07 outubro 2024

Por que non se matan entre eles?

 

            No transcurso das intervencións militares habidas nos distintos países do mundo por exércitos doutro país estranxeiro puidemos ver como as principais vítimas deses ataques son civís non combatentes, principalmente aquelas persoas que menos capacidade teñen de refuxiarse das balas ou das bombas dos países que os agriden. E esas vítimas principais adoitan ser as crianzas, as mulleres e as persoas anciás.

A violación por parte dos exércitos do Carto Convenio da Convención de Xenebra, que prohibe a agresión á poboación civil e convirte estas agresións en crimes de guerra, ten carácter xeneralizado nas intervención das milicias en terceiros países. Isto converte aos mandatarios que ordenan esas agresións –seguindo a letra do mencionado convenio- en criminais de guerra.

A Convención de Xenebra.

Lembrar que a chamada Convención de Xenebra, que consta de catro convenios, naceu despois da Segunda Guerra Mundial por mor das atrocidades cometidas ou ordenadas polos distintos exércitos e autoridades civís ao longo das dúas grandes guerras mundiais. Transcribo literalmente dende a Wikipedia o relativo ás poboacións civís contido no Carto Convenio de Xenebra e que se quería evitar con posterioridade á súa redacción:

Para os castigos colectivos, os redactores dos Convenios de Xenebra tiñan presentes os asasinatos de represalia da Primeira e da Segunda Guerra Mundial. Na Primeira Guerra Mundial, os alemáns executaron aldeáns belgas en represalia masiva pola actividade dos Movementos de Resistencia durante a Violación de Bélxica. Na Segunda Guerra Mundial, os nazis levaron a cabo unha forma de castigo colectivo para reprimir a resistencia. Pobos, cidades ou distritos enteiros eran responsables de calquera actividade de resistencia que alí tivese lugar. Tamén se dirixiu unha preocupación adicional cara aos bombardeos atómicos estadounidenses de Hiroshima e Nagasaki, que, á súa vez, causaron morte e enfermidades a millóns de civís xaponeses, así como aos seus descendentes [sic]. Para evitar estas situacións, os convenios reiteran o principio de responsabilidade individual. Un comentario do Comité Internacional da Cruz Vermella (CICV) sobre as Convencións sinalou que nun conflito as partes recorren a miúdo a ‘métodos de intimidación para asustar á poboación’ coa esperanza de evitar actos hostís, pero tales prácticas ‘atacan por igual a culpables e inocentes, isto é contrario a todos os principios baseados na humanidade e na xustiza’.”

Agresións contra a poboación civil.

Sen ánimo de ser exhaustivos, imos facer un breve recorrido polas agresións á poboación civil cometidas e ordenadas e dirixidas por militares e/ou gobernantes civís. 

Para non irmos máis atrás imos empezar pola chamada guerra dos Balcáns, acontecida entre os anos 1991 e 2001, que acabou coa descomposición de Iugoslavia en numerosos países e na que se cometeron numerosos crimes de guerra contra a poboación civil, moitos deles xa xulgados e condenados os considerados culpables dos mesmos e outros aínda pendentes de xuízo ou, simplemente, ocultos en función dos intereses dos distintos países implicados no estalido ou no desenvolvemento do conflito.

Segundo o Carto Convenio da Convención de Xenebra mencionado con anterioridade podemos considerar como unha vulneración do dereito internacional e da citada convención o bombardeo de Belgrado pola OTAN no ano 1999 sen o permiso (necesario) da ONU, onde houbo numerosas vítimas civís. Culpables: mandos militares e civís da OTAN e gobernantes dos diferentes países que conforman esa organización militar, entre os que está o Estado Español.

Outra agresión significativa contra a poboación civil é a cometida polos Estados Unidos de América (EUA) no bombardeo e a ocupación de Iraq na chamada Segunda Guerra do Golfo. Unha violación contra a poboación civil seguida doutras moitas ao longo de toda a invasión e posterior ocupación de Iraq polos EUA e os seus aliados. Non cabe dúbida de que podemos cualificar coma criminais de guerra a todos os gobernantes dos EUA e a todos os xefes militares que durante a duración do conflito deron as ordes de cometer tales crimes, así coma aos oficiais e soldados que os cometeron. Temos que recordar aquí ao cámara español Couso que foi vítima dun deses numerosos crimes cometidos polos EUA e os seus aliados. A día de hoxe todos eses crimes están sen xulgar e os seus responsábeis sen castigo. En troques, están xulgados e condenados algúns dos que, desde dentro das organizacións criminais armadas e regulares  responsábeis das agresións ou desde outros foros civiles, denunciaron violacións de dereitos humanos denunciaron eses crimes contra a humanidade, como o soldado Maining do exército dos EUA ou Julian Assange de WikiLeaks.

