25 abril 2024

25 DE ABRIL: SEMPRE!!

 

No céu cinzento sob o astro mudo
Batendo as asas pela noite calada
Vêm em bandos com pés veludo
Chupar o sangue fresco da manada

Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada
Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada

                   (Jose Afonso – Vampiros, 1958)

Os caraveis e os fusís

        Hoxe cúmprense medio século da “Revoluçao dos Cravos” (Revolución dos Caraveis), 50 anos desque os militares demócratas portugueses, agrupados no Movimento das Forças Armadas (MFA), puxéronse do lado da maioría da poboación, formando un movemento cívico-militar, e decidiron rematar coa ditadura de Marcelo Caetano, sucesor de Antonio de Oliveira Salazar, impulsor da citada ditadura baixo o apelativo de Estado Novo. A diferenza dos clásicos golpes de Estado militares, o alzamento antiditatorial da MFA non foi cruento, nin dirixido a un simple troco de persoas no poder. Foi un golpe dirixido a establecer as liberdades democráticas en Portugal e a procurar que o poder real residira na cidadanía, así como a depurar o aparato do Estado portugués (policía, xudicatura, exército, administración, etc.) de todos aqueles elementos cómplices activos ou pasivos da ditadura salazarista.

Non cabe dúbida de que nos seus primeiros momentos, o salazarismo opuxo resistencia a ser despoxado dos seus privilexios; non foi unha oposición violenta, pero si unha forte resistencia que foi anulada pola forza que dentro do exército (que fora, xunto coa policía política, PIDE, o principal sostén da ditadura) do MFA. Agora mesmo lémbrome dun xeneral que a última hora e cando o triunfo do movemento cívico-militar xa estaba máis que cantado, un tal Antonio de Spinola, oposto a iniciar unha depuración do aparello do Estado, partidario de trocar todo para que nada trocara, foi apartado e destituído das súas responsabilidades.

Avances sociais traizoados

Certo que desde aquel feliz 25 de abril Portugal deu moitas voltas; e que moitas das conquistas acadadas nos primeiros anos da revolución foron esmorecendo ou fóronse perdendo por mor da alianza entre o dereitista Partido Socialdemocrata (PSD) e o Partido Socialista (PS) portugués; que as medidas tendentes a acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria presente nos primeiros pasos da revolución dos cravos foron esmorecendo ou foron soterradas polos distintos gobernos da dereita e pseudo-socialistas que encamiñaron Portugal cara a unha sociedade gobernada polas leis do mercado e da especulación, xerando as bolsas de pobreza e desigualdade inmensas que caracterizan a sociedade portuguesa ao día de hoxe. O camiño cara á sociedade igualitaria, no que nos anos iniciais do triunfo cívico-militar se deron con relativo éxito pese á pobreza e á desigualdade na que o réxime salazarista tiña sumido á sociedade portuguesa, foron desandados xa na segunda lexislatura de Mario Soares (que coincidencia; a segunda lexislatura, igual que o acelerón neoliberal do segundo goberno de Felipe González co PSOE).

Un aparello de Estado libre de fascistas.

Iso si, a persistencia e a forza do movemento popular portugués nacido do 25 de abril tivo como un gran logro que todas as instancias da administración e os órganos do Estado foran depurados de case todos os elementos que dalgún xeito estaban identificados polo seu apoio ao ditadores ou pola súa participación en procesos ou actividades de persecución daqueles cidadáns, de múltiples condicións e profesións, que se opoñían á ditadura e reclamaban o seu dereito a vivir en liberdade. O aparello xudicial quedou libre de xuíces fascistas, así como a milicia e a policía. Os membros da PIDE, policía política salazarista, foron perseguidos e xulgados polos seus crimes contra a humanidade; igualmente os empregados públicos significados por abusos contra a poboación foron expulsados e suspendidos das súas funcións. Academias militares e de policía foron rexidas por profesorado e direccións que impartiron a cultura da democracia e o respecto ás liberdades. O mesmo pasou nas universidades, nos centros de ensino básico e nos liceus onde non se ocultaron as barbaridades e crimes cometidos durante a ditadura salazarista, ensinando a historia real de Portugal e non a que a ditadura de Salazar criou a peto para xustificarse a si mesma. E nos xulgados se procedía en base a probas contrastadas e non en base a rumores de prensa, falsas novas e ideoloxía dos xuíces; e os casos de lawfare son case inexistentes.

