01 xullo 2019

“De entrada, NON”. Ou o que é o mesmo : o PSOE non é de fiar. ( I )


Supoño que a moitos e a moitas iso de “de entrada non” soaravos; e soaravos da posición mantida polo PSOE baixo a dirección de Felipe González e defendida con ardor (guerreiro?) por Javier Solana para meter, posteriormente, de cabeza ao Estado Español na OTAN[i].


 Máis este é o eterno cantar do PSOE: dicir que vai facer algo durante as súas campañas electorais e despois non facelo, ou facer todo o contrario. Tamén o fixo Rodríguez Zapatero en moitos aspectos do seu último mandato e está a facelo Pedro Sánchez na actualidade con importantes temas que a día de hoxe afectan negativamente á sociedade do Estado Español en múltiples áreas a saber: liberdades democráticas; relacións laborais, pensións públicas, redistribución das rendas, vivenda, sistema fiscal realmente progresivo, educación, sanidade, presencia en altos cargos das forzas e corpos de seguridade do Estado e da xudicatura de persoas pouco acordes cos valores dun sistema democrático, temas relacionados coa a problemática da Xefatura do Estado..., e moitos outros que por non alongar a lista abstéñome de mencionar.  


Dalgúns destes temas o PSOE fixo bandeira da súa derrogación, tanto na presentación da súa moción de censura contra Mariano Rajoy como na campaña das recentes eleccións xerais de maio de 2019, pero durante a breve presidencia de Sánchez xurdida da moción de censura nada fixo por cumprir coa súa promesa, pese a ter apoios máis que suficientes para acadar algunhas delas; ben é certo que outras foron bloqueadas por unha maioría da mesa do Congreso que PSOE contribuíu activamente á que a houbera na súa constitución. E neste impass entre eleccións e constitución do Goberno do Estado parece que está a retractarse de moitas das súas palabras/promesas, buscando cómplices na dereita franquista e, sobre todo, na “nova” dereita representada por Ciudadanos, procurando a súa abstención na sesión de investidura co obxectivo de non ter que pasar por asinar un compromiso de medidas socialdemócratas que contraveña a súa orientación liberal-keynesiana (que non de esquerdas) con Podemos ou outras forzas da mesma orientación que o partido de Irene Montero.


Como diría unha das miñas avoas “as palabras lévaas o vento”. E no caso do PSOE (como o de todos os partidos socialdemócratas europeos) este tipo de comportamentos se reproduce ao longo de case a totalidade da súa historia. Desde Indalecio Prieto e Julián Besteiro até Felipe González e Rodríguez Zapatero e, na actualidade, Pedro Sánchez o PSOE parece darlle continuidade a este tipo de comportamentos. Iso si, é precisa unha clarificación: os tres últimos dos nomeados perderon calquera trazo socialdemócrata e teñen/tiveron os seus comportamentos mediatizados e supeditados aos intereses oligarquía financeira e a gran burguesía; e isto sitúa ao PSOE nun lugar contrario aos intereses da maioría da poboación española, composta por uns asalariados e unha pequena burguesía cada vez máis empobrecidos. As súas prácticas de goberno da economía son máis propia dun partido liberal burgués con lixeiros toques de keynesianismo que dun partido sequera socialdemócrata. Nisto seguen os exemplos dos seus correlixionarios gregos, alemás, franceses, etc., que remataron por desaparecer do panorama político polas súas políticas contrarias aos intereses da clase obreira e por  favorecer a penetración do fascismo nos seus respectivos países.

Seguiremos noutra entrada analizando diferentes e importantes aspectos que unha política simplemente socialdemócrata debería contemplar, aspectos prometidos e incumpridos que favoreceron a saída para adiante da moción de censura que permitiu a Pedro Sánchez asumir a presidencia do goberno do estado e, posteriormente, unha maioría do PSOE nas eleccións xerais de maio de 2019.
 




[i]

Hai que sinalar que antes do seu XXXº  Congreso o partido de Felipe González manifestábase contrario á entrada do Estado Español nese órgano militar dirixido polos EE.UU. e dedicado, na práctica, a defender os intereses das grandes multinacionais, incluso utilizando a violencia militar. Ese cambio custoulle a “Isidoro” a dimisión do seu Ministro de Asuntos Exteriores Fernando Morán (persoa cunhas conviccións e comportamentos éticos inmensamente superiores ás do seu Secretario Xeral e, daquela, Presidente do Goberno Felipe González). De aí, o PSOE pasou ao do “OTAN de entrada non”, da súa campaña que precedeu ao referendo OTAN, a pedir o voto afirmativo para a entrada nese indesexable organismo militar nun referendo de pregunta sesgada e confusa. Nesa consulta, que estivo precedido dunha forte campaña institucional en favor da entrada e dunha forte campaña mediática para lograr unha resposta acorde cos intereses da oligarquía mundial no citado referendo, pouco máis da metade dos votantes (o 55,6%) se decantaron polo “si” solicitado polo goberno do PSOE.
Ao longo da súa historia quedan exemplos moi claros do que realmente é a OTAN. Aí temos a recente intervención da OTAN en Libia para derribar o réxime do sátrapa Gadafi, pero cuxo transfundo era o de permitir, como se forzas corsarias se trataran,  que as grandes multinacionais petroleiras puideran apropiarse da riqueza petrolífera que pertence ao pobo de Libia; deixando tras da súa intervención militar un réxime tanto ou máis sátrapa que o de Gadafi. Outro dos lucimentos desta organización militar foi a súa intervención na antiga Iugoslavia, na teoría para parar o xenocidio que alí acontecía; na práctica para servir aos intereses das multinacionais francesas, alemás e norteamericanas, amais dos intereses xeo-estratéxicos do mundo capitalista occidental diante da crecente puxanza de Rusia, acadando coa súa intervención a incorporación á OTAN de numerosos estados nacidos da descomposición da antiga Iugoslavia; nesta última intervención tampouco lles importou causar gran cantidade de vítimas entre a poboación civil iugoslava cos seus bombardeos indiscriminados.


