13 xaneiro 2020

Habemus goberno. É PSOE de fiar?

Esta entrada vai irse escribindo pouco a pouco e día tras día, mentres se conforma o novo goberno do Estado presidido por Sánchez e saído dun acordo con Unidas Podemos (UP). Hoxe é venres, día 10 de xaneiro de 2020, e parece que xa se empeza a confirmar aquelo que en dúas entradas xa bastante antigas eu comentaba (1): “O PSOE non é de fiar”.
E neste caso refírome ao cumprimento do denominado acordo entre os impulsores do novo goberno. Por unha parte, alguén ten filtrado aos medios, antes de que o Presidente do Goberno fixera os nomeamentos, os nomes das persoas que por parte de UP ían ter carteiras ministeriais e cales ían ser os altos cargos vinculados a esas carteiras. A meirande parte da fauna mediática coincide en sinalar como responsable das mesmas fontes procedentes de UP, mais ninguén o asegura de forma rotunda, agás aquela vinculada ao propagandismo franco-fascista. Ten senso que iso sexa así, mais non podemos descartar que esa suposta “infidelidade” teña a súa orixe en fontes internas da outra parte do acordo. Non sería nada estraño que houbera quen tratara de seguir a súa xeira de intentos de desprestixio do partido de Pablo Iglesias (e non falo necesariamente dos sectores ultra-felipistas do PSOE) e de xustificar o inxustificable; por exemplo o acontecido no día seguinte. Por outra parte, Pablo Iglesias, nunha entrevista realizada no programa El Intermedio e emitida cando xa o antedito era público, negouse a dar nomes dos ministrables e cargos gobernamentais por UP, atribuíndo a o Presidente do Goberno esa competencia. E logo, quen foi? (tamén pode ser que a alguén nomeado se lle fixera o cu gaseosa diante da certeza de ocupar un ministerio e botara as campás a repicar, o cal sería triste e diría moi pouco desa persoa). O caso é que a filtración ocorreu.
Trileros versus inexperiencia.
Parece que o acordo de goberno, na parte non escrita, contemplaba que o novo goberno do Estado presidido por Sánchez contaría con tres vicepresidencias unha das cales recaería no líder de Podemos, doutra sería titular a señora Nadia Calviño e unha terceira que non se sabía a ciencia certa en quen ía recaer. Cal non sería a sorpresa dos medios de información e, incriblemente tamén, dos dirixentes de Unidas Podemos cando desde Moncloa se anuncia unha carta vicepresidencia. Fica claro que as persoas que negociaron por Unidas Podemos non amarraron ben os acordos, que sufriron a súa inexperiencia diante dunhas persoas con moita experiencia no ámbito político que desexaban ter as mans o máis libres posibles para facer o que estimaran oportuno no futuro sen que puideran ser acusadas de rachar acordos.
A interpretación maioritaria da fauna mediática (desde a extremista da dereita ata a máis proclive ao goberno), aparte de valoracións doutra índole máis ideolóxica, era que esa cuarta vicepresidencia non pretende máis eclipsar a presencia de Pablo Iglesias dentro do goberno xa que a capacidade mostrada por este nas súas relacións públicas podería facer que a visibilidade da parte pesoera do goberno ficara eclipsada, sobre todo a dun Pedro Sánchez cuxas habilidades mediáticas está demostrado que deixan bastante que desexar e que con certa frecuencia mete a pata nas súas aparicións públicas. Amais, crúzanse as competencias da nova vicepresidencia de Transición Ecolóxica cunha parte da vicepresidencia atribuída a Iglesias (a da axenda 2030 e cambio climático). Algunhas fontes, desde dentro do PSOE, xustifican esta porcallada política (porque é unha verdadeira porcallada, digan o que digan) con que a creación de ministerios e organización do goberno é competencia do Presidente e que non estaba contemplada no pacto; cousa que ninguén nega, pero que estou seguro que retorce case ata afogar o acordo acadado polas partes. Cousas básicas e comúns no PSOE, que non só o fai nos acordos con outros senón tamén nos propósitos públicos electorais, cousas ás que eu, desde logo e con todo o calo que levo acumulado, non me dou acostumado; estas cousas non fan máis que afianzar a miña desconfianza no partido felipista español e provocarme náuseas; tantas como as que me provocan Vox, o Partido Popular ou a dereita catalá.
Engaiolados nun goberno.
A primeira xogada, a filtración dos cargos e ministerios de UP, parece (e digo parece) que foi bastante mal acollida por sectores do PSOE e achegados a el; pero os reproches non pasaron máis que de insinuacións. O mesmo ocorreu co retorcemento do acordo polo PSOE ao crear unha nova vicepresidencia que, aínda sen alporizarse en público, tampouco sentou moi ben en Unidas Podemos pero mantivéronse calados.