Outros dos numerosos crimes de guerra que incorren na violación da Convención de Xenebra son os cometidos por Siria e Turquía contra a poboación do Kurdistán, tanto nas propias guerras que eses países manteñen na actualidade contra os movementos de liberación kurdos como na máis recente coñecida na que a milicia armada kurda combateu contra o integrismo islámico do ISIS establecido nas súas terras durante a guerra de Siria contra o movemento integrista (curiosamente apoiado pola CIA dos EUA) que quería derrocar a Bashar Al-Assad e establecer un estado islámico en Siria.

Os bombardeos de Rusia sobre Kiev para perfeccionar a invasión  ou de Ucraína sobre o Donbass coa finalidade de conquistar unha parte da Europa baixo soberanía rusa. Pero fundamentalmente quen sufre as consecuencias é a poboación civil non combatente. E súfrea de multiples e variadas formas: directamente polo efecto das bombas ou dos disparos do invasor/defensor, pola fame e a miseria que esas guerras armadas por xentalla indecente e cobizosa e os seus lambecús crean, polas enfermidades derivadas da escaseza de medicamentos e recursos que as guerras crean, pola explotación á que se ven sometidos por parte desa casta de voitres que sempre aparecen nas situacións de necesidade e miseria para aproveitarse das necesidades da poboación,...; ou mesmo pola obriga á que son sometidos numerosos civís a incorporarse aos exércitos baixo múltiples presións e ameazas para defender historias que obxectivamente non lle interesan nin lle van trocar a vida por moito que lles falen con verbas como “patria”, “valor”, “fronteiras”, etc. que so serven aos intereses duns poucos.

Pero as agresións contra a poboación civil máis dolorosas e cruentas habidas nos últimos tempos son as levadas a cabo polo exército de Israel contra a poboación Palestina na faixa de Gaza. O próximo 9 de outubro cumprirase un ano desde que o exercito israelí empezou a masacre de Gaza. En teoría este ataque fíxose para evitar que Hamas volvera a realizar unha ofensiva como a que o 7 de outubro de 2023 tivo coma vítimas decenas de mortos civís e, sobre todo, militares nos territorios palestinos ocupados por Israel próximos a Gaza, onde Hamas tomou centos de reféns, moitos dos cales aínda seguen no seu poder; o raro é que o Mossad non soubera que ese ataque da guerrilla integrista islámica palestina íase producir; e hai moitas razóns para crer que esa acción foi consentida coa finalidade non de protexer a Netanyahu, senón de propiciar o que a día de hoxe Israel está a facer en Palestina en todos os territorios que a ONU considera coma palestinos. A día de onte, segundo podemos ler nos xornais, o balance de vítimas civís xeradas polo xenocidio que exército, servizos secretos e gobernantes israelís están a cometer en Palestina cifrábanse en 41.802 persoas mortas e 96.844 persoas feridas, a inmensa maioría civís non combatentes, moitos deles crianzas, vellos e mulleres. Esta violación do Dereito Internacional e da Convención de Xenebra lévase a cabo mediante bombardeos indiscriminados sobre construcións civís, hospitais, escolas, campos de refuxiados, establecementos de organizacións humanitarias...; os soldados do exército de Israel disparan sobre criaturas indefensas, non respectan ás persoas mortas movéndoas de sitio, vexando os seus cadáveres e tentando ocultalos baixo os escombros dos edificios por eles derrubados non se sabe moi ben con que finalidade. Téñense novas de violacións sistemáticas de mulleres palestinas por parte de membros do exército de Israel; violacións aprobadas tácita e expresamente polos seus mandos intermedios e altos mandos. Eliminación física de xornalistas que pretenden informar ao mundo das atrocidades que o exército sionista está a cometer en toda Palestina, mais sobre todo en Gaza, e prohibicións da entrada de novos xornalistas independentes nos territorios ocupados.