Envexa (san) pola depuración do aparello de Estado.

Que envexa! Quen nos dera a nós!. Porque daqueles pos amasados  e sementados entre o lixo procedente do franquismo, o PSOE de Felipe González e o PCE de Santiago Carrillo, que permitiron a persistencia de elementos criminais e fascistas en todos os eidos do aparato do Estado,  temos estes lodos fascistas que hoxe invaden ao conxunto da poboación do Estado Español. O caso máis recente relacionado coa falta de depuración do estado franquista saltou no día de hoxe á opinión pública e afecta, nada máis e nada menos, que ao Presidente do Goberno do Estado.

À toda a parte chegam os vampiros
Poisam nos prédios poisam nas calçadas
Trazem no ventre despojos antigos
Mas nada os prende às vidas acabadas

Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada
Eles comem tudo, eles comem tudo
Eles comem tudo e não deixam nada

                                                 (José Afonso-Vampiros, 1958)

 

14 abril 2024

Un ano máis, VIVA A REPÚBLICA!!

Un día coma hoxe, o 14 de abril de 1931, unhas eleccións municipais celebradas no Estado Español deron lugar ao nacemento da IIª República Española. Unhas eleccións que reflexaron os resultados no que os votantes amosaron o seu cansazo e a súa fartura da corrupta monarquía borbónica e das miserias ás que os gobernos por ela amparados inflixiron ás clases populares coa finalidade de favorecer as insaciables arcas da burguesía, dos membros da familia real borbónica e da Iglesia Católica. Borbons que desde os tempos do rei felón, Fernando VII de Borbón,  pasando por todos os demais membros da súa dinastía, non fixeron máis que roubar ás arcas públicas no seu favor propio e os dos seus amiguetes e protexidos (sónavos algo disto conectando coa actualidade?), aínda que iso supuxera para á maioría da cidadanía unha acumulación galopante de miseria, explotación, fame e falta de instrución educativa; e en moitos casos, a morte física por fame ou por non poder curar unha enfermidade.

Foron moitísimos os avances sociais que a II República trouxo ás clases populares. Pese a non ser a esquerda política a que tiña a maioría do goberno, e pese a ter episodios condenables (como os asasinatos de Casas Viejas, protagonizados por unhas forzas da orde ao servizo da dereita republicana, baixo un goberno de Manuel Azaña), o curto período que as dereitas fascistas da Falange Española de las JONS e as ultradereitas da CEDA permitiron respirar á FrontePopular, o sistema político nacido o 14 de abril de 1931 foi moi produtivo e canto a actividades, logros e avances nos eidos laborais, educativos, feministas, etc.

Na Segunda República acadouse a educación pública xeneralizada ao traveso tanto da extensión da instrución educativa aos recunchos máis apartados da poboación como das numerosas iniciativas educativas puntuais levadas a cabo por universitarios voluntarios durante os períodos de feiras (quizá o máis coñecido é o grupo teatral LaBarraca, dirixido por García Lorca), acadouse o dereito ao voto das mulleres e o dereito ao divorcio, se estableceron leis que minimizaran a explotación dos traballadores e traballadoras nas empresas e no medio agrario do Estado Español (tanto no eido da xornada coma no eido dos salarios e dos dereitos dos traballadores). E moitos outros logros contribuíntes a diminuír as diferencias sociais entre as persoas e entre os pobos que conforman o Estado Español. Non temos máis que lembrar que foi neste período no que se aprobaron os estatutos de autonomía de Catalunya, Euzkadi e Galiza; e que recoñecidos nacionalistas das diferentes partes do Estado (entre eles Castelao) apoiaron de forma crítica pero decidida o mantemento da República e formaron parte da Fronte Popular, coalición preferida por ampla maioría da poboación nas eleccións de febreiro de 1936.

