31 marzo 2020

Falsidades, sen vergonzas e publicidade na época do COVID-19 (os gobernantes e os políticos falsos e hipócritas) (1)

Nesta época do coronavirus COVID-19 están a facerse máis claras actitudes e comportamentos dalgúns sen vergonzas, xentes sen vergonza e insolidarios, que en pasados tempos non moi remotos, sen deixar de ter estes comportamentos, facíano cunha pouca máis de man esquerda; sen tanto descaro, demagoxia e brutalidade como o están a facer nestes intres.
Ao meu entender eses suxeitos son persoas de escasa catadura moral, que pecharon xa hai moito tempo a súa escasa conciencia social nun baúl e tiraron a chave. Refírome a eses personaxes, moitos deles con importantes cargos públicos, situados a maior parte deles (por non dicir a totalidade) no espectro ideolóxico da dereita (ben sexa a simple e incivilizada dereita, ben sexa a dereita franquista de toda a vida pese á chamada transición, ou ben sexa a dereita situada no ámbito do nazi-fascismo ibérico); pero á súa beira vemos tamén a persoas que se auto-denominan como socialdemócratas pero que comparten esas ideas que son propias dun estado capitalista liberal escorado ao salvaxismo económico e social contra as clases populares.
Eses personaxes proceden de diferentes campos e dedicacións; temos políticos (fundamentalmente do Partido Popular e Vox) algún membro destacado do PSOE ou do seu entorno, e dirixentes empresariais. Ao meu modo de ver, xente impresentable que pon o incremento do seus patrimonio ou dos patrimonios daqueles cuxos intereses gremiais representa ou, no caso dos políticos, daquela clase á que a súa política representa por riba dos intereses xerais da poboación, como a saúde; e isto fano caia quen caia, aínda que as súas posicións poidan supoñer a perda da vida de millóns de traballadores e traballadoras ou a aniquilación de importantes sectores da poboación que pola súa idade están máis expostos ás consecuencias máis nocivas do COVID-19, como poden ser as persoas anciás.
Moitas veces menten descaradamente ou falan de negro onde só hai branco. Pero non o fan sos; teñen o eco de moitos medios de comunicación, a maioría, que están ao seu servizo; os que eles crearon para defender a calquera prezo os seus intereses de clase aínda que estes supoñan a miseria ou incluso a morte de millóns de persoas, que utilizan a mentira, o sesgo, as medias verdades e a terxiversación para convencer ou facer dubidar ao conxunto da poboación sobre o que realmente é a realidade; a unha maioría da poboación que, ao non ter medios propios para requirir a información, non lle queda máis remedio que tentar de facelo ao través das súas páxinas, as súas voces ou as súas imaxes; uns medios que, cal coro ben coordinado polo mesmo director, no mesmo compás, ton e fondo expanden a mensaxe da mentira e da manipulación da realidade, dándolle a esa gran mentira unha aparencia pública de realidade. Xa o dixo Goebels: unha mentira mil veces repetida adquire carta de veracidade.
  • Políticos que coas súas políticas minguaron os recursos económicos e materiais e o persoal da sanidade pública de forma atroz critican ao actual goberno central por non arranxar o que eles destruíron para favorecer ás empresas da sanidade privada.
Os mesmos suxeitos que pertencen ás familias políticas que durante anos gobernaron comunidades autónomas como a de Madrid, Valencia, Galiza ou Castela e León e que recortaron os medios materiais cos que a sanidade pública debería contar e que baleiraron ao sistema público de saúde de persoal auxiliar, médico e de enfermería, son eses suxeitos socialmente indesexables os que agora berran e berran pola falta de medios materiais e humanos nos centros sanitarios públicos. Son os que privatizaron hospitais, os que reduciron a atención primaria á mínima expresión, os responsábeis de que as listas de espera nos hospitais públicos sexan interminábeis, e que tamén os tempos de espera de consulta na atención primaria sexan de máis de cinco días en moitos concellos, os que coa escusa de servir aos intereses dos doentes derivan a estes para intervencións cirúrxicas cara a establecementos privados, os que crearon chiringuitos diversos dentro dos sistemas sanitarios por eles xestionados para colocar aos seus protexidos. Eses son todos gobernos autonómicos formados por personaxes do Partido Popular, un partido que durante o longuísimo tempo que tivo o goberno do Estado, con Mariano Rajoy como presidente, nada fixo por evitar agresións contra a sanidade pública xerados en Madrid, Valencia, Galiza ou Castela e León. É máis, aínda acrecentou máis o desmantelamento e descapitalización da sanidade pública ao través dos fondos orzamentarios e ao través da limitación á contratación de persoal (igual que no resto dos servizos de carácter público) coa clara finalidade, xunto cos seus dirixentes nas distintas comunidades autónomas, de desprestixiar a sanidade pública e encarrilar á poboación cara ás empresas cuxos beneficios dependen de que a poboación teña un mal nivel de saúde, é dicir, a sanidade privada.
Estes desalmados se vergoña son os mesmos que agora critican a falta de respiradores e de equipamentos de protección individual nos hospitais e centros de saúde. Eles, os que baleiraron os almacéns dos hospitais de medios materiais cos que facer fronte ás continxencias. Eses desalmados sen vergoña son, tamén, os que non queren asumir as súas competencias territoriais en sanidade e obrigar aos hospitais privados a acoller enfermos de COVID-19; prefiren facerlles hospitais de campaña no arredores dos hospitais públicos ou facer “arcas de Noé” como a de IFEMA sen medios nin persoal suficiente para atender aos doentes alí “depositados”, sen medios materiais para atender aos que poidan agravar o seu estado e contratando a estudantes dos últimos cursos de medicina e de enfermería cando, polo menos destes últimos, hai multitude de titulados en paro que están a ofrecer os seus servizos moitos dos cales foron vítimas dos recortes sanitarios practicados polo Partido Popular. Pero claro, eses indecentes non queren gastar os cartos nos servizos públicos á cidadanía, prefiren darlle outros usos socialmente menos útiles.
Non é que o Goberno do Estado sexa da miña corda (de feito desde este espazo teño realizado múltiples críticas ao seu presidente), pero o que tampouco se lle pode atribuír son as consecuencias negativas inmediatas que nesta situación de pandemia tiveron políticas realizadas durante anos e máis anos polo políticos estatais e autonómicos do Partido Popular. Estes son os verdadeiros culpables da falla de respiradores para atender aos doentes, da falla de batas de protección e máscaras protectoras para protexer aos sanitarios e auxiliares nos hospitais e centros de saúde. Estes son os verdadeiros culpables do descenso de camas nos hospitais públicos. É o Partido Popular e as súas políticas quen está detrás de todas as carencias do sistema sanitario público. E aínda teñen a cara dura de negalo, afirmando como fixo o seu presidente nacional, Pablo Casado, que foron eles os que aumentaron o número de camas públicas alí onde gobernan; que llo pregunten aos valencianos, aos madrileños ou aos vigueses, a ver que lle din. O único que fan ben é vender fume.
Se de min dependera, eses suxeitos indesexables estarían na cadea. Non polas súas ideas, senón polas consecuencias dos seus actos.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...