13 xaneiro 2020

Habemus goberno. É PSOE de fiar?

Esta entrada vai irse escribindo pouco a pouco e día tras día, mentres se conforma o novo goberno do Estado presidido por Sánchez e saído dun acordo con Unidas Podemos (UP). Hoxe é venres, día 10 de xaneiro de 2020, e parece que xa se empeza a confirmar aquelo que en dúas entradas xa bastante antigas eu comentaba (1): “O PSOE non é de fiar”.
E neste caso refírome ao cumprimento do denominado acordo entre os impulsores do novo goberno. Por unha parte, alguén ten filtrado aos medios, antes de que o Presidente do Goberno fixera os nomeamentos, os nomes das persoas que por parte de UP ían ter carteiras ministeriais e cales ían ser os altos cargos vinculados a esas carteiras. A meirande parte da fauna mediática coincide en sinalar como responsable das mesmas fontes procedentes de UP, mais ninguén o asegura de forma rotunda, agás aquela vinculada ao propagandismo franco-fascista. Ten senso que iso sexa así, mais non podemos descartar que esa suposta “infidelidade” teña a súa orixe en fontes internas da outra parte do acordo. Non sería nada estraño que houbera quen tratara de seguir a súa xeira de intentos de desprestixio do partido de Pablo Iglesias (e non falo necesariamente dos sectores ultra-felipistas do PSOE) e de xustificar o inxustificable; por exemplo o acontecido no día seguinte. Por outra parte, Pablo Iglesias, nunha entrevista realizada no programa El Intermedio e emitida cando xa o antedito era público, negouse a dar nomes dos ministrables e cargos gobernamentais por UP, atribuíndo a o Presidente do Goberno esa competencia. E logo, quen foi? (tamén pode ser que a alguén nomeado se lle fixera o cu gaseosa diante da certeza de ocupar un ministerio e botara as campás a repicar, o cal sería triste e diría moi pouco desa persoa). O caso é que a filtración ocorreu.
Trileros versus inexperiencia.
Parece que o acordo de goberno, na parte non escrita, contemplaba que o novo goberno do Estado presidido por Sánchez contaría con tres vicepresidencias unha das cales recaería no líder de Podemos, doutra sería titular a señora Nadia Calviño e unha terceira que non se sabía a ciencia certa en quen ía recaer. Cal non sería a sorpresa dos medios de información e, incriblemente tamén, dos dirixentes de Unidas Podemos cando desde Moncloa se anuncia unha carta vicepresidencia. Fica claro que as persoas que negociaron por Unidas Podemos non amarraron ben os acordos, que sufriron a súa inexperiencia diante dunhas persoas con moita experiencia no ámbito político que desexaban ter as mans o máis libres posibles para facer o que estimaran oportuno no futuro sen que puideran ser acusadas de rachar acordos.
A interpretación maioritaria da fauna mediática (desde a extremista da dereita ata a máis proclive ao goberno), aparte de valoracións doutra índole máis ideolóxica, era que esa cuarta vicepresidencia non pretende máis eclipsar a presencia de Pablo Iglesias dentro do goberno xa que a capacidade mostrada por este nas súas relacións públicas podería facer que a visibilidade da parte pesoera do goberno ficara eclipsada, sobre todo a dun Pedro Sánchez cuxas habilidades mediáticas está demostrado que deixan bastante que desexar e que con certa frecuencia mete a pata nas súas aparicións públicas. Amais, crúzanse as competencias da nova vicepresidencia de Transición Ecolóxica cunha parte da vicepresidencia atribuída a Iglesias (a da axenda 2030 e cambio climático). Algunhas fontes, desde dentro do PSOE, xustifican esta porcallada política (porque é unha verdadeira porcallada, digan o que digan) con que a creación de ministerios e organización do goberno é competencia do Presidente e que non estaba contemplada no pacto; cousa que ninguén nega, pero que estou seguro que retorce case ata afogar o acordo acadado polas partes. Cousas básicas e comúns no PSOE, que non só o fai nos acordos con outros senón tamén nos propósitos públicos electorais, cousas ás que eu, desde logo e con todo o calo que levo acumulado, non me dou acostumado; estas cousas non fan máis que afianzar a miña desconfianza no partido felipista español e provocarme náuseas; tantas como as que me provocan Vox, o Partido Popular ou a dereita catalá.
Engaiolados nun goberno.
A primeira xogada, a filtración dos cargos e ministerios de UP, parece (e digo parece) que foi bastante mal acollida por sectores do PSOE e achegados a el; pero os reproches non pasaron máis que de insinuacións. O mesmo ocorreu co retorcemento do acordo polo PSOE ao crear unha nova vicepresidencia que, aínda sen alporizarse en público, tampouco sentou moi ben en Unidas Podemos pero mantivéronse calados.