Non imos describir aquí todas e cada unha das medidas da Segunda República que significaron avances sociais, económicos e culturais; non é o obxecto deste espazo. Hai outros traballos escritos por prestixiosos historiadores e historiadoras tanto da Península Ibérica como de fora dela que teñen magnificas obras nas que se poden consultar a evolución e historia da Segunda República de xeito detallado (non falo dos revisionistas pseudo-franquistas, nin dos conversos que teñen publicado verdadeiras falsificacións da historia, superando incluso ao coñecido e nada prestixioso (a pesares de que pretenderon cualificalo coma tal) historiador franquista Ricardo de la Cierva.

A revolución dos mineiros asturianos en 1934.

Era máis que evidente que a burguesía e as forzas reaccionarias da dereita e da extrema dereita fascista, defensoras dos privilexios dos máis podentes economicamente e da corrupción do Estado non ían deixar que a Fronte Popular seguira a converter ao Estado Español nun espazo de liberdade, laico e cun sistema político dirixido por e ao servizo da maioría social.

Había un precedente que non podían asumir: durante o goberno da CEDA, no ano 1934, os mineiros asturianos tentaron impedir que ese goberno da dereita devolvera aos patróns mineiros os privilexios que estes tiñan antes da proclamación da República e que as condicións de traballo, os salarios de miseria e os abusos constantes contra a clase obreira volveran á situación precedente. Para elo, non atoparon outra solución que a de iniciar unha revolución social que rematara dunha vez por todas coa explotación e os abusos dos patróns. Pero o resto do país non era Asturias, nin a conciencia dos mineiros era comparable á dos campesiños ou do traballadores doutras industrias e do comercio. Pese ao apoio “moral” que as clases populares prestaron ao levantamento mineiro asturiano, a mobilización do exército polas forzas da dereita, con consignas de rematar de forma salvaxe e sen miramentos coa revolución, deron ao traste co levantamento mineiro. E para asegurar a bestialidade, o sadismo criminal, e a falta de escrúpulos dos militares, a CEDA de Gil Robles puxo ao mando das tropas a un coñecido criminal de guerra polas súas accións en Marrocos e nas guerras do Rif: ao xeneral Franco Bahamonde.

O golpe de Estado e a Guerra Civil.

Despois da intervención militar na Asturias de 1934 e despois das eleccións de febreiro de 1936, gañadas nas urnas pola Fronte Popular, sucedéronse varios intentos de golpes militares por parte da burguesía utilizando ao exército como arma contra a democracia e as conquistas sociais da República.

E no mes de xullo de 1936, civís, gardas civís e militares ao mando de Francisco Franco Bahamonde levantáronse en armas contra a República, asasinando a toda aquela persoas que non comungara coas súas ideas ou puxera en dúbida as súas intencións. As famosas brigadas do amencer (formadas por membros da Garda Civil, falanxistas e militares) que sacaban aos presos das cárceres para torturalos, asasinalos impunemente e tiralos en calquera cuneta ou enterralos en lugares nos que aínda hoxe non se sabe onde están; os bombardeos de columnas de civís que fuxían dos seus fogares, escapando da represión dos criminais, a incautación e roubo dos bens daquelas persoas que non pensaban coma eles; encarceramento, asasinato ou escarnio público dos familiares de perseguidos por pensar de forma diferente ou de estar da parte da legalidade institucional, sen distinguir rango de idades. É dicir, as accións que caracterizan a calquera asasino e xenocida.

Coidaron que o levantamento ía ser un paseo militar. Mais o pobo organizouse e defendeuse, o que provocou unha guerra de tres anos con máis dun millón de mortos segundo algunhas estimacións (José María Gironella escribiu unha novela titulada “Un millón de muertos”, dentro da súa triloxía da Guerra Civil, en referencia aos mortos nela; os historiadores din que se quedou curto). Mortos sen xustificación, do que son responsábeis aqueles que se levantaron en armas contra a legalidade republicana  que a vontade popular, expresada nas urnas, dotou ao Estado Español.

