Nesta época do coronavirus COVID-19
están a facerse máis claras actitudes e comportamentos dalgúns
sen vergonzas, xentes sen vergonza e insolidarios, que en pasados
tempos non moi remotos, sen deixar de ter estes comportamentos,
facíano cunha pouca máis de man esquerda; sen tanto descaro,
demagoxia e brutalidade como o están a facer nestes intres.
Ao meu entender eses suxeitos son
persoas de escasa catadura moral, que pecharon xa hai moito tempo
a súa escasa conciencia social nun baúl e tiraron a chave.
Refírome a eses personaxes, moitos deles con importantes cargos
públicos, situados a maior parte deles (por non dicir a
totalidade) no espectro ideolóxico da dereita (ben sexa a simple
e incivilizada dereita, ben sexa a dereita franquista de toda a vida
pese á chamada transición, ou ben sexa a dereita situada no ámbito
do nazi-fascismo ibérico); pero á súa beira vemos tamén a persoas
que se auto-denominan como socialdemócratas pero que comparten esas
ideas que son propias dun estado capitalista liberal escorado ao
salvaxismo económico e social contra as clases populares.
Eses personaxes proceden de
diferentes campos e dedicacións; temos políticos
(fundamentalmente do Partido Popular e Vox) algún membro destacado
do PSOE ou do seu entorno, e dirixentes empresariais. Ao meu modo de
ver, xente impresentable que pon o incremento do seus patrimonio
ou dos patrimonios daqueles cuxos intereses gremiais representa ou,
no caso dos políticos, daquela clase á que a súa política
representa por riba dos intereses xerais da poboación, como a
saúde; e isto fano caia quen caia, aínda que as súas posicións
poidan supoñer a perda da vida de millóns de traballadores e
traballadoras ou a aniquilación de importantes sectores da poboación
que pola súa idade están máis expostos ás consecuencias máis
nocivas do COVID-19, como poden ser as persoas anciás.
Moitas veces menten descaradamente
ou falan de negro onde só hai branco. Pero non o fan sos; teñen
o eco de moitos medios de comunicación, a maioría, que están
ao seu servizo; os que eles crearon para defender a calquera prezo os
seus intereses de clase aínda que estes supoñan a miseria ou
incluso a morte de millóns de persoas, que utilizan a mentira, o
sesgo, as medias verdades e a terxiversación para convencer ou facer
dubidar ao conxunto da poboación sobre o que realmente é a
realidade; a unha maioría da poboación que, ao non ter medios
propios para requirir a información, non lle queda máis remedio que
tentar de facelo ao través das súas páxinas, as súas voces ou as
súas imaxes; uns medios que, cal coro ben coordinado polo mesmo
director, no mesmo compás, ton e fondo expanden a mensaxe da mentira
e da manipulación da realidade, dándolle a esa gran mentira unha
aparencia pública de realidade. Xa o dixo Goebels: unha mentira mil
veces repetida adquire carta de veracidade.
- Políticos que coas súas políticas minguaron os recursos económicos e materiais e o persoal da sanidade pública de forma atroz critican ao actual goberno central por non arranxar o que eles destruíron para favorecer ás empresas da sanidade privada.
Os mesmos suxeitos que pertencen
ás familias políticas que durante anos gobernaron comunidades
autónomas como a de Madrid, Valencia, Galiza ou Castela e León e
que recortaron os medios materiais cos que a sanidade pública
debería contar e que baleiraron ao sistema público de saúde de
persoal auxiliar, médico e de enfermería, son eses suxeitos
socialmente indesexables os que agora berran e berran pola falta de
medios materiais e humanos nos centros sanitarios públicos. Son
os que privatizaron hospitais, os que reduciron a atención primaria
á mínima expresión, os responsábeis de que as listas de
espera nos hospitais públicos sexan interminábeis, e que tamén os
tempos de espera de consulta na atención primaria sexan de máis de
cinco días en moitos concellos, os que coa escusa de servir aos
intereses dos doentes derivan a estes para intervencións cirúrxicas
cara a establecementos privados, os que crearon chiringuitos
diversos dentro dos sistemas sanitarios por eles xestionados para
colocar aos seus protexidos. Eses son todos gobernos
autonómicos formados por personaxes do Partido Popular, un
partido que durante o longuísimo tempo que tivo o goberno do Estado,
con Mariano Rajoy como presidente, nada fixo por evitar agresións
contra a sanidade pública xerados en Madrid, Valencia, Galiza ou
Castela e León. É máis, aínda acrecentou máis o desmantelamento
e descapitalización da sanidade pública ao través dos fondos
orzamentarios e ao través da limitación á contratación de persoal
(igual que no resto dos servizos de carácter público) coa clara
finalidade, xunto cos seus dirixentes nas distintas comunidades
autónomas, de desprestixiar a sanidade pública e encarrilar á
poboación cara ás empresas cuxos beneficios dependen de que a
poboación teña un mal nivel de saúde, é dicir, a sanidade
privada.
Estes desalmados se vergoña son
os mesmos que agora critican a falta de respiradores e de
equipamentos de protección individual nos hospitais e centros de
saúde. Eles, os que baleiraron os almacéns dos hospitais de
medios materiais cos que facer fronte ás continxencias. Eses
desalmados sen vergoña son, tamén, os que non queren asumir as
súas competencias territoriais en sanidade e obrigar aos hospitais
privados a acoller enfermos de COVID-19; prefiren facerlles
hospitais de campaña no arredores dos hospitais públicos ou facer
“arcas de Noé” como a de IFEMA sen medios nin persoal suficiente
para atender aos doentes alí “depositados”, sen medios materiais
para atender aos que poidan agravar o seu estado e contratando a
estudantes dos últimos cursos de medicina e de enfermería cando,
polo menos destes últimos, hai multitude de titulados en paro que
están a ofrecer os seus servizos moitos dos cales foron vítimas dos
recortes sanitarios practicados polo Partido Popular. Pero claro,
eses indecentes non queren gastar os cartos nos servizos públicos
á cidadanía, prefiren darlle outros usos socialmente menos útiles.
Non é que o Goberno do Estado sexa
da miña corda (de feito desde este espazo teño realizado múltiples
críticas ao seu presidente), pero o que tampouco se lle pode
atribuír son as consecuencias negativas inmediatas que nesta
situación de pandemia tiveron políticas realizadas durante anos e
máis anos polo políticos estatais e autonómicos do Partido
Popular. Estes son os verdadeiros culpables da falla de
respiradores para atender aos doentes, da falla de batas de
protección e máscaras protectoras para protexer aos sanitarios e
auxiliares nos hospitais e centros de saúde. Estes son os
verdadeiros culpables do descenso de camas nos hospitais públicos. É
o Partido Popular e as súas políticas quen está detrás de todas
as carencias do sistema sanitario público. E aínda teñen a cara
dura de negalo, afirmando como fixo o seu presidente nacional, Pablo
Casado, que foron eles os que aumentaron o número de camas públicas
alí onde gobernan; que llo pregunten aos valencianos, aos madrileños
ou aos vigueses, a ver que lle din. O único que fan ben é vender
fume.
Se de min dependera, eses
suxeitos indesexables estarían na cadea. Non polas súas ideas,
senón polas consecuencias dos seus actos.