Amosando publicacións coa etiqueta Maricarmen. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Maricarmen. Amosar todas as publicacións

28 setembro 2026

Achegas ao desafiuzamento de Maricarmen

 


Todas as persoas que así o quixemos puidemos coñecer o desafiuzamento de Maricarmen, acontecido a semana pasada en Madrid. Este artigo non pretende ser un relato da nova do desafiuzamento, cousa que xa fixeron uns poucos medios de forma precisa e máis ou menos obxectiva; nin tampouco pretende dar alternativas, cousa que xa está a facer de forma moi eficiente o Sindicatos de Inquilinas tanto no referente ás alternativas para unha vivenda digna como no referido á defensa das persoas ás que este sistema expulsa dos seus barrios e das súas casas para favorecer a especulación.

O que pretende este artigo é poñer o punto sobre as is nalgún dos aspectos que arrodearon ao desafiuzamento e os momentos posteriores.

Nesta ligazón á BBC, podemos ver o proceso completo de desafiuzamento e a súa historia, con algún nesgo sistémico pero que nos sitúa no tema; e nesta outra ligazón á edición europea de The Conversation podemos ver as implicacións xurídicas que arrodearon á bestialidade.

A actuación da xudicatura.

O primeiro no que desexo pararme é na actuación da xudicatura. Partiremos da base da razón que o Tribunal Supremo dálle á empresa Urbagestión, propietaria do piso no que Maricarmen vivía en alugueiro de renda antiga, asumindo o posicionamento da empresa e sen ter en conta a situación de vulnerabilidade económica e de saúde da inquilina. Neste caso a liberdade de interpretación que a xudicatura ten das leis caeu favorable aos máis poderosos economicamente, cousa nada infrecuente nos altos tribunais españois, que a miúdo adoecen de deixar clara pola vía dos feitos cal é a procedencia de clase da maioría dos seus membros no momento de ditar sentencia.

Pero esta impresión agudízase cando se coñece que había persoas a cubrir economicamente o importe salvaxe do alugueiro que Urbagestión esixía a Maricarmen, que a empresa non acepta e que a xuíza correspondente (esquecéndose de calquera principio humanitario e de que as supostas motivacións da demanda empresarial estaban cumpridas) ordena seguir adiante co alzamento e desafiuzamento da anciá enferma e cunha discapacidade do 50%. Outra pequena mostra de como é a actual Administración de Xustiza española. Por moito que ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e ás asociacións de xuíces e maxistrados lles moleste, non hai máis leña que a que arde; e esa é a que hai na maioría da xudicatura española, sobre todo nos altos tribunais.

A actuación dos Marlaska Boys e a “emulación do método Netanyahu”.

Outra das cousas curiosas que se deron neste proceso de desafiuzamento foi o encordoamento da zona e o impedimento da prensa de acceder a ese perímetro acordoado, cousa da que os xornalistas se queixaron desde as primeiras horas e que ninguén desde o Ministerio de Interior ou desde a Delegación do Goberno en Madrid se encargou de rectificar. Eu, como xa vivín ata os meus 22 anos baixo unha ditadura, son moi mal pensado; e non comungo con rodas de muíño. O primeiro que pensei, cousa na que me reafirmo, é “o Marlaska emulando a Netanyahu, que tampouco deixaba pasar a Gaza aos reporteiros internacionais de prensa para que estes non puideran ser testemuñas das bestialidades dos seus soldados”. Afortunadamente, como en Gaza, na rúa Sainz de Baranda había persoas con teléfonos móbiles que puideron deixar testemuña gráfica do que alí aconteceu: dos excesos policiais ou das hipócritas verbas de “Maricarme, lo siento, estamos contigo” pronunciadas por un policía despois de derribarlle a porta da súa vivenda e entrar nela, como dicía Millás onte no programa A vivir que son dos días, vestido como Robocop co rostro tapado.

Eu imaxino que durante o desafiuzamento moita xente da que alí estaba protestando pacificamente, amais de mallada inxustamente, sería identificada pola Policía, que será acusada de desobediencia ou de calquera outra barbaridade maior e que haberá un Marlaska Boy, vestido de civil neste caso, que desde unha Delegación do Goberno imporá multas en base á Lei Mordaza, como xa teñen feito multitude de veces coa soa versión da parte policial. Esa lei que Pedro Sánchez leva dúas lexislaturas sen derrogar, a pesares de ser parte dos seus correspondentes programas de goberno, primeiro no de coalición con Unidas Podemos e agora na coalición con Sumar; polo que unha vez máis podemos afirmar rotundamente que o PSOE e os seus dirixentes non son de fiar.