O golpe franquista foi unha quebra da lei premeditada, con armas e con resultado de mortos; é dicir, o que en termos xurídicos se denomina asasinato. E se a esa ansia premeditada de matar engadímoslle que estaba dirixida aos colectivos de persoas que pensaban de forma diferentes, podemos falar de asasinos xenocidas.

Aquí residiu, no tema militar, un dos principais fallos da República, non tanto por acción coma por inacción: o non ter depurado aos elementos fascistas dun exército inzado de criminais con postos de alta responsabilidade entre a oficialidade, como máis adiante se demostraría polas súas cobardes e xenocidas accións contra a poboación civil (Francisco Franco, Queipo de Llano, Millán Astray, Mola, Cabanelas, Fanjul, Capitan Carreró, etc.).

Esta dinámica de eliminación física do distinto emprendida polos fascistas nos territorios por eles controlados a partir de xullo de 1936 (no que Galiza ocupa un lugar destacado dentro do número de asasinados a mans dos facinorosos), seguiu durante as décadas que durou o réxime franquista, ata o ano 1977, ano ata o que o Estado Español estivo dirixido por ditadores que se dedicaron a asasinar ou encarcerar a todo aquel que denunciaba a represión e demandaba liberdades democráticas (primeiro Francisco Franco e, á morte deste no ano 1975, Juan Carlos de Borbón).

O renacer dos fascistas na actualidade.

Todas estas barbaridades acontecidas durante o golpe de estado e o réxime franquista, inicialmente dirixido por Franco e, nos seus dous últimos anos, por Juan Carlos de Borbón, pretenden ser ocultadas polo movemento fascista do Partido Popular e de Vox, impulsando naqueles lugares onde gobernan leis que equiparen un réxime nacido da vontade popular expresada nas urnas cun réxime nacido do crime, o roubo, e o asasinato; un réxime, o franquista, no que a corrupción e o uso do público para favorecer aos amigos ou para enriquecerse de forma irregular era moeda de cambio cotiá.

Non é estraño, xa que quen está detrás desas medidas son os membros do Partido Popular (fundado, entre outros ex altos cargos da ditadura franquista, polo máximo responsable dos asasinatos de seis obreiros en Vitoria no ano 1976, da voadura do diario Madrid no ano 1973, da Lei de Prensa que amordazaba a información real, secuestraba publicacións e pechaba xornais e doutras moitas barbaridades realizadas do réxime franquista, entre elas o apoio ás penas de morte ditadas polos criminais militares e civis contra demócratas e bendicidas polo ditador criminal) e os membros de VOX. Tamén están os que non teñen o mínimo pudor e defenden publicamente aos asasinos franquistas e ao seu réxime de terror, sexan dun ou doutro partido.

Supoño que todos eles, ou a súa maioría, terían persoas achegadas antepasadas que participaron coma militares, policías, gardas civís ou coma civís falanxistas na represión e nos asasinatos do franquismo. E que, a diferenza de outros moitos (e eu coñezo a algún) que saben recoñecer a participación dos seus antepasados nas accións criminais do réxime de Franco, estes que aproban estas disposicións pseudo-históricas e contrarias ás leis de memoria ben están desexando outra situación similar á acontecida no pasado ou bewn están a lavar a súa conciencia familiar falsificando a historia. Tamén estarán algúns dos que pensan que Carrapuchiña Vermella existiu ou os que aínda cren nos Reis Magos. E, tamén, aqueles que teñen instintos criminais.

En fin, persoas valencianas, castelan-leonesas e aragonesas cobardes, miserables, mentireiras e indesexables; que non merecen nin a auga que beben nin a ostentación de ningún cargo público.

09 abril 2024

Cibercarrachos, eses FDGP(*)

 

        Hoxe, ao activar o meu teléfono móbil, de repente recibo unha notificación de que tiña nos mensaxes un con sospeitas de ser spam. A min, estas cousas prodúcenme curiosidade polo que fun a ver cal era o número de procedencia do SMS.

