07 maio 2019

ACONTECIDO EN CANGAS DO MORRAZO


SEIS DE MAIO DE 2019: DATA PARA LEMBRAR.

Onte, 6 de maio de 2019, foi unha data histórica para a vila de Cangas de Morrazo. O grupo de goberno dese concello, despois de moitas xestións e intentos frustrados, conseguiu retirar do lateral da igrexa parroquial católica de Santiago de Cangas o mural levantado despois da chamada guerra civil española polas hordas fascistas do xeneral Franco.



Mural non distinto de moitos outros colocados, tamén, nos muros de templos relixiosos católicos, cuxa estrutura (agás decentes excepcións) estivo na conspiración e na posterior represión política e ideolóxica do golpe de Estado fascista de xullo de 1936 e que durou ata ben entrado o ano 1977. Os meus parabéns a todos os demócratas cangueses, en especial aos membros do Grupo Municipal de goberno e a Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas do Morrazo. Xa era hora.






ALGO MOI REAL ACONTECIDO EN CANGAS DO MORRAZO

E agora paso a comentar algo que aconteceu en Cangas hai, máis ou menos, tres anos.

Contoume un amigo que nunha rúa canguesa sita ao lado da igrexa, hai algún tempo, tivo lugar unha conversa. Esta conversa desenvolveuse entre o actual párroco de Cangas e o meu amigo; non sei se as palabras son as exactas (hai máis de un ano que o contou), pero si que responden ao contido real desa conversa:

Meu amigo dirixíndose ao párroco e sinalando ao espantallo fascista situado no lateral da igrexa: “Ola, bo día. Cando van quitar eso de aí?”. O párroco, con cara de vinagre e ton de moito enfado contesta: “Nunca, eso nunca se va a quitar. Gracias a esos valientes [ou heroes, non me lembro ben como me contara] no quemasteis la iglesia”.

Teño que aclarar que o meu amigo aínda non existía cando o golpe militar asasino de 1936; nin sequera os seus pais estaban en idade de procrear, polo cal é imposible que puidera queimar ningunha igrexa; e, tamén, que o meu amigo é profundamente respectuoso coas crenzas máis profundas de cada quen. Diante esa contestación o meu amigo, que é un antifascista de sempre, enfadouse e seica lle largou máis dun improperio “por maleducado e por fascista”.

Hoxe, o meu amigo está moi ledo porque por fin o espantallo que homenaxeaba o levantamento militar contra a legalidade da IIª República, espantallo presidido polo nome do fundador dunha organización que foi de pistoleiros nazi-fascistas, utilizando de parapeto (como en outros moitos templos dos colaboradores necesarios da masacre, o asasinato e o xenocidio franquistas) nomes de numerosas persoas da vila que perderon a vida defendendo, voluntaria ou involuntariamente -non o sei-, aos carniceiros golpistas que instauraron un réxime policial represor e corrupto do que aínda hoxe estamos a sufrir as consecuencias, tanto no ámbito da represión como no ámbito da corrupción.

E QUE ACONTECERÁ? QUE FARÁN OS CATÓLICOS QUE CREN NA DEMOCRACIA E NA LIBERDADE?

Onte o señor cura estaba moi enfadado, segundo conta hoxe o Faro de Vigo, aínda que non quixo facer declaracións públicas. Imaxino que, tendo en conta os seus modos e maneiras e a ideoloxía que parece profesar e que é de dominio público en todo Cangas,  reservará as súa opinións para lanzalas desde o púlpito en todas as ocasións que poida facelo; aproveitará misas e novenas (e, se cadra, tamén funerais e vodas) para facer apoloxía do fascismo, defender ao golpismo franquista e tentar de branquear a un réxime caracterizado pola negación de calquera liberdade de expresión e incluso pensamento (non esquezamos que centos de miles de persoas foron asasinadas entre os anos 1936 e 1977 simplemente por pensar de forma distinta da do réxime fascista de Franco), utilizando a violencia armada e policial para manter a corrupción e poder roubar a mans cheas en favor dos seus cómplices e apoios financeiros.

Eu espero dos crentes católicos que cren firmemente na democracia, nas liberdades democráticas, que no caso de que o cura aproveite os ritos relixiosos para defender ese franquismo indefendible lle mostren a súa desconformidade dalgunha forma; por exemplo, abandonando o lugar no que se estea celebrando o oficio relixioso corrompido polo fascismo. 

