender os intereses dos países en se mesmos e do conxunto da rexión contra os abusos exteriores.
En fin, outro máis dos moitos feitos criminais que adornan a recente historia dos gobernos dos Estados Unidos de América e da historia mundial dos exércitos cheos de fascistas, nazis e corruptos.

11 novembro 2019

Sr. Sánchez: lucíuse vostede

Como non dou colgado isto en http://moncloa.gov.es, no apartado https://escribealpresidente.presidencia.gob.es/formulario, vou poñelo aquí, en aberto. Cunha pouca de sorte chegaralle ao destinatario. De todas formas tentareino máis adiante na web moncloita, cando paren de chorar e atendan.
Na Galiza, a 11 de novembro de 2019
Señor Presidente:
Vaian por diante os bos días e os meus e “parabéns” polos seus, e do seu partido, resultados electorais.
Xa hai tempo que tiña gana de dicirllo, directamente e por adiantado, porque o sospeitaba, pero por desgracia os resultados electorais me reafirman na necesidade de facelo: a súa maior contribución a este país coa súa gracia do adianto das eleccións xerais foi a contribución ao afianzamento electoral de Vox, de un partido nazi-fascista (ás cousas hai que chamalas polo seu nome; de extrema dereita era Strauss, aquel bávaro de CSU, que era moi dereitoso pero non era fascista nin nazi).
Dados os seus recentes antecedentes políticos non sei que vai pasar. Mais espero que non volva a poñer por diante dos intereses da maioría da poboación do Estado os intereses das confederacións de empresarios e dos banqueiros, como xa fixo coa súa negativa a estabelecer unha alianza de goberno que fixera unha política socialdemócrata na pasada lexislatura.
En todo caso, comentarlle (aínda que supoño que vostede xa o sabe) que ao fascismo se lle combate con medidas e programas clara e decididamente sociais; medidas e programas que incidan socialmente sobre todo no campo da redistribución das rendas, das relacións laborais, da dependencia, dos servizos sociais e, tamén, na educación. Programas que non necesitan ser de “esquerda revolucionaria”; simplemente baseados nos valores keynesianos; aínda que os grandes empresarios e banqueiros deste país, crecidos e alimentados á maioría deles ao amparo da corrupción franquista e postfranquista, non teñan especial simpatía por John M. Keynes.
Non faga o que os seus correlixionarios de Francia, Italia, Chequia, Grecia, Hungría, Polonia, etc. que coas súas políticas de medias tintas e de non desgustar aos especuladores, empresarios e banqueiros, que o único que conseguiron foi acadar un logro igual ao que vostede acadou: posibilitar o ascenso dos movementos nazi-fascistas nos seus países. Como pode observar a historia repítese: isto mesmo ocorreu na década dos anos 30 do século pasado coa socialdemocracia europea coas consecuencias por todos coñecidas e coas mesmas correntes ideolóxicas como protagonistas.
O que si pediríalle encarecidamente é que derrogue dunha vez (xa está ben de tanto falar e nada facer) a chamada Lei Mordaza e todos os artigos do Código Penal de carácter autoritario e fascista que están a provocar as delicias dos distintos suxeitos da extrema dereita que existen no interior das distintas institucións do Estado, que por desgracia (e temos en conta as diferentes actuacións contra manifestantes pacíficos -mesmo vellos preferentistas-, procesamentos e condenas de persoas por manifestar publicamente as súas opinións, sentencias peculiares en casos de violación ou escandalosas penas cautelares de prisión preventiva) parecen ser moitos. E os fascistas non poden ter cabida nas institucións dun país que se queira atribuír o cualificativo de Estado Democrático e de Dereito; hai que erradicalos sen miramentos das institucións.
En todo caso, vostede dirá. Sempre nos quedará Portugal, que aí si depuraron os aparatos do Estado de elementos fascistas e salazaristas.
Por último, dicirlle que espero que esta misiva pase o filtro do seu gabinete de Moncloa e chegue a vostede, porque xa vai sendo hora de que alguén lle diga as cousiñas. E comentarlle tamén que sigo a pensar o mesmo que hai dous meses: dado o seu comportamento político non merece vostede ser Presidente do Goberno; neste intre é vostede un mal menor.
Ah! Xa me esquecía: ese conselleiro seu, Iván Redondo, se foi que o convenceu, mellor... Pois iso. O cal non quita que o principal responsable da desfeita sexa vostede.
Sen máis polo momento, reciba un afectuoso saúdo.