        Cal non sería a miña sorpresa cando teño varios mensaxes desa natureza que realmente son spam con contidos dirixidos a tentar que me deixara enganar e estafar por esa xentalla, de natureza delincuente, e que utilizan as redes sociais e as aplicacións de mensaxería e correo electrónico para estafar e roubar á xente.

     Baixo que máscaras pretenderon hoxe os cibercarrachos enganarme e aproveitarse de min para roubarme? Como non podía ser doutra forma, estes elementos indesexables escondéronse baixo as etiquetas de "Correos", "Banco de Santander", "Energy Clientes", outro "Banco de Santander", outro "Correos" e outro dunha empresa de venda de artigos de segunda man (este último non podo asegurar que fora un intento de timo, pero si que era spam).

        Os algoritmos do sistema operativo do teléfono funcionaron na detección de tres posibles SMS estafadores, que ao final realmente o eran. Aínda que o equilibrio entre o bo e o malo deses algoritmos creados polos programadores das empresas que dominan sistemas operativos e redes sociais serviron para algo máis que para encherte de publicidade que supostamente ten interese para ti, o peso deses algoritmos segue pesando máis no tema publicitario e de vixilancia e cualificación do usuario.

        Pero non só, aínda que si o máis usado na actualidade segundo din os especialistas, é o SMS a vía de expansión e de actuación deses FDGP(*) cibercarrachos. Tamén usan o correo electrónico mediante o envío de arquivos autoexecutables contedores de virus ou de "avisos" de bancos, eléctricas, aseguradoras, compañías de telefonía, ... (como vemos todo queda en familia) con trampas de acceso a contas ou a espazos da área de clientes. A min escríbenme con frecuencia ao e-mail xentes moi atentas, identificadas con "nome e apelidos ou razón social", indicándome que teño unha factura pendente, ou que me remiten a factura da miña compra; todos eles, invariablemente, con un arquivo adxunto con extensión ".gz", que por suposto non abro.

        O mesmo ao través da mensaxería instantanea (Whatsapp, Telegram,...) coas mesmas técnicas que os e-mail ou os SMS. Aínda que tamén chamando a contestar a un WhatsApp interrogante procedente dun número que non temos na nosa axenda. Antonte, chegoume un moi curioso que a propia empresa de mensaxería detectou que podería ser spam. Esta mensaxe viña da número 62-882-2118-81221  onde me dicían "Hola, soy Beatríz. Que tal estás?" Era moi basto todo; porque se pulsabas a cabeceira onde estaba o número, resulta que este estaba identificado como dunha tal "Makeba". Coido que se contestara, viríame un facturón de datos por envío dunha mensaxe a un país estranxeiro cuxo receptor beneficiaríase da chamada; ou que tentaríanme enfiar polo cu dunha agulla como a aquel francés daquela película, da que non me lembro o título, que estaba ligando cunha muller africana branca e preciosa que resultou ser un xove negro cibercarracho, que traballaba para unha organización criminal, que se dedicaba a sablear a occidentais crédulos ou incáutos.

        En fin, coidado. Porque moitas veces incluso os que procuramos estar atentos a estas circunstancias caemos nas súas redes, quer por descoido, quer por andar con presas, quer por desprezar a eses FDGP.

        E, se estes cibercarrachos FDGP poden facer o que fan, imaxinade vos o que gobernos de delincuentes e criminais de guerra poderán facer coa Intelixencia Artificial. Xa hoxe xaquen teléfonos oficiais, crean imaxes irreais, intoxican a información con audios e imaxes,...

        Un saúdo.

  NOTAS.-

(*) FDGP = Fillos Da Gran Puta

20 marzo 2024

Israel segue a asasinar palestin@s con total impunidade

 

    A día de hoxe, despois de ter destruído case na súa totalidade a Faixa de Gaza, impedindo calquera modo de vida civilizado nese lugar de Palestina, Israel segue coa súa labor xenocida ordenada polo seu goberno de nazis sionistas e levada a cabo con total impunidade internacional polo seu exército e os seus servizos secretos.