Esta agresión xenocida e criminal ordenada polos gobernantes israelís e os altos mandos militares, secundada pola totalidade do seu exército de forma salvaxe sen distincións de escalas e graduacións é unha violación en toda regra da lexislación internacional sobre territorios, guerras e dereitos humanos. E os seus ordenantes responsables e os actores directos (como o foron os dirixentes nazis das SS e os seus membros sen graduación) deben ser xulgados coma o que son, criminais de guerra, e condenados pola súa conduta criminal. Tamén aqueles gobernos que dotan, ou permiten que se dote, ao exército de Israel das armas e bombas coas que ese xenocidio se está a levar a cabo deben ser xulgados e condenados coma cómplices dos crimes de lesa humanidade e de guerra.

E agora, debemos engadir tamén os bombardeos sobre a poboación civil do Líbano empezada días atrás polo exército de Israel.

Por que non se matan entre eles?

Por que ten que ser a poboación civil vítima da cobiza, da ambición de riqueza sen límites, dos que manexan as vontades da utilización dos artefactos de matar? Por que non se matan entre eles e deixan que a poboación civil viva en paz? Por que ese afán de destruír as vivendas, as escolas, os hospitais, ...á xente que está sen ánimo de lucro nos distintos lugares axudando e tentando de garantir saúde, educación e benestar entre a poboación civil que despois vai ser agredida, acosada e bombardeada por eses criminais?

Gobernantes civís e xenerais, oficiais e suboficiais, soldadiños: gústavos a guerra? Pois cando teñades ansias de bombardear, mellor vos citades entre vos ou en grupos de animais de dúas patas semellantes, quedades en campo aberto (como nos tempos de María Castaña) e vos bombardeades, vos disparades e vos aniquilades entre vos. Pero deixade á poboación civil en paz. Xa ten bastante co seu traballo, con ter que coidar dos seus e levar o pan e a educación todos os días aos seus fogares. Por que ten a poboación civil, por riba, que aturar as estupideces duns personaxes que están ao servizo doutros máis poderosos e que utilizan as fronteiras, as armas e a morte como medio para agradar e satisfacer a cobiza de quen realmente os manda?

Porque os que dan a orde de bombardear e aniquilar á poboación civil, os que planifican a guerra, son os xenerais. Pero quen da o visto e prace para que eses bombardeos e ataques á poboación civil se materialicen son os gobernantes dos países que os efectúan ou atacan en cada momento. Eles, xenerais e gobernantes, son os principais responsables, son os criminais de guerra, os asasinos. Pero tamén o son os que, sabendo que se está a violar a lei, acatan as ordes de exterminio e ataque contra a poboación civil e os que cometen as atrocidades e falta de respecto contra a poboación non combatente. 

E non podemos esquecernos, e debemos poñer no mesmo plano criminal a aqueles que tendo poder para evitar as matanzas planificadas por gobernantes e militares non actúan para evitalas. Nin daqueles que sabendo que as armas que o seu país fornece a un agresor están a servir para cometer crimes de guerra, xenocidio ou exterminio sistemático. Tamén os gobernantes deses países son criminais de guerra. De igual forma, son cómplices de xenocidio e crimes de guerra aqueles gobernantes que prohiben que a súa poboación civil se pronuncie publicamente en contra ese tipo de prácticas.
 

 


 

 

 

 

 

24 setembro 2024

Horroroso panorama!

 

        Si, horroroso o panorama destes últimos días (de hai quince días para aquí, máis ou menos) e do que levamos desta semana. Tanto no nivel internacional coma no estatal ou o galego. Imos mencionar algún dos temas que marcaron eses días (e digo "algúns" porque seguro que voume esquecer dalgún importante):

