01 novembro 2023

Non cabe dúbida: Israel é un Estado xenocida (I)

         Coido que a estas alturas non pode haber ninguén cun mínimo de cabeciña e sen interese persoal de calquera natureza que, por moi poucas neuronas que teña na cabeza, pode ter dúbida algunha de que Israel é un Estado xenocida e, polo tanto, criminal. Un Estado que viola sistematicamente as resolucións da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre Palestina, sobre políticas humanitarias entre estados en conflito, sobre a non agresión á poboación civil nos conflitos bélicos, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e que continuamente está a cometer crimes contra a humanidade, tal e como está esta figura contemplada polo Tribunal Penal Internacional (TPI). En definitiva, Israel é un Estado comandado por un goberno de civís e militares asasinos, un exercito composto na case a súa totalidade por asasinos (e uns poucos que, en desacordo co que fan, agachan a cabeza para non ser marcados) e uns servizos secretos que, como xa teño dito nun artigo anterior, cuxa condición imprescindible e necesaria para formar parte deles é ter demostrado de forma fidedigna ser unha persoa asasina.

    A escusa do ataque terrorista de Hamas en Israel.

        Só considerando o antedito é entendíbel que diante dun ataque terrorista de Hamas en territorio de Israel, con civís asasinados, militares mortos e captura de numerosos reféns, a reacción dos gobernantes israelíes sexa a de bloquear a faixa de Gaza e bombardear indiscriminadamente á poboación civil causando milleiros de mortos palestinos (que non de Hamas) entre os que infantes cóntanse por millares aparte de homes e mulleres. Din os mandos criminais do exército israelí que os bombardeos son selectivos para “aniquilar” a dirixentes de Hamas, pero o certo que se denota que os obxectivos son escolas, hospitais, igrexas cristiáns e mesquitas musulmás, amais dos numerosos edificios onde viven multitude de civís. Manteñen os criminais do goberno e do exército israelí que foron quen de eliminar con eses bombardeos indiscriminados a dirixentes do movemento integrista islámico. Como non vai ser así? Con tanto bombardeo indiscriminado e con tantas vítimas inocentes, a probabilidade de que sexa alcanzado algún membro de Hamas podemos definila como unha probabilidade certa.

        O bombardeo do hospital Al-Ahli de Gaza. 

            Manteñen tamén os criminais militares e civís sionistas que o famoso bombardeo sobre un hospital en Gaza foi cousa de Hamas; bombardeo que causou milleiros de mortos e a destrución dun dos poucos lugares onde podía acudir a poboación gazatí cos seus nenos, nenas e anciáns, feridas, coas súas vítimas civís do bombardeos israelís (e incluso a refuxiarse créndose a salvo) , onde traballaban arreo médicos e médicas palestinas e doutros países -españois incluídos- membros de organizacións humanitarias diversas que tamén foron vítimas dese continuado e inmisericorde crime de guerra, dese xenocidio.

        Nun primeiro intre, a totalidade dos observadores internacionais poñían sobre Israel os ollos coma culpábeis de semellante barbaridade; posteriormente os portavoces sionistas negan a súa autoría atribuíndo a culpa a un fallo dun foguete de Hamas; de seguido, Joe Biden (presidente “blanquiño” dun país que ten os seus alicerces -non o esquezamos- no xenocidio dos pobos indios de Norteamérica) declara publicamente ser partidario pola á teoría da exculpación israelí; non tardaron as axencias internacionais de noticias e os eternos medios de (des)información a apuntarse ben á teoría sionista ou ben á teoría da dúbida, nun intento máis que claro de exculpar ao goberno e exercito de Israel dun novo e claro crime contra a humanidade. Eu estou convencido de que a autoría do ataque está no campo sionista e que ese ataque foi premeditado. E se se demostra o contrario? Lembremos ao famoso Colin Powell, ex-secretario de Estado dos Estados Unidos de América (EUA), ensinando as “fotos dos arsenais” de Saddan Hussein en Irak, ou as “guerras das galaxias” (que nos mostran imaxes de feitos ficticios ou maquillados coma se tiveran ocorrido na realidade) creadas por xenios da informática para manipular a información e a verdade, e que nos amosan coma verdadeiras mentiras da OTAN, dos EUA, de Rusia ou doutros países e organizacións con capacidade tecnolóxica moi avanzada. E xa non digo nada dos usos que eses criminais internacionais poden darlle á intelixencia artificial (IA).

    O desaloxo, o bloqueo de Gaza e a desinformación provocada.

        Ao pouco tempo do inicio desta última xeira de bombardeos sobre a poboación civil de Gaza (lembremos que non é a primeira vez que o exército israelí bombardea aos civís residentes na faixa), o goberno sionista de Israel “aconsellou” á poboación civil residente en Gaza que se desprazara cara ao Sur dicindo que se abriría un corredor seguro para o tránsito das persoas; moitos gazatíes así o fixeron. Mais cal sería a súa sorpresa cando comprobaron que toda esa columna de civís que se dirixía ao Sur tamén era bombardeada polo exército de Israel, que tamén aí caían nenos, nenas, mulleres e homes, incluídos anciáns, coma se foran coellos nunha batida de caza organizada, que tamén formaban parte do xenocidio organizado polo goberno e os ultraortodoxos sionistas. A faixa non é segura para ningún civil. E resulta máis que evidente que a pretensión dos sionistas é acaparar máis territorios, incumprindo, tamén neste aspecto, as resolucións das Nacións Unidas e a legalidade internacional.