    Xa non se trata agora de combater o terrorismo de Hamás, que foi a escusa para o inicio da invasión e do xenocidio na faixa, senón que agora xa falan descaradamente de manter a perpetuidade a ocupación dos territorios palestinos (non só Gaza, senón a máis Cisxordania e Xerusalén Leste) e instalar neles a colonos sionistas, fascistas radicais, que xa na actualidade ocupan con total impunidade terreos e fogares de familias árabes, ás que expulsan impunemente, con violencia -incluso armada- e con apoio criminal da policía e o exército israelís das súa propiedades. 

        As vítimas dos nazis hitlerianos compórtanse coma os seus verdugos na Europa dos anos 1930 ao 1945 no que os criminais de guerra alemáns, franceses, austriacos, polacos, húngaros e doutros países europeos (agás os de España, que pola graza de Churchill, De Gaulle e de Eisenhower gozaron de total impunidade) foron xulgados e encarcerados para pagar os seus crimes contra a humanidade.

        Desde un primeiro momento era incomprensible que ese labor de xenocidio e perpetración de crimes contra a humanidade fora apoiado pola Presidenta da Comisión Europea e polo Presidente dos Estados Unidos de América (EUA), entre outros moitos dirixentes europeos e americanos. Incompresible incluso o veto dos EUA na Organización das Nacións Unidas (ONU) de condena dos bombardeos indiscriminados contra a poboación civil na Faixa de Gaza. E a posición de todos eses impresentables de falla de defensa do Secretario Xeral da ONU cando este foi agredido verbalmente e insultado polo goberno de Israel acusándoo de cómplice de Hamas.

        Mais vista a reacción da poboación a nivel mundial (incluso nos EUA) de condena do xenocidio e os crimes de lesa humanidade realizados polo goberno, o exército e os servizos secretos de Israel, parece que a hipocrisía do Presidente americano e do seu secretario de Estado saliron a relucir: por un lado non condenan os crimes de Israel contra Palestina, simplemente piden que "haxa un tregua" temporal, unha pausa dun xenocidio que posteriormente continuará, pero polo outro lado seguen a proporcionar armas ao estado xenocida para que continúen coa súa labor xenocida. Igualmente outros países europeos, entre os que esta o Estado Español, que seguen a proporcionar armas a Israel (no caso de Spain baixo a escusa infumable de que son contratos anteriores ao inicio do xenocidio contra a poboación de Gaza, como se fora nesa data na que empezou o xenocidio sionista contra Palestina).

        Un caso patético é o do presidente francés, que mentres se luce con declaracións de envío de tropas a Ucraína para parar a invasión rusa dese país, cala totalmente no xenocidio ocorrido en Palestina.

Por que non un novo Nüremberg?

        Na II Guerra Mundial, xente decente dos EUA e doutros países do mundo (por intereses propios tamén, todo hai que dicilo) aliáronse contra os afáns expansionistas de Hitler e contra o xenocidio dos xudeos europeos por parte deste e os seus aliados italianos e españois. Non dubidaron entrar nunha guerra que supuxo moitos sacrificios en vidas e quebrabtos económicos. E conseguiron derrotar aos criminais xermanos e doutros países da Europa e xulgalos con garantías no proceso de Nüremberg. 

        Non vou pedir desde aquí unha intervención militar armada en Israel. Porque a poboación civil israelí non o merece. Si merecen ser encarcerados de por vida todos os seus dirixentes políticos, militares e policiais responsables ou partícipes nos crimes contra a humanidade cometidos contra a poboación palestina. E iso pódese levar a cabo coa creación dunha forza internacional militar de intervención nos territorios palestinos liderada polas Nacións Unidas. Sei que é difícil, porque  están por medio gobernos que están a apoiar por activa ou por pasiva os crimes de Israel, pero non é imposible. Se interviron ilegalmente, saltándose todo o dereito internacional, en Libia e noutros países, porque non van intervir en Palestina, deter aos xenocidas israelís el xulgalos nun novo Nüremberg?


 

19 marzo 2024

Por que a dereita e a extrema dereita gañan as eleccións portuguesas?