Xa estamos no luns 13 de xaneiro e ministros e ministras xa xuraron ou prometeron o seu cargo. Será un Consello de Ministros totalmente controlado polo PSOE, cheo de xentes de sentimento capitalista e ultraliberal polos catro costados, que van actuar de muro de contención das potenciais políticas progresistas e que van baleirar de contidos as potenciais intencións dos ministrables atribuídos a Unidas Podemos. Quen vai cortar o bacallau será o “Trío Liberal a Tope” desde os seus Ministerios de Economía, de Seguridade Social – Migracións – Inclusión, e o de Facenda.
A derrogación ou modificación progresista das reformas laborais do Partido Popular e do PSOE, que se supón se pretende impulsar desde o Ministerio de Traballo, vai ser bloqueada en parte polo liberal titular do Ministerio de Seguridade Social, Migracións e Inclusión, aspectos esenciais en calquera reforma laboral. Igualmente, este último ministerio vai deixar en auga de borrallas as aspiracións dos actuais e dos futuros pensionistas; vai condenar á pobreza extrema a todas aquelas persoas que están inmersas nun mercado laboral viciado, inmoral e inxusto nacido das dúas últimas reformas laborais. Se ben parece que si van derrogar a reforma das pensións de 2013, para nada se fala da de 2011 que fala da necesidade de establecer un “factor de sustentabilidade” e do aumento da idade de xubilación ata os 67 anos; en troque si falan (os ultraliberais) do alongamento da idade laboral e de considerar toda a vida laboral a efectos de cálculo da pensión; unha verdadeira desvergonza partindo dun partido que se autodefine coma progresista.
Ao Ministerio de Universidades se lle secuestra unha das partes máis importantes de calquera universidade, a parcela da investigación. Crease un Ministerio de Ciencia que vai ser controlado desde o PSOE. O de Universidades vai quedar ás expensas das decisións orzamentarias de Ministerio de Facenda e dos acordos aos que poida chegar cos da Ciencia, un controlado por persoa que durante a súa vida pública na Xunta de Andalucía caracterizouse pola falla de apoio orzamentario ás areas sociais de goberno, o outro por achegados ao PSOE. Dos fondos dotados por Facenda tamén dependen Igualdade e Consumo, que igualmente poden ficar baleiros de contido por canto as súas accións políticas van estar estreitamente vinculadas ás dotacións orzamentarias.
E xa temos falado da Vicepresidencias de Iglesias e de Transición Ecolóxica e os seus potenciais cruces no eido do medio ambiente.
Total, que a min dáme que en Unidas Podemos deixáronse tomar o pelo polo PSOE. Supoño que estas inconcrecións veñen determinadas polas ansias de tocar goberno e a curta experienciade na negociación política de uns , por unha parte, e a experiencia dos outros en colocar motos sen rodas como solucións óptimas de mobilidade veloz pola outra. Moitos anos, desde o ano 1976, estafando politicamente ao persoal.
E que saída lle queda a Unidas Podemos? Pois simplemente achantar co que hai. Se decide rachar o pacto, sairalle o PSOE dicindo que tanto querer para nada facer; e iso sen contar co custe electoral que para a coalición da esquerda socialdemócrata puidera ter. Se fican no goberno van facer o labor duns gregarios aos que só se lles vai lembrar porque non foron quen de levar a bo termo ningunha das súas propostas electorais máis coñecidas. Como mantiña alguén de dentro de Podemos, mais lles valía ter apoiado a investidura de Sánchez e manterse como unha oposición correctora pola esquerda, sen entrar de comparsas nun goberno para branquear a un partido que non é nin sequera socialdemócrata.
Cumprirá o goberno do PSOE os demais pactos asinados?
Imaxino que uns si, outros non en boa medida e outros tentará de esquivalos.
Os que teña acadado co PNV e con ERC, se queren seguir no goberno non terán máis remedio que cumprilos. O pactado son cuestións concretas, non xenéricas como o foron as máis importantes das acadadas con Unidas Podemos, e non lles fica outra que cumprilas. Amais tanto PNV como ERC coñecen perfectamente como se move a súa parella de baile.
O pacto acadado co BNG tamén é concreto nas obrigas comprometidas polo partido felipista; e o deputado do nacionalismo galego xa deixou moi claro que o seu apoio era de investidura non de lexislatura; e que a continuidade do mesmo ía depender do cumprimentos dos acordos acadados. Sinalar que a experiencia do BNG na confección de pactos é moi ampla, non son novatos recen chegados á política. E non esquezamos, tampouco, que xa tiveron ocasión de lidar co PSOE durante a transición e, tamén, tivérono como aliado de goberno na Xunta de Galicia o que lles proporciona un coñecemento moi valioso das posibles mañas trapalleiras coas que os outros pretendan xogar.
Respecto aos demais pactos non podo falar, porque os descoñezo. En todo caso, de ser un asinante de algún deles, eu estaría coa mosca detrás da orella.
A ver que pasa.