        Outro dos aspectos cos que o Estado de Israel viola a legalidade internacional é o referente ao bloqueo total ao que ten sometida a faixa de Gaza. O bloqueo é tal que non se deixa dar paso a axuda de carácter humanitario. Alimentos, medicinas, combustibles para poder dotar de enerxía aos xeradores dos hospitais, auga e outros moitos elementos considerados coma de primeira necesidade polas axencias humanitarias internacionais non poden entrar na faixa por mor do bloqueo ao que o goberno criminal de Netanyahu e o seu exército de asasinos tena sometida. O resultado: morte dos máis cativos por falla de alimentación e coidados, morte das persoas anciáns máis débiles, incremento das enfermidades e das doenzas derivadas da falla de auga e a falla de hixiene, o cese de tratamentos hospitalarios a enfermos crónicos e de intervencións cirúrxicas por falla de enerxía para mover os aparatos e de medios materiais para realizar as intervencións médicas necesarias, abandono de tratamentos médicos crónicos e de longa duración por falla de medicinas, É dicir, toda unha xeira de calamidades que o sionismo carga sobre a poboación civil, contribuíndo de forma premeditada ao xenocidio do pobo palestino coa finalidade de usurpar as súas terras e de impedir calquera voz discordante no territorio da nación Palestina.

        Neste intre, o bloqueo de Gaza trae outra consecuencia engadida: a do incremento da desinformación por mor de non poder traspasar as fronteiras cara a Gaza xornalistas de axencias independentes. Moitos dos informadores neutrais, fundamentalmente de ONG internacionais, están mortos ou incomunicados por mor dos bombardeos israelís. A maior parte das novas que chegan ao mundo proveñen das axencias internacionais, ligadas na súa maioría a propietarios que avalan as políticas xenófobas e xenocidas do Estado de Israel, ou directamente da prensa sionista israelí. E se algún xornalista ten a ousadía de saírse da liña informativa marcada por esa tropa de manipuladores indesexables é fulminantemente despedido polos seus patróns, como ocorreu con Emily Wilder, de orixe xudía e correspondente de Asociated Press, que foi despedida por criticar as accións de Israel contra os palestinos. Está claro que aos asasinos e aos violadores dos dereitos humanos non lles gusta ter testemuñas, sobre todo gráficas e obxectivas, das súas atrocidades; e o exército e os colonos israelís o son. Temos mostras suficientes nos últimos tempos de que isto é así; mencionar dous que nos tocan directamente: a de José Couso, reporteiro gráfico asasinado polo exército dos EUA en Iraq cando desde unha terraza do hotel Palestina de Bagdad realizaba o seu traballo, ou Juantxu Rodríguez (xornalista gráfico do xornal El País), asasinado polos marines estadounidenses que invadiron Panamá en 1989, cando cumpría coas súas funcións profesionais como reportero. Xa sen mencionar ao xornalista Pablo González, preso en Polonia acusado de suposto espionaxe (e abandonado alí polo goberno español) sen probas demostrables, coma represalia polas súas informacións “díscolas” sobre o conflito ruso-ucraíno. E no referente ao conflito que mantén Israel co pobo palestino, ficou clara a responsabilidade do exército sionista no asasinato da xornalista Abu Akleh de Al Jazeera por informar das violacións dos dereitos humanos por parte dos seus asasinos, do mesmo modo que a represalia dos mesmos criminais sobre a familia do xornalista Wael Al Dahdouh (tamén de Al Jazeera), asasinada na súa vivenda sita no campo de refuxiados de Nuseirat, na faixa de Gaza, por ser un dos poucos xornalistas que informa dun modo obxectivo sobre o que está a ocorrer na faixa.

    A situación actual en Gaza e Israel. O posicionamento internacional sobre o xenocidio.

        No momento de rematar de escribir este artigo, Israel ten feito numerosas incursións militares e bombardeos no territorio da faixa de Gaza, na Palestina. E segue a procurar milleiros de mortos inocentes nas súas operacións de xenocidio. Antes do inicio da invasión terrestre ocupouse de eliminar a bombazo limpo todas as testemuñas xornalísticas presuntamente independentes e que puideran ter informado á comunidade internacional de forma obxectiva. Parece ser que Israel, nas súas incursións terrestres, está a levar unha política de terra queimada, sen testemuñas molestas; e séntese apoiado neste labor por unha parte importante da senvergoñería internacional, que se converte así en cómplice do xenocidio perpetrado polos seus criminais uniformados. Segue, o exército israelí, ao mesmo tempo, cos seus bombardeos indiscriminados sobre a poboación civil de Gaza, destruído hospitais, asasinando a miles de persoas inocentes, moitas delas colaboradoras de organizacións humanitarias como UNRWA (Organizacións das Nacións Unidas para os refuxiados palestinos), a Cruz Vermella, a Media Lúa Roxa ou doutras. Israel segue a impedir o paso de toda a axuda humanitaria necesaria para abastecer de alimentos, medicinas, auga e combustible necesario para manter as equipas hospitalarias e os transportes sanitarios, ...segue a violar de forma constante e sanguenta o dereito internacional; e moitos dos que se din demócratas no mundo, desde os seus pedestais e das súas poltronas oficias, calados coma petos ou apoiando esas actitudes xenocidas. E todas estas actividades contra o pobo palestino emprendidas polo Estado sionista de Israel violan o dereito internacional, non só violan as resolucións da ONU sobre Palestina senón que constitúen claros crimes de guerra e crimes contra a humanidade e seguen a xerar miles de mortos civís na Palestina.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...