05 xuño 2023

Ultradereita e eleccións. As municipais do 28 de maio

        Os resultados das eleccións municipais e autonómicas do pasado 28 de maio celebradas a nivel estatal tiveron coma consecuencia que moitos dos gobernos (autonómicos e municipais, incluído deputacións) compartidos por forzas de esquerda cos socialdemócratas do PSOE por mor do resultado das urnas van ir para gobernos neofranquistas (Partido Popular) ou van ter a posibilidade de seren gobernados por coalicións deses neofranquistas con forzas de nítido carácter nazi-fascista como é VOX.

        Non foi a campaña desas forzas políticas da ultradereita a que propiciou eses resultados electorais (dos que a maioría da Galiza fica excluída, afortunadamente). Foi, sobre todo, a intensa campaña realizada polos medios de comunicación (maioritariamente dirixidos e controlados por xentes neofranquistas e da dereita neofascista) con mensaxes tendenciosos, falsos ou nitidamente propagandísticos, o factor fundamental dos resultados electorais acontecidos

        Numerosos bulos, mentiras, novas sen contrastar que despois resultaron ser falsas e non foron aclaradas, información tendenciosa de calado importante e definitorio foron espallados amplamente por eses mercenarios da información dos que falo; non só nos espazos claramente informativos, senón, tamén, nos magacíns matinais e vespertinos dirixidos por famosos personaxes da televisión. Aínda que na campaña electoral agudizáronse ese tipo de comportamentos mediáticos, foi xa - e sobre todo- desde a posta en escena da lei de violencia de xénero e do inicio da lei de vivenda cando eses ataques enrudecéronse; en teoría para poñer na diana a Irene Montero e aos restantes ministros de Podemos, pero no fondo a intención era acurralar e derribar ao goberno liderado polo PSOE. E imaxino que estas actuacións tiñan a compracencia e impulso da moitas persoas e personaxes ligados directa ou indirectamente ao PSOE.

Á dereita máis ultramontana, e non só aos seus representantes do Partido Popular, Vox e Junts per Catalunya, non lle gusta estar apartada do poder das institucións; é tan insaciable e criminal que non lle chega só con exercer o poder real. E para acadalo usa todos os medios dos que dispón; e estou seguro de que se o lixo mediático lles falla recorrerán a calquera outro; desde o law fare ou a calquera outro como sacar os tanques golpistas á rúa, como xa teñen feito aquí e noutros moitos países do mundo.

        E non é que eu teña unha especial predilección por Podemos, Unidas Podemos ou calquera outra forza política ou coalición dese ton. Nin tampouco, por suposto, dun partido como é o PSOE que me provoca unha inmensa desconfianza que se gañou a pulso. 

        Pero é que a dereita política do Estado Español prodúceme náuseas e urticaria. Non ten remedio; son herdeiros políticos e ideolóxicos do franquismo e son incapaces de deixar atrás esa etapa. E, está demostrado, o único que saben facer é endebedar as institucións públicas, deixando enormes débedas no Estado, concellos e comunidades autónomas e dotarse de leis represivas e policías políticas para defender os seus intereses. E non é porque gasten moito en servizos sociais públicos para a cidadanía; sábese que gastan unha morea de cartos en armas e outra morea en custos e sobrecustos en obra pública; incluso sábese que establecen contratos coas construtoras polos que se as súas obras privatizadas non lle dan as ganancias esperadas o Estado corre cos gastos e faise cargo do negocio ruinoso. Sábese, tamén, que son incapaces de premer á banca para que adapte as súas políticas de negocio ás posibilidades reais de familias e pequena empresa, cousa que contrasta coas facilidades de facerse cargo dos pasivos dos grandes bancos (acordémonos do rescate bancario liderado por M.Rajoy, co compromiso de devolución dos fondos e coa posterior condonación desa débeda; ou do famoso banco malo, a Sareb, que apouchou con todo o lixo inmobiliario da banca contra o tesouro público). E, amais, hai, nesa banda, quen vende as vivendas de titularidade pública a fondos voitre a prezos moi baixos, prexudicando gravemente aos moradores das mesmas.

        Outra das habilidades desta dereita ultrafranquista ou ultramontana é que, pese a endebedar tanto ao erario público, van destruíndo a marchas forzadas a sanidade pública e establecen convenios ruinosos para as administracións públicas ou desvían a centros privados actuacións que poderían perfectamente acometerse nas instalacións públicas con un custe menor se houbera contratado persoal sanitario necesarios. Un exemplo de convenio ruinoso para a sociedade é o convenio establecido pola Xunta de Galicia dirixida por Núñez Feijóo para a construción do Hospital Universitario Alvaro Cunqueiro en Vigo, que non só non mellorou a atención hospitalaria e de medicina especializada aos habitantes da área metropolitana viguesa; máis ben empeorou a situación con menos camas públicas que as que había na estrutura hospitalaria que lle precedía. Pero amais, esta construción é un saco sen fondo para os orzamentos anuais da Comunidade Autónoma de Galiza pola débeda que xera xa en orixe; e non contamos os custos que por diversos motivos ten que asumir a Consellería de Sanidade en favor da empresa adxudicataria da citada obra. Outro dos beneficiados deste despropósito hospitalario que é o Álvaro Cunqueiro é a construción dun aparcadoiro subterráneo privatizado e que só reporta beneficios á empresa que o explota, carecendo ese hospital dun aparcadoiro público de titularidade da Xunta de Galicia (só hai un pequeno aparcadoiro realizado polo concello de Vigo, de uso público e gratuíto pero que non chaga para abordar o volume de prazas que se necesitan).

        Se na calidade das obras públicas non se nota; se tampouco se ven actuacións públicas en instalacións e reparacións ou melloras dos servizos; se conxelan as pensións e non suben os salarios do emprego público (agás xuíces, fiscais, policías, militares de alto rango e os seus propios soldos); sabemos que compran armas, que fan contratos como os sinalados que so favorecen ás empresas dos que realmente mandan, que son incapaces de pegar unha puñada na mesa e dicirlle aos bancos que devolvan o rescate,... Logo, onde carallo meten os cartos que recadan e os que piden para engordar a débeda das administracións que gobernan? Eu non quero pensar mal, pero non penso nada ben.

        E aínda así hai xente que lles vota! Pois que se morran de fame, que teñan que pagar mediciña privada e se non poden que se morran, que non lles suban as pensións nin os salarios e que non poidan chegar a fin de mes; que se protestan lle boten aos cans mercenarios e lles apliquen a lei mordaza e as outras leis de criminalización dos movementos sociais recentemente aprobadas polo actual goberno PSOE-UnidasPodemos.

        O malo é que tamén nos toca a quen non votamos nin tragamos a esa dereita que na actualidade tenlle encargado ao sen-personalidade Núñez Feijóo (do que falaremos en profundidade noutro momento) poñer a cara no seu nome e seguir ao pe da letra as súas instrucións, que é o único para o que serve.

        Xa me desafoguei. Abur.


 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...