Se a este ardor guerreriro de Marlaska e do PSOE en manter a Lei Mordaza a toda costa unimos a última reforma do Código Penal, proposta polo Grupo Parlamentario do PSOE, no que se introducen coma delitos penais formas clásicas de loita pacífica dos traballadores e das organizacións populares contra os abusos de empresas e institucións, vemos que o pouco que socialmente ten avanzado este Estado Español durante os gobernos de Pedro Sánchez é debido á precariedade parlamentaria do PSOE e ás leves presións que internamente fixeron primeiro Podemos e despois Sumar, desde dentro dos gobernos.

Di o delegado do goberno en Madrid que a actuación da policía vai ser investigada. Je! E, tamén, vaise facer público o expediente, non? Como o do policía que empurrou á mestra xubilada en Valencia? ...Menos lobos, Caperucita, que xa sabemos como vai a cousa.

En todo caso, podemos observar tamén que desde que Marlaska é Ministro do Interior, coa súa defensa numantina desa lei fascista que é a Lei Mordaza, as policías do Estado e das comunidades autónomas están cada día máis envalentonadas e con posicionamentos  e comportamentos, diante da reivindicacións pacíficas de dereitos polas clases populares, que a min me lembran ás actitudes e comportamentos da policía franquista dos anos que van do 1972 ao 1977, incluíndo nestes comportamentos o que eu considero protección e permisividade a comportamentos grupais fascistas de carácter violento e diante do quebrantamento público das leis de memoria histórica. E disto que acabo de afirmar, a pesar do risco da Mordaza que iso supuxo para os que tomaron as imaxes, hai multitude testemuñas, probas e mostras gráficas tomadas por persoas individuais e xornalistas.

Outra cousa inadmisible é que en lugar de facilitar, por parte do goberno do Estado ou das comunidades autónomas con policía propia, procesos de formación de policías e gardacivís con orientacións de respecto e defensa da democracia e dos seus principios, se permita que sindicatos de policía acorden e ofrezan procesos de formacións dirixidos por organizacións, coma Desokupa, de perfís claramente fascistas e antidemocráticos.

Por iso, a Marlaska non debemos pedirlle a dimisión, a Marlaska hai que destituílo.

A groseira hipocrisía capitalista

Con posterioridade ao desafiuzamento de Maricarmen, a hipócrita empresa especuladora e propietaria do piso onde Maricarme aspiraba a pasar os derradeiros anos da súa vida tivo unha grande idea: propoñer ao Concello de Madrid que se este aboaba o importe do alugueiro, Urbagestión accedería a que a muller puidera seguir vivindo no piso. Como é lóxico, o Concello de Madrid contestoulle que unha actuación dese tipo pola súa parte sería incumprir coa legalidade na asignación da bolsa de vivenda por ese organismo municipal. Cousa que, con toda seguridade, a empresa especuladora Urbagestión xa sabería polo seu gabinete xurídico. Ou sexa hipocrisía pura do máis groseira. E non é que se puidera pensar que houbera no goberno municipal de Madrid preocupación social pola situación do acceso á vivenda ou pola carestía exaxerada dos alugueiros no seu concello, que está demostrado que non, que o goberno de Almeida, así como o da Comunidade Autónoma de Madrid, non fan nada por deter ou aliviar a especulación da vivenda.

O Sindicato de Inquilinas.

Coido que hai que dar u grande aplauso ao Sindicato de Inquilinas. Está facendo un gran labor, tanto na defensa dos desafiuzados como na defensa do dereito a unha vivenda digna e accesible, no que a vivenda deixe de ser un obxecto de negocio para pasar a ser u elemento social para a satisfacción das necesidades básicas das persoas. Cousa que nin os gobernos do PSOE nin os gobernos do Partido Popular quixeron entender ate hoxe e que seguiran sen entender, porque eles serven a outros intereses, como tampouco o entenderán PNV, Vox ou Junts polo mesmo motivo.

Estivo ben a acampada posterior ao desafiuzamento e que aínda nestes intres segue. Esperemos que, a pesares das solicitudes dos gobernos da ultradereita do Concello de Madrid e da Comunidade Autónoma de Madrid, o PSOE non teña a tentación de mandar a Policía a vixiar esa acampada pacífica e de respecto cidadán. Mellor que vixíen os arredores por se hai achegamentos a ela por parte do escuadróns de fascistas, acompañados de matóns de ximnasio e anabolizantes, que atenten contra a liberdade de expresión e reivindicación pacífica das persoas acampadas; e que non lle poñan a alfombra vermella para que actúen.

Como se di por aquí: a loita é o único camiño.

 

 

 




Achegas ao desafiuzamento de Maricarmen

  Todas as persoas que así o quixemos puidemos coñecer o desafiuzamento de Maricarmen, acontecido a semana pasada en Madrid. Este artigo n...