08 novembro 2019

Malditos Nazi-Fascistas


O pasado luns, catro de novembro, puiden ver e escoitar un debate electoral organizado pola Asociación da Prensa de Madrid e que foi retransmitido pola maior parte das canles de televisión existentes no Estado Español. Nel participaban os cinco cabezas de lista por Madrid dos cinco principais partidos estatais, persoas que, á súa vez, eran os supostos candidatos de cada unha das forzas políticas a ocupar a presidencia do goberno do Estado.
Teño que dicir que nada novo esperaba de semellante evento desde o punto de vista de que cada quen arriara o seu discurso preestabelecido para establecer un verdadeiro debate sobre o que realmente ían facer se chegaban a ter maioría electoral. Supoñía que se ían centrar moito en Cataluña cos consabidos mensaxes repetidos ata a saciedade por cada un, que ían falar da economía cada quen tirando para o si e o ben que o fixeran ou puideran facer, que si a violencia de xénero, que si as coalicións ou pactos postelectorais, et., etc.

Un chulo. Un “tipejo” pijo e fascista.
Pero houbo algo que si me chamou a atención: a cara dura dun “tipejo” de ridícula perilla con aspecto de árabe africano que se pasou todo o tempo que falou colocando trola tras trola e falsificando dato tras dato, sen que ningún dos outros que estaba alí se molestara (agás algo moi illado) en desmentilo. Non sei canto tempo falaría o sen vergoña, pero calculo que de cada afirmación realizada máis do 90% sería unha falsidade e nove de cada dez datos (tirando polo baixo) proporcionados eran falsos. É dicir, moito tempo dedicado a falsificar a realidade. E non o digo eu só; á mañá seguinte case todos os medios informativos cunha pouca de decencia e de vergonza fixéronse eco de tales barbaridades alí expresadas por ese señorito. E teño que confesar que iso si me sorprendeu e cabreou: a cantidade de falsidades que lle permitiron soltar en tan pouco tempo con total impunidade. Ese home era un tal Santiago Abascal (Santi para Esperanza Aguirre), representante de Vox, que fixo todo un despregue de argumentacións homófobas, xenófobas, machistas e de índole autoritario, nazi e fascista; ideas que representaban ao seu partido. Polo tanto representaba a un partido nazi-fascista.
Era curioso e indignante a carraxe con que ese home se refería aos migrantes chegados ao noso país, poñéndoos coma delincuentes que pouco menos que o que buscaban era vivir sen traballar, que querían vivir das subvencións públicas e aproveitarse da sanidade española. Que recibían, incluso, máis axudas que os propios españois, axudas para case todo. Todo o que observando as estatísticas dos servizos sociais e dos diversos servizos estatais e autonómicos se demostra máis que falso, como deixaron patente ao día seguinte os medios decentes. Incluso chegou ao extremo de facer recaer sobre a migración a responsabilidade da maioría das violacións de mulleres habidas no Estado Español coa finalidade de crear xenofobia entre a poboación, cando sabe perfectamente que máis do 70% das violacións teñen os seus culpables entre españois. Preguntado por un xornalista sobre este particular poñendo en evidencia os seus datos e mentiras, o Santiago Abascal é tan covarde para asumir as súas mentiras cando o pillan que botoulle as culpas dos datos sobre “unha compañeira súa”, unha periodista.