Xa estamos no luns 13 de xaneiro e ministros e ministras xa xuraron ou prometeron o seu cargo. Será un Consello de Ministros totalmente controlado polo PSOE, cheo de xentes de sentimento capitalista e ultraliberal polos catro costados, que van actuar de muro de contención das potenciais políticas progresistas e que van baleirar de contidos as potenciais intencións dos ministrables atribuídos a Unidas Podemos. Quen vai cortar o bacallau será o “Trío Liberal a Tope” desde os seus Ministerios de Economía, de Seguridade Social – Migracións – Inclusión, e o de Facenda.
A derrogación ou modificación progresista das reformas laborais do Partido Popular e do PSOE, que se supón se pretende impulsar desde o Ministerio de Traballo, vai ser bloqueada en parte polo liberal titular do Ministerio de Seguridade Social, Migracións e Inclusión, aspectos esenciais en calquera reforma laboral. Igualmente, este último ministerio vai deixar en auga de borrallas as aspiracións dos actuais e dos futuros pensionistas; vai condenar á pobreza extrema a todas aquelas persoas que están inmersas nun mercado laboral viciado, inmoral e inxusto nacido das dúas últimas reformas laborais. Se ben parece que si van derrogar a reforma das pensións de 2013, para nada se fala da de 2011 que fala da necesidade de establecer un “factor de sustentabilidade” e do aumento da idade de xubilación ata os 67 anos; en troque si falan (os ultraliberais) do alongamento da idade laboral e de considerar toda a vida laboral a efectos de cálculo da pensión; unha verdadeira desvergonza partindo dun partido que se autodefine coma progresista.
Ao Ministerio de Universidades se lle secuestra unha das partes máis importantes de calquera universidade, a parcela da investigación. Crease un Ministerio de Ciencia que vai ser controlado desde o PSOE. O de Universidades vai quedar ás expensas das decisións orzamentarias de Ministerio de Facenda e dos acordos aos que poida chegar cos da Ciencia, un controlado por persoa que durante a súa vida pública na Xunta de Andalucía caracterizouse pola falla de apoio orzamentario ás areas sociais de goberno, o outro por achegados ao PSOE. Dos fondos dotados por Facenda tamén dependen Igualdade e Consumo, que igualmente poden ficar baleiros de contido por canto as súas accións políticas van estar estreitamente vinculadas ás dotacións orzamentarias.
E xa temos falado da Vicepresidencias de Iglesias e de Transición Ecolóxica e os seus potenciais cruces no eido do medio ambiente.
Total, que a min dáme que en Unidas Podemos deixáronse tomar o pelo polo PSOE. Supoño que estas inconcrecións veñen determinadas polas ansias de tocar goberno e a curta experienciade na negociación política de uns , por unha parte, e a experiencia dos outros en colocar motos sen rodas como solucións óptimas de mobilidade veloz pola outra. Moitos anos, desde o ano 1976, estafando politicamente ao persoal.
E que saída lle queda a Unidas Podemos? Pois simplemente achantar co que hai. Se decide rachar o pacto, sairalle o PSOE dicindo que tanto querer para nada facer; e iso sen contar co custe electoral que para a coalición da esquerda socialdemócrata puidera ter. Se fican no goberno van facer o labor duns gregarios aos que só se lles vai lembrar porque non foron quen de levar a bo termo ningunha das súas propostas electorais máis coñecidas. Como mantiña alguén de dentro de Podemos, mais lles valía ter apoiado a investidura de Sánchez e manterse como unha oposición correctora pola esquerda, sen entrar de comparsas nun goberno para branquear a un partido que non é nin sequera socialdemócrata.
Cumprirá o goberno do PSOE os demais pactos asinados?
Imaxino que uns si, outros non en boa medida e outros tentará de esquivalos.
Os que teña acadado co PNV e con ERC, se queren seguir no goberno non terán máis remedio que cumprilos. O pactado son cuestións concretas, non xenéricas como o foron as máis importantes das acadadas con Unidas Podemos, e non lles fica outra que cumprilas. Amais tanto PNV como ERC coñecen perfectamente como se move a súa parella de baile.
O pacto acadado co BNG tamén é concreto nas obrigas comprometidas polo partido felipista; e o deputado do nacionalismo galego xa deixou moi claro que o seu apoio era de investidura non de lexislatura; e que a continuidade do mesmo ía depender do cumprimentos dos acordos acadados. Sinalar que a experiencia do BNG na confección de pactos é moi ampla, non son novatos recen chegados á política. E non esquezamos, tampouco, que xa tiveron ocasión de lidar co PSOE durante a transición e, tamén, tivérono como aliado de goberno na Xunta de Galicia o que lles proporciona un coñecemento moi valioso das posibles mañas trapalleiras coas que os outros pretendan xogar.
Respecto aos demais pactos non podo falar, porque os descoñezo. En todo caso, de ser un asinante de algún deles, eu estaría coa mosca detrás da orella.
A ver que pasa.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...