 

        O pasado domingo, día 10 de marzo tiveron lugar eleccións xerais no veciño país. A dereita política venceu nos comicios ás forzas da esquerda. Nin Bloco de Esquerda (BE), nin Partido Comunista Portugues (PCP), nin Partido Socialista portugués(PS) foron quen de superar as porcentaxes de votos acadados pola dereita da coalición Aliança Democrática (AD), o partido fascista Chega e outros partidos ou coalicións de orientación dereitista. Pero se pode preocupar que AD+ se fixera coa maioría dos deputados na cámara portuguesa, o realmente preocupante é o ascenso do fascismo de Chega, que conseguiu triplicar os seus resultados. Vexamos os resultados electorais segundo se presentaban no xornal portugués Público:

Evolución do voto en Portugal

        Os resultados en escanos parlamentarios habidos en Portugal, e as maiorías de goberno formadas en cada unha das lexislaturas poden darnos algunha pista sobre a razón do cambio total de voto desde a teórica esquerda cara á dereita representada pola Aliança Democratica (PSD, CDS-PP e PPM) e a extrema dereita do Chega. 


Lexislatura 2015-2022

        Na lexislatura resultante dos comicios realizados no ano 2015, cun Portugal fundido pola crise económica mundial provocada polo gran capital desde 2008, e pese aos 102 escanos acadados polo CDS-Partido Popular e os 5 do Partido Socialdemocrata (PSD), a dereita non foi quen de formar goberno.

        Foi o Partido Socialista, cos apoios do Bloco de Esquerda (BE) e da Coaligaçao Democrática Unitaria (CDU) formada polo PCP e Partido Ecologista-Os Verdes, que puido formar goberno ao sumar entre as tres forzas un total de 122 deputados. Aínda que o Partido Comunista e o Bloco de Esquerdas non formaban parte do goberno, se coñeceu a esa alianza de facto como o Governo da Gerigonça, que naceu dun pacto de lexislatura entre PSP, DCU e BE.

        Cun punto de partida moi negativo tanto no económico coma no social, o "Governo da Gerigonça" contribuiu a que a sociedade portuguesa, sobre todo as clases máis desfavorecidas, camiñara nunha senda de avance social con a diminución das grandes diferencias que a crise e as políticas do PSD provocaran. E, insisto, políticas de esquerda propiciadas pola forza do Bloco de Esquerda e da Coaligaçao Democrática Unitaria non pola vontade do Partido Socialista portugués.

        Nin sequera a aparición da pandemia mundial xerada polo COVID-19 freou os avances sociais que desde o lexislativo portugués se promulgaron coa forza do BE, CDU e PS, que xuntos conseguiron e que, co empuxe decisivo de BE e CDU, se centraron en procurar un maior benestar para as clases populares, impedindo medidas que puideran afondar aínda máis as diferencias entre a poboación do país.

        A pesares de ser moitas das medidas lexislativas de carácter social forzadas polo peso definitorio que na Assembleia da República (o parlamento portugués) e na Gerigonça tiñan o Bloco de Esquerda e a Coaligaçao Democrática Unitaria, os méritos desas políticas populares foron atribuídos pola poboación ao Partido Socialista, como se puido ver nos resultados electorais do ano 2022, no que este último partido acadou a maioría absoluta no parlamento con 120 escanos.

Lexislatura 2022 - 2024

        Como adoita acontecer cando os partidos ou coalicións da dereita ou os partidos socialdemócratas obteñen maioría absolutas nos órganos lexislativos dos diferentes países da Europa, a maioría absoluta acadada no ano 2022 polo Partido Socialista de Portugal propiciou o inicio da contraofensiva liberal no país veciño. E, de paso (como tamén adoita acontecer), puxéronlle a alfombra vermella á dereita para o proceso electoral do ano 2024. 

        No Estado Español sabémolo ben. Temos exemplos abondo coas actuacións do PSOE durante o segundo mandato de Felipe González e co segundo mandato de Rodríguez Zapatero nos que o viraxe cara á dereita ultraliberal dos seus gobernos foi descarada e salvaxe, afondando nas privatizacións dos servizos públicos e facendo cada vez máis difícil as condicións de vida da clase traballadora e da pequena burguesía coa finalidade de contentar e servir aos intereses da oligarquía hispana e internacional.