Xa de por si adoita ser bastante vergonzosa a actitude da maior parte dos curas católicos en épocas electorais para tentar de dirixir o voto dos fieis desde os púlpitos, como para que se lle permita que poidan exaltar ao fascismo sen que ninguén lle deixe as cousas craras.
 




14 abril 2019

Viva a República!


Hoxe é 14 de abril, día no que se conmemora a data da instauración da Segunda República Española no ano 1931, día que fai referencia ao trunfo da decencia e dos dereitos humanos sobre a barbarie monárquica, a barbarie dos grandes propietarios, a barbarie representada en diferentes aspectos sociais e económicos pola Igrexa Católica, a barbarie do fascismo e dos seus pistoleiros e asasinos agrupados baixo a bandeira dun grupo antisocial denominado Falange Española y de las JONS, a barbarie simulada, subterránea e conspiradora da Confederación Española de Derechas Autónoma (de acrónimo CEDA, partido que representaba os intereses da grande burguesía española de entón e que estivo na sombra de todos os intentos de golpe de Estado militar contra o réxime legalmente constituído).

Unha República, a Segunda, que recibiu o apoio de toda canta organización representante dos dereitos das persoas ou dos dereitos nacionais dos pobos, incluíndo á dereita nacionalista vasca e a gran parte da dereita nacionalista catalá e da inmensa maioría do nacionalismo galego da época. Unha República na que a maioría parlamentaria que representaba realmente os intereses populares foi quen de poñer en marcha os estatutos de autonomía catalán e vasco. Que foi quen de aprobar o Estatuto de autonomía de Galiza redactado, entre outros, por persoas tan insignes e significativas como Alfonso R. Castelao ou Alexandre Bóveda (vil e salvaxemente asasinado polos conspiradores militares e fascistas que apoiaron o golpe de xullo do 36); estatuto que, aínda que aprobado, non se puido por en marcha precisamente debido á sublevación fascista dos asasinos (militares, civís e relixiosos coas súas organizacións e confesións organizadas á fronte) que se levantaron en armas contra a legalidade vixente.

Unha República, que pese a saber de antemán que nas eleccións a celebrar despois da proclamación da mesma as mulleres ían votar de xeito masivo ás opcións monárquicas e de dereitas rancias, impulsaron e puxeron en marcha (contra a vontade da propia dereita) o dereito das mulleres a votar e escoller quen as representara nos parlamentos e nos concellos. E efectivamente así foi; a marcada influencia da Igrexa Católica (sobre todo) e do caciquismo fixo que nas primeiras eleccións estatais republicanas foran as dereitas as beneficiadas polo voto feminino. Tamén foi unha lección aprendida polas mulleres que nos seguintes anos o seu sometemento, por mor das leis dereitosas e a influencia nelas da curia católica, perdurou e foi in crescendo; lección aprendida e que fixo que unha grande parte delas rectificaran o seu voto no mes de febreiro de 1936.

Unha República que lexislou o dereito ao divorcio e o dereito a establecer unha relación matrimonial pola vía civil, sen ter que someterse ás leis que chamaban divinas, da Igrexa Católica, pero que non eran máis que patróns de comportamento dos seus seguidores en beneficio dos negocios da grande burguesía e da propia organización relixiosa.

Unha República que ao través da reforma agraria, volveu produtivas grandes extensións de terras fértiles e cultivables entregando terras a quen nelas traballaban en réxime de servidume para os grandes terratenentes, sometidos a continua explotación e condenados a pasar fame e miseria e favor duns parasitos da nobreza e os seus herdeiros e descendentes (uns grandes de España, outros simplemente herdeiros, pero todos uns grandes fillos de puta). Unha República que quixo rematar cos “foros”[1].

Unha República que dignificou o ensino público e fixo del un dereito para todas as persoas; e que estendeu a cultura ata os máis recónditos lugares da xeografía española.
En fin, fican moitas cousas positivas da IIª República Española no tinteiro; unhas que se me esquecerán e outras que non vou mencionar por non estenderme no artigo.

Actualidade da defensa da Segunda República.

Mais, é contraditorio loar e defender a IIª República Española coa reivindicación dunha República Galega? Eu persoalmente penso que para nada son posicións excluíntes; que a Segunda República representou un avance social e político que todos os demócratas debemos defender, independentemente de que defendamos ou non a consecución dunha República Galega independente. Iso o tiveron moi claro, incluso naqueles tempos, os nosos devanceiros; non todos independentistas pero que si tiñan claro a necesidade de que Galiza tivera políticas propias que posibilitaran o avance social e económico dunha terra explotada e abandonada. 