05 xaneiro 2020

EN REALIDADE, QUE É O QUE A DEREITA QUERE?

Alguén debería de se facer a pregunta de que é o que realmente quere a dereita do Estado Español, tanto a nacionalista española como a nacionalista catalá. A resposta é sinxela: posuír o goberno aínda que non o teña acadado nas urnas, sexa cal sexa o seu ámbito territorial de actuación. O método: calquera lles vale; non teñen principios democráticos. E cando falo da dereita non estou a falar soamente das súas expresións políticas senón, o sobre todo, dos que están detrás das mesmas e de quen contribúe á sua formación e mantemento. Dos que teñen o poder, non dos que gobernan ou queren gobernar.

O principio clásico e histórico de todas as dereitas políticas é único: defender os privilexios da clase á que defenden a toda costa, sexa cal sexa o método que utilicen para acadalo. Usan métodos diferentes, pero todos eles tórnanse violentos para controlar e esmagar aos máis débiles. Unhas veces válense dos aparatos xudiciais (cuxos membros maiormente teñen a súa orixe nas clases máis podentes e maiormente están aliñados ideoloxicamente coa dereita extrema) para tratar de evitar que as urnas non lle dean a vitoria a quen promete medidas para evitar os abusos (dos bancos, da patronal ou das multinacionais) contra o país e a súa poboación; así o fixeron os mentores de Bolsonaro no Brasil e tamén parece que pretenden facer os mentores do franquista Partido Popular, de Ciudadanos e dos nazi-fascistas de Vox na actualidade e no Estado Español.

Se os mentores e organizadores da dereita política consideran que os seus intereses corren serio perigo e que non lles resultan os seus artificios ao través das leis e do aparello xudicial, non teñen ningún recato para recorrer a salvapatrias uniformados para dar golpes de Estado ou forzar cambios nas orientacións políticas dos gobernantes non afectos; por poñer algúns exemplos, así pasou na España da República, na Grecia do coroneis, no Chile de Allende, na Arxentina de Videla...; ou máis recentemente o 23-F no Estado Español,  os golpes contra Manuel Celaya en Honduras, contra a Venezuela de Chávez (aquí con probado apoio do goberno aznarista do Partido Popular) ou na Bolivia de Evo Morales; casi todos eles con consecuencias sanguentas (agás o golpe contra Chávez, que foi neutralizado polo groso do exército venezolano, e o 23-F onde se di que se solaparon tres golpes distintos e dous deles fallaron) para as súas respectivas poboacións e que se traduciron nunha falla de liberdades democráticas e falla de respecto aos dereitos humanos por parte da podremia militar corrupta e fascista. O que hai que sinalar é que cada vez que estes salvapatrias uniformados accederon ao poder mediante a violencia sucedéronse asasinatos masivos da poboación ou asasinatos selectivos de opositores, desaparicións de cidadáns demócratas, torturas, fame e miseria,... Outros dos resultados habidos nestes procesos golpistas azuzados pola oligarquía financeira cando nos lles resultan os seus servidores políticos, tal e como como demostra a historia, é que eses salvapatrias uniformados que se autodenominan “homes de honra” mostran que a súa honra estaba máis ligada á capacidade de enriquecerse persoalmente e converterse -os que xa non o eran- en corruptos que beneficiar ao conxunto da poboación; feitos que van desde apropiarse de doazóns realizadas para mitigar os sufrimentos da poboación, pasando pola participación en negocios de dubidosa moralidade, de aprobar proxectos de obras e comunicacións só se a mordida era consistente, de vender os subministracións destinados aos comedores dos cuarteis a outros negociantes sen escrúpulos, ... e outras menos graves como as de utilizar a membros da soldadería como man de obra para servir de camareiros, arranxar os seus domicilios particulares ou ir a cargar coas bolsas da compra doméstica. O que desminte o seu presunto “patriotismo”. É dicir, xentalla sen ética nin moral que se autopublicitan como “salvadores da patria e homes de honra” pero que no fondo non son máis que gansters con medallas e galóns. E diso sabemos moito neste Estado Español.