E vai falar de vivir do conto ese señor, Abascal, que non pegou un pau á auga na súa vida e vivindo como un maharajá das “mamandurrias” que lle proporcionou o Partido Popular, incluído un chiringuito do que ninguén sabe cal era a súa función e do que sacaba unha boa tallada mensual. Pero cando alguén lle recorda a súa vida fácil, o señorito sempre acude a a un discurso do tipo “se ti estiveras no País Vasco e tiveras que marchar como eu por estar ameazado por ETA non falarías así”. Un puto covarde; moitos foron ameazados no País Vasco e alí se quedaron dando a cara e defendendo aquelo no que crían.
Outra cousa que me cabreou moito foi a obsesión dese partido por atacar a seres indefensos, aos Menores Non Acompañados (Menas), nenos que están sos no mundo e que buscan refuxio en fogares públicos ou que incluso dormen nas rúas pasando frío, fame e todo tipo de calamidades e abusos. Seguro que ese imbécil, ese covarde, non se atreve de un en un con alguén do seu tamaño; só fixa a súa atención en seres indefensos coma eses nenos.
Erradicar o fascismo e aos fascistas.
É urxente, moi urxente, desenmascarar a todos estes elementos nazi-fascistas que pretenden acabar co sistema de liberdades para poder acampar ás súas anchas. Hai que erradicalos. Queren retrotraer o Estado ao franquismo, a un réxime corrupto no que os dirixentes e os seus amiguiños roubaron a mans cheas. Queren un país onde supostos arquitectos sen titulación poidan asinar proxectos de obra con total impunidade e onde promotores inmobiliarios poidan saltarse a normativa urbanística e ninguén lle diga nada, onde xentuza do máis diverso e indesexable poida vivir do conto e onde os xulgados parezan cuarteis militares en vez de lugares onde impartir xustiza. Queren un país onde os abusos sobre as persoas sexan pan de todos os días e onde as mulleres sexan tratadas coma trapos e obxectos ao servizo dos varóns. Queren un país onde os únicos africanos tolerados e ben tratados sexan aqueles cardenais amigos de Teodoro Obiang e amigos de Rouco Varela e dos bispo de Alcalá, todos eles de recoñecida traxectoria integrista e involucionista. Onde os individuos e colectivos LGTBI non poidan amosar as súas orientacións en público. Queren un país onde os únicos migrantes tolerados sexan aqueles que non esixan que os traten coma persoas e que se deixen explotar coma animais, que non denuncien abusos como fixeron moitos recentemente no mar de plásticos de Almería onde ficaron máis que claras as causas do aumento do voto a VOX nas andaluzas. Queren un país no que poidan contratar man de obra escrava, onde poidan substituír aos traballadores con dereitos por traballadores sen dereitos, teñan estes da nacionalidade que teñan. Queren un país no que non se persigan aos violadores nin aos maltratadores de mulleres. Queren un país onde non se eduque aos nenos en liberdade, onde se lles eduque nunha moral caduca e baseada en prexuizos do máis morboso, vicioso, malvado e ao servizo dos poderosos. Queren un país morto no que eles poidan vivir unha vida de película a conta dos demais.
Hai que erradicalos; a eles e aos seus aliados. Erradicalos do sistema de representación, erradicalos de todas as institucións do Estado nas que estean instalados, erradicalos do sistema educativo, erradicalos do todas as partes. Non poden formar parte dun Estado democrático.
Supoño que este non é un tema que se esgote aquí. Xa me gustaría. E que seguirei escribindo sobre esa casta de lixo social involucionista que son os nazi-fascistas. Pero tamén dos que lle lamben as babas e que, pola súa propia conveniencia curtopracista, se achegan a eles. E falo do Partido Popular e de Ciudadanos, impresentables na súa actitude en relación a Vox e que, con esa labor continuada de branqueo, lle están a favorecer a súa expansión.
Malditos sexades, fascistas!

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...