07 maio 2019

ACONTECIDO EN CANGAS DO MORRAZO


SEIS DE MAIO DE 2019: DATA PARA LEMBRAR.

Onte, 6 de maio de 2019, foi unha data histórica para a vila de Cangas de Morrazo. O grupo de goberno dese concello, despois de moitas xestións e intentos frustrados, conseguiu retirar do lateral da igrexa parroquial católica de Santiago de Cangas o mural levantado despois da chamada guerra civil española polas hordas fascistas do xeneral Franco.



Mural non distinto de moitos outros colocados, tamén, nos muros de templos relixiosos católicos, cuxa estrutura (agás decentes excepcións) estivo na conspiración e na posterior represión política e ideolóxica do golpe de Estado fascista de xullo de 1936 e que durou ata ben entrado o ano 1977. Os meus parabéns a todos os demócratas cangueses, en especial aos membros do Grupo Municipal de goberno e a Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas do Morrazo. Xa era hora.






ALGO MOI REAL ACONTECIDO EN CANGAS DO MORRAZO

E agora paso a comentar algo que aconteceu en Cangas hai, máis ou menos, tres anos.

Contoume un amigo que nunha rúa canguesa sita ao lado da igrexa, hai algún tempo, tivo lugar unha conversa. Esta conversa desenvolveuse entre o actual párroco de Cangas e o meu amigo; non sei se as palabras son as exactas (hai máis de un ano que o contou), pero si que responden ao contido real desa conversa:

Meu amigo dirixíndose ao párroco e sinalando ao espantallo fascista situado no lateral da igrexa: “Ola, bo día. Cando van quitar eso de aí?”. O párroco, con cara de vinagre e ton de moito enfado contesta: “Nunca, eso nunca se va a quitar. Gracias a esos valientes [ou heroes, non me lembro ben como me contara] no quemasteis la iglesia”.

Teño que aclarar que o meu amigo aínda non existía cando o golpe militar asasino de 1936; nin sequera os seus pais estaban en idade de procrear, polo cal é imposible que puidera queimar ningunha igrexa; e, tamén, que o meu amigo é profundamente respectuoso coas crenzas máis profundas de cada quen. Diante esa contestación o meu amigo, que é un antifascista de sempre, enfadouse e seica lle largou máis dun improperio “por maleducado e por fascista”.

Hoxe, o meu amigo está moi ledo porque por fin o espantallo que homenaxeaba o levantamento militar contra a legalidade da IIª República, espantallo presidido polo nome do fundador dunha organización que foi de pistoleiros nazi-fascistas, utilizando de parapeto (como en outros moitos templos dos colaboradores necesarios da masacre, o asasinato e o xenocidio franquistas) nomes de numerosas persoas da vila que perderon a vida defendendo, voluntaria ou involuntariamente -non o sei-, aos carniceiros golpistas que instauraron un réxime policial represor e corrupto do que aínda hoxe estamos a sufrir as consecuencias, tanto no ámbito da represión como no ámbito da corrupción.

E QUE ACONTECERÁ? QUE FARÁN OS CATÓLICOS QUE CREN NA DEMOCRACIA E NA LIBERDADE?

Onte o señor cura estaba moi enfadado, segundo conta hoxe o Faro de Vigo, aínda que non quixo facer declaracións públicas. Imaxino que, tendo en conta os seus modos e maneiras e a ideoloxía que parece profesar e que é de dominio público en todo Cangas,  reservará as súa opinións para lanzalas desde o púlpito en todas as ocasións que poida facelo; aproveitará misas e novenas (e, se cadra, tamén funerais e vodas) para facer apoloxía do fascismo, defender ao golpismo franquista e tentar de branquear a un réxime caracterizado pola negación de calquera liberdade de expresión e incluso pensamento (non esquezamos que centos de miles de persoas foron asasinadas entre os anos 1936 e 1977 simplemente por pensar de forma distinta da do réxime fascista de Franco), utilizando a violencia armada e policial para manter a corrupción e poder roubar a mans cheas en favor dos seus cómplices e apoios financeiros.

Eu espero dos crentes católicos que cren firmemente na democracia, nas liberdades democráticas, que no caso de que o cura aproveite os ritos relixiosos para defender ese franquismo indefendible lle mostren a súa desconformidade dalgunha forma; por exemplo, abandonando o lugar no que se estea celebrando o oficio relixioso corrompido polo fascismo. 

Xa de por si adoita ser bastante vergonzosa a actitude da maior parte dos curas católicos en épocas electorais para tentar de dirixir o voto dos fieis desde os púlpitos, como para que se lle permita que poidan exaltar ao fascismo sen que ninguén lle deixe as cousas craras.
 




O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...