Por iso eu non comprendo que, aínda coincidindo en numerosas arelas con elas, haxa persoas que cando no mes de abril e nos actos republicanos me ven coa insignia republicana na solapa e cando reclamo a lembranza da Segunda República Española me contestan como contraposición “república galega”. Non o entendo, nin sei cal é a filosofía de fondo; pero eu sigo coa miña loa da Segunda República e dicindo que só baixo un réxime republicano é posible acadar a igualdade de dereitos para as persoas e a redistribución máis xusta das rendas. 

Isto non quer dicir que todas as repúblicas respondan a intereses populares; temos exemplos dabondo de que isto non é así. Pero desde o momento no que o xefe dun Estado non pode ser escollido polo conxunto da cidadanía, ese Estado ten unha raíz e unha natureza non democrática, por moito que lle chamen “monarquía parlamentaria”, “monarquía constitucional”, ... ou lle poñan a “monarquía” calquera outro apelido destinado a enmascarar e disfrazar ese réxime insán, autoritario e antidemocrático.
E se o exposto anteriormente é aplicable a todas as monarquías, no caso español a esa monarquía parlamentaria temos que cualificala de ilexítima porque a reinstauración monárquica do rei Juan Carlos foi consecuencia dun golpe de Estado contra a lexislación existente no ano 1936; e o citado rei foi nomeado como tal por un ditador, por un cruel asasino. Iso por moito que no referendo constitucional do 1978 se coara de “estrangis”, e aproveitándose das arelas de respirar liberdade e aire fresco dos españois, ese indesexable réxime.


Por iso, un ano máis, VIVA A REPÚBLICA!


[1] En poucas verbas, e para que se entenda sen ter que estenderse moito, os foros consistían o pago en especie abusivo que quen traballaba a terra e vivían en chozas propiedade dos poderosos -a nobreza e a Igrexa Católica- practicamente abandonadas e arruinadas tiñan que facer aos seus propietarios. Terras que por regra xeral foran entregadas á nobreza ou á Igrexa por “vontade real” ou “vontade divina”, que viña a ser o mesmo e consistía en quitarlle a terra a quen a traballaba.

04 marzo 2019

Vivan as mulleres!



Por que “vivan”? Vexamos: a) Vivan: terceira persoa do plural presente de subxuntivo do verbo vivir; b) Vivan: Exaltación de alegría, de entusiasmo, referido a máis dun suxeito ou obxecto.
Podería interpretarse que, dada a situación pola que nos últimos tempos están a pasar as mulleres por mor da violencia machista, como a primeira acepción das sinaladas. Non é que eu non desexe a vida para as mulleres, que non é así (como tampouco lle desexo a morte a ningún ser humano); pero, neste caso, non é así; senón que é unha expresión de alegría dirixida ao colectivo de mulleres polo seu firme propósito de liberarse das cadeas coa que a ideoloxía patriarcal pretende mantelas escravizadas e amordazadas.

Unhas cadeas patriarcais que, despois do éxito mundial da folga de mulleres do oito de marzo do pasado ano, os ideólogos do patriarcado e as súas expresións políticas están a tratar de manter firmes e ben firmes. Se ben o ano pasado partidos coma o Partido Popular ou Ciudadanos, defensores a morte dos principios básicos da sociedade patriarcal, non se puxeron frontalmente en contra a mobilización feminista, incluso falando do tema coma se fora unha “ocorrencia simpática”, este ano o seu discurso xa ten trocado de lugar e ten un denominador común: a condena da folga en si mesma, como corresponde ás expresións políticas dos intereses dos grandes empresarios e dos banqueiros, e unha defensa do papel que tradicionalmente as sociedades machistas atribúen ás mulleres, de subordinadas aos intereses e aos desexos dos varóns e, por ende e sobre todo, do mercado. 