E que pasa aquí e hoxe coa dereita?

Na actualidade e aquí, a dereita segue a non crer na democracia; como antes, nunca creron nela; simplemente usárona para acadar e defender os seus intereses exclusivos. Porque, cre alguén que Fraga era un demócrata? Ou que o era Aznar ou Mariano Rajoy? Ou que o é Pablo Casado, Abascal, Feijóo ou Arrimadas o son?. Todos eles son peóns situados polos que realmente mandan en instrumentos (os seus partidos políticos) que están para servir aos intereses da oligarquía e o gran empresariado. Calquera que aprecie e sinta as liberdades democráticas e os dereitos humanos debería saber, aínda que só sexa polo que din e predican, que non eran nin son demócratas; xa non digamos se nos fixamos no que fan directamente eles ou os seus correlixionarios.

Fica claro que non son demócratas nas actuacións acometidas por eles cando tiveron poder gobernamental:

  • Defensa, a través de leis laborais e fiscais, dos intereses dos grandes empresarios e banqueiros españois que medraron ao amparo da represión e da corrupción do réxime de Franco ou dos intereses das grandes multinacionais, dirixidas en España polos descendentes das camadas empresariais franquistas (ás que incluso chegan a facilitarlle que se fagan con vivendas que na súa orixe estiveron financiadas polo Estado para ser dedicadas a alugueiro social para as clases máis desfavorecidas e que coa súa funesta intervención pasan a deixar na rúa a centos de familias por non poder facer fronte a subas salvaxes dos prezos do alugueiro).
  • Represión policial contra aquelas persoas que defenden os intereses dos traballadores, das persoas desafiuzadas das súas vivendas ou que se opoñen publicamente aos abusos das entidades bancarias. Represión policial directa contra toda aquela persoas que “osa” defender os seus dereitos amosándose desconforme co algunha ou algunhas actuacións policiais e o manifesta de forma correcta e directamente a quen as realiza.
  • Mantemento ou creación de privilexios a sectores sociais xa de por si privilexiados ao través da educación e do sistema fiscal.
  • Leis que limitan ou condicionan os dereitos máis básicos do ser humano enunciados na carta dos dereitos humanos, que enuncian lexislacións laborais que permiten que innumerables (por non dicir a inmensa maioría) empresarios sen vergoña e mentalmente apodrecidos exploten dunha maneira inmisericorde aos seus traballadores e traballadoras chegando incluso a despedilos por estaren doentes. Sinalar especificamente os ataques á liberdade de expresión utilizando vericuetos xudiciais para atacar aos seus adversarios políticos que teñen consecuencias como o inxusto encarceramento de tres tiririteiros en Madrid, a condena e procesamento de Valtonic, o vocalista de Def con Dos ou o procesamento de tuiteros ou blogueiros por criticar ou ridiculizar (que é unha forma de crítica) a institucións para eles sagradas tanto da dictadura franquista como do réxime monárquico post-franquista actual.
  • Empresarios que obrigan aos seus traballadores e ás súas traballadores a disfrazarse de empresarios e empresarias autónomas para aforrarse as cotas da seguridade social e non contraer obrigas laborais con eles, e que incluso lles obrigan a mercar as súas ferramentas de traballo.
  • Políticos que permiten que certos empresarios teñan convertidos os centros de ensino en vehículos transmisores de ideoloxías machistas, ultradereitistas, xenófobas, reaccionarias e focos de proselitismo relixioso; que subvencionan a un ensino privado que, aparte da baixa calidade e dirixismo ideolóxico das súas prácticas educativas, poñen o acento en segregar ao alumnado segundo o seu sexo e imparten unha doutrina de dominación e abuso das mulleres por parte dos homes.
  • Limitacións dos importes e dos dereitos a recibir unha pensión de xubilación digna, favorecendo aos banqueiros no impulso de plans de pensións privados que, debido aos baixos salarios que permitiron e a inseguridade e baixa calidade dos traballos, só poden ser subscritos por persoas con capacidade adquisitiva.
  • Xentalla baixo cuxos gobernos miles de xoves (moitos deles con altos niveis de formación) tiveron que emigrar para poder atopar un traballo remunerado que lles permitira vivir pola súa conta e organizar un futuro vital.