        Liberados xa da necesidade de contar cos votos dos partidos progresistas para o gobernar, o Partido Socialista portugués iniciou unha gobernanza dirixida a contentar ás burguesías europeas e portuguesas establecendo prexudiciais medidas lexislativas para as clases populares. Comezaron, como marca o "catecismo" ultraliberal, cargándose os servizos públicos e propiciando as privatizacións nos servizos básicos que igualan ás persoas con independencia da súa procedencia de clase, como son a educación e a sanidade. Privatizacións e recortes na sanidade pública e no ensino público. Permisividade na planificación urbanística especulativa das cidades, creando un grave problema de acceso á vivenda para o conxunto da cidadanía, sobre todo para aquelas persoas de rendas medias e baixas ás que lle resulta practicamente imposible acceder ao alugueiro; e xa non digamos mercar unha vivenda en propiedade. Esta problemática non só se da en cidades coma Lisboa ou Porto con grande acceso do turismo internacional, senón no conxunto do Estado Portugués. A isto temos que sumarlle as políticas de contención salarial, tanto nos servizos públicos como nas actividades económicas privadas, amosando unha submisión total ás políticas ultraliberais ditadas desde o Banco Central Europeo e desde unha Comisión Europea (como xa fixera Rodríguez Zapatero no Estado Español) que supedita, esta última, o benestar e as condicións de vida dos europeos á estratexia militarista e imperialista dos Estados Unidos de América.

        Evidentemente o problema da vivenda é máis agudo en cidades coma Porto ou Lisboa, onde a xentrificación permitida polo goberno do Partido Socialista expulsou a moitos cidadáns da súa contorna de vida cotiá por mor do aumento dos prezos do alugueiro derivados da profusión de vivendas turísticas nacidas ao amparo da especulación do chan e da vivenda.

        No Estado Español, o goberno presidido por Pedro Sánchez non tivo máis remedio que adoitar certas medidas de carácter progresista pola presión exercida pola esquerda, tanto desde o propio goberno ao través da coalición entre Esquerda Unida e Podemos (sobre todo deste último) e das forzas parlamentarias progresistas que contribuíron a facilitar a súa formación de goberno. Non é que fixeran marabillas, pero algo fixeron sobre todo no ámbito da vivenda e da igualdade salarial e de dereitos entre homes e mulleres, así como o da diversidade e da identidade de xénero. Todo, hai que dicilo: coas caras longas dos dirixentes do PSOE. Fitos importantes, xunto coa tipificación dos ERTES, e do remedo de referir a suba das pensións a un índice que pretenden pasar polo Indice de Prezos ao Consumo (IPC) inventado para a ocasión para contentar aos tirios e aos troianos do entorno gobernamental.

Xa que logo...

        ...Hai que achacar a caída do PS portugués á corrupción que aconteceu na contorna da presidencia e que propiciou a dimisión do primeiro ministro e a convocatoria anticipada de eleccións? Eu coido que non, que o ascenso da ultradereita de Chega e mantemento da dereita coligada en AD foi o froito das políticas ultraliberais adoitadas polo Partido Socialista (PS) portugués ao amparo da súa maioría absoluta.

        É a triste e repetida historia dos autodenominados partidos socialistas en Europa (Grecia, Italia, Estado Español, Francia,...), que engalanan aos seus países coa alfombra vermella pola que a dereita vai entrar triunfante a rematar a faena iniciada por eles; faena que en ocasións remata coa desaparición do partido "socialista" de turno. O problema é que se presentan como partidos da esquerda cando na realidade non son máis que, como as dereitas clásicas e as fascistas, servidores dos intereses da oligarquía internacional; e neste labor de engado teñen a importante colaboración dos medios de prensa, radio e televisión que, maioritariamente, son propiedade da burguesía e/ou dos fondos de investimento beneficiados polas políticas ultraliberais.


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...