Pero non son unicamente o Partido Popular e Ciudadanos os que están a amosar as súas facianas máis machistas e patriarcais. A estes temos que lles xuntar os partidos nazi-fascistas coma Vox cuxa concepción da muller vai moito máis alá das funcións que lles atribúen as distintas relixións monoteístas (que, dito sexa de paso e sen pararme máis, queren que as mulleres permanezan ancoradas na súa situación de escravas domésticas e de reprodutoras de nenos e nenas, sen dereito a decidir sobre a súa vida e o seu corpo). Estes nazi-fascistas, de forma indirecta, sen especificar claramente (por se as leis) e coas súas retro-reivindicacións explícitas, inclúen entre o papel que atribúen ás mulleres o de vítimas dos malos tratos machistas, o papel de obxecto de desfrute sexual en beneficio exclusivo dos varóns e a negación do dereito a manifestar as propias orientacións sexuais. Ben, na realidade, temos que aseverar que estes neonazis non só son machistas empedernidos contra a muller en todos os seus peores aspectos, senón que son homófobos declarados (aínda que moitos deles e delas na súa privacidade manteñan hábitos incompatíbeis con aquelo que predican, como corresponde ao fascismo dito sexa de paso) e inimigos de todo aquilo que poida suxerir LGTBI, incluíndo a posibilidade de que persoas do mesmo sexo poidan, se así o queren, institucionalizar legalmente a súa situación de parella mediante o matrimonio ou a súa inclusión nos rexistros civís coma parella de feito; e non falemos xa da posibilidade de adoitar ...porque aí si que saltarían chispas.
 

Onte, tres de marzo, mentres milleiros de mulleres e homes so botaban á rúa convocadas polas organizacións feministas (na Galiza por Galegas8M, en Lugo, baixo o lema “Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista”) para rebelarse contra a súa opresión, coma un primeiro paso para a esperemos exitosa folga do próximo 8 de marzo, os tres partidos da dereita extrema en diferentes graos (Partido Popular, Ciudadanos e Vox) participaban en diferentes actos amosando un compoñente declaradamente machista.

Os voceiros de Vox nunha manifestación promovida por asociacións de cazadores e organizacións diversas para protestar polas limitacións á caza impulsadas desde a Xunta de Castela e León (curiosamente do PP). Alí estaban os de Vox baixo a escusa da defensa da “cultura española” de torturar animais en prazas de touros e en cacerías diversas, coma a do zorro na Galiza apoiada pola Xunta de Feijóo, sen control e sen obxectivos que vaian máis alá do pracer a costa do sufrimento dos animais. Nese acto participaban os defensores do gran negocio de armas e disfraces vinculados á caza, así como cidadáns pertencentes a vilas e pobos cun nivel cultural achegado ao terceiromundismo, cidadáns vítimas entre outras cousas da falta de interese dos gobernantes pola potenciación dun ensino de calidade, crítico, ecolóxico, non machista e ligado á cultura e non á incultura do asasinato de animais indefensos.

Noutro lado, coido que na Coruña e para os de La Coru, estaba Pablo Casado y de las JONS cun discurso netamente machista e patriarcal ao referirse á problemática da muller e ao seu papel e funcións na sociedade. Un discurso na liña do máis obtuso dos últimos anos da Sección Femenina da Falange e que parecía sacada daqueles libros deformadores do bacharelato do franquismo correspondentes á materia fascista e obrigatoria para os varóns (as mulleres cursaban a materia de Fogar) que rulaba baixo a nome de Formación del Espíritu Nacional dirixida a ensinar como manter, entre outras moitas cousas nefastas, á muller nunha situación de inferioridade, subordinación, obediencia cega e obxecto de desfrute en favor dos varóns. Iso si, Pablo Casado (y de las JONS) ía convenientemente arroupado pola candidata do PP á alcaldía da Coruña e polo actual presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, que por suposto aplaudiron as súas intervencións.

En relación a Ciudadanos unha “inspirada” Inés Arrimadas glosando un novo termo para referirse ao mantemento da situación de subordinación da muller: o do “feminismo liberal”. Parece que isto consiste en regular a prostitución e en legalizar os ventres de alugueiro. É dicir, falando en prata, legalizar os malos tratos ás mulleres vítimas do comercio sexual, o tráfico e os traficantes de persoas e o labor dos seus proxenetas. Por outra parte, legalizar o comercio do corpo da muller como criadora de fillos alleos no seu ventre, sen responsabilidade para os compradores e a potenciación das mafias que se dedican a montar nos países terceiromundistas granxas onde en lugar de pitas poñedoras, teñen mulleres criadoras de bebés alleos. É dicir, estes elementos do “feminismo liberal” predican manter a situación das mulleres coma obxectos, sobre todo das mulleres con menos recursos que son, como amosan diferentes estudos de ONGs, as principais vítimas do tráfico de persoas e da utilización mercantil das mulleres coma obxecto.

Así que si. Que vivan as mulleres e que a folga do 8M sexa masiva

          (E que os explotadores e os seus cómplices de calquera caste rematen na cadea).

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...