Todo o anteriormente mencionado e moito máis ocorreu durante os mandatos de gobernos apoiados ou dirixidos polos anteriormente mencionados. E iso que xa non entramos nos dereitos colectivos das distintas nacións que conforman o Estado Español, ás que se lles nega o seu dereito a decidir e cuxos políticos son encarcerados e despoxados dos seus dereitos máis básicos por defender posicións políticas perfectamente legales, incluso saltándose os seus dereitos de inmunidade que as leis da Unión Europea lles confire. O mesmo pasa cos ataques constantes dos representantes políticos da oligarquía financeira e dos grandes empresarios contra as distintas linguas e culturas do Estado, ás que pretenden soimeter a unha visión centralizadora e uniformizante das mesmas (ao mellor é que son tan burros, tan burros, tan burros que non o entenden; algúns non dubido de que si o son).

Esa é a sociedade española creada pola dereita e os seus representantes políticos. Coa colaboración inestimable de xentes e presidentes do goberno procedentes do PSOE, coma Felipe González, e os seus ministros de economía, facenda, xustiza e interior ultraliberais ou partidarios da patada na porta e da formación de cloacas policiais que aínda hoxe perviven; desde Solchaga e Boyer ou Barrionuevo e Corcuera ata a última responsable de economía do goberno Zapatero e pasando por Solbes. Ministros e gobernos do PSOE que respondían fielmente ás expectativas postos neles polos empresarios e banqueiros españois, ministros e gobernos que moitas veces tamén foron apoiados, inexplicablemente, nas súas políticas por importantes membros do Partido Comunista de España da transición. Sinalar que a maioría destes últimos remataron por pasar a formar parte das filas pesoeiras, sustentando en moitos casos importantes cargos en fundacións e outras verbenas dependentes do partido felipista.

É necesario trocar con todo isto. Vai ser posible facelo por vía electoral? O acordo asinado por Unidas Podemos e o PSOE é unha declaración de intencións coa que poñerse a camiñar. Unha declaración de intencións que non sei se algún dos asinantes vai tentar de traducir en feitos e medidas lexislativas (do PSOE permítaseme que o dubide). Certo, tamén, que é moi limitado o proxecto; máis tamén é certo que se trata dun proxecto socialdemócrata de baixa intensidade que contribuiría a poñer ao Estado Español nun nivel social (e quizá sexa isto o máis importante e unha das cousas que menos interesa á clase dominante) semellante ao de Francia, Alemania ou Italia;  e a mellorar notablemente o nivel de vida do conxunto dos traballadores, así como frenar os abusos empresariais realizados e institucionalizados ao amparo das leis promulgadas pola maioría franquista do parlamento español baixo o goberno de Mariano Rajoy, e iso é o que realmente preocupa aos grandes empresarios e aos membros da oligarquía financeira española e internacional. Ese tímido programna de goberno tamén sería bo para o pequeno e mediano empresario, tanto na fiscalidade como na súa contribución a polo menos aminorar os abusos aos que a gran empresa somete ás PEMES, sobre todo na subcontratación de obra pública, no comercio de alimentación en fresco e na obtención de fondos para o financiamento dos seus proxectos.

A alta burguesía e a oligarquía financeira non van estar contentas e van facer todo o posible porque non haxa unha volta atrás nos seus abusos, e como xa teñen anunciado os seus representantes políticos van facer todo o posible porque iso non ocorra. Xa o fixeron desde as súas organizacións profesionais e confesionais; tamén fixérono voceiros do partido nazi-fascista desde Mallorca e fixérono os voceiros parlamentarios dos mesmo na sesión de investidura de Sánchez. Tamén o fixeron os voceiros do franquista Partido Popular e os seus ecos e acólitos de Navarra e Asturias nesa mesma sesión. Sen esquecernos de toda a súa caverna mediática cos seus ataquen continuados ao potencial novo goberno e desde onde algun dos seus destacados xornalistas de orientación fascista ten chamado a unha asonada dos salvapatrias uniformados.
Pero non só fica a palabra pronunciada, senón tamén os apupos, emitidos desde as bancadas dos deputados nazi-fascistas e dos deputados do partido franquista, recibidos no Parlamento nesa mesma sesión por persoas pertencentes a forzas políticas con representación parlamentaria cando condenaban con dureza a represión policial selectiva e defendían posicións para as que foron escollidos polos seus votantes. Que se pode ou non estar de acordo coas súas intervencións, pero merecen un respecto como representantes de amplos sectores sociais que son. Amais as súas protestas fixeron base, como se poderá ler no diario de sesións do Congreso, en mentiras grandes coma templos; simplemente unha excusa máis para facer máis dificil a gobernabilidade do Estado. Os nazi-fascistas e os franquistas permítense insultar, mentir,... desde os seus escanos ou desde a tribuna do Congreso, pero non admiten que ninguén lles leve a contraria e que poña en dúbida ou denuncie as súas inexactitudes. Puro fascismo.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...