1.- Altri e a Xunta de Galicia-Partido Popular

        As declaracións da Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galiza desdeñando todos aqueles estudos sobre o impacto económico e social da instalación de Altri na Galiza que non se amosaran favorables á súa instalación. Dicía esa señora -impresentable ao meu modo de ver as actitudes dos cargos públicos- que eles xa tiñan os seus estudos (os favorables, por suposto; procedentes da propia empresa que quer fondos públicos e doutras fontes descoñecidas). Eu non sei que hai, se actual ou futuro, pero a min este descarado intento de meter Altri en Palas de Rei lémbranme as políticas de Feijóo e da que foi súa Conselleira de Medio Ambiente respecto aos eólicos e que rematou de alto cargo empresarial en Greenalia. Mais o ardor da actual Conselleira na defensa da instalación de ALTRI (eu a denominaría Conselleira de Destrución do Medio Ambiente polas súas políticas encol das mineiras contaminantes, de celulosas e destrutoras do bosque autóctono), xunto coa Conselleira de Industria (ou desindustrialización?), preocúpanme moito; parece como se se xogaran moito do persoal no intento; ata o punto de aturar os efectos negativos que ese tipo de industrias ten para a contorna e para o conxunto do país.

2.- Venezuela para aquí, Venezuela para alá.

        Segue o balbordo sobre Venezuela entre o Partido Popular e o PSOE. Os primeiros incorporando o tema ao debate interno desde un presunto punto das liberdades democráticas e a relación con terceiros países. Unha actitude que colide de fronte, con forza e moito estrondo coa súa propia política cara a Israel, Arabia Saudí, Emiratos Árabes e, en xeral, cara a todo canto ditadorzuelo ou "reyezuelo" sátrapa que hai polo mundo e que practica políticas ultraliberais, xenófobas e/ou represivas que reciben o apoio explícito do Partido Popular ou a súa calada por resposta. O PSOE botando balóns fora e dicindo que eles alíñanse coas políticas da Unión Europea e que a les non lle treme a man á hora de facer coa oposición venezolana o que non fan cos perseguidos magrebís, saharauis e africanos en xeral: darlle asilo político;

 3.- A Xunta de Galicia fai caixa a conta das persoas dependentes.

        Outro dos temas é o denunciado polos Directores e Directoras de Servizos Sociais sobre o aumento das persoas en situación de dependencia na Galiza, a diminución dos orzamentos da Xunta de Galicia-Partido Popular dedicados ás persoas dependentes e o aumento dos orzamentos que a Xunta recibe do Estado para este fin. Resultado: a Xunta de Galicia-Partido Popular está a facer caixa a conta das persoas en situación de dependencia. E eles, tan sen vergonzas coma sempre, o negan! E, tamén, coma sempre bótanlle a culpa ao goberno central. Iso si, mentres tanto establecen vantaxes fiscais para os máis ricos e para as empresas que controlan o xogo e os casinos na Galiza diminuído os seus impostos.

4.- Invasión do Líbano polo sionismo nazi e criminal

        E, quizá o tema máis importante acontecido nos derradeiros días: a criminal escalada masiva de bombardeos do Estado de Israel sobre o Líbano, un país soberano, causando centos de mortes (homes, mulleres, nenos, anciáns) coa escusa de "rematar con Hezboláh. Como xa teñen feito en Palestina (Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste), o exército criminal e o Mossad israelís, todos eles xenófobos nazis comandados por xenerais e oficiais nazis e por un goberno nazi presidido por Netanyahu (todos eles criminais de guerra), seguen a mesma técnica e escusas que utilizaron para masacrar á poboación palestina de Gaza, que están a usar en Cisxordania para expulsar dela á poboación palestina e entregarlle as súas pertenzas a colonos nazi-sionistas e, tamén, seguen a utilizar en Xerusalén Leste contra palestinos e palestinas.

        Esta escalada, amais de supoñer unha creba da lexislación internacional -unha máis das realizadas polo Estado de Israel desde a súa existencia- e unha violación da Carta das Nacións Unidas sobre os Dereitos Humanos (como xa acontece en Palestina), ten o perigo dunha escalada bélica internacional centrada no Oriente Medio, con participación de países con un alto potencial nuclear (Israel, Irán, Estados Unidos de América-EUA-) e que influiría nunha perda calidade de vida da maioría dos cidadáns do mundo que recaería fundamentalmente sobre as clases populares. Igualmente, contribuiría ao enriquecemento da xentalla máis indesexable do mundo e a unha meirande fenda económica entre as persoas e os países.

        Diante desta situación, unha vez máis, os países da Unión Europea (UE) e de América do Norte (agás México) miran para outro lado ou buscan responsabilidades onde non as hai. O que fixeron nas primeiras horas foi pedir a Irán e a Hezbolá que "manteñan a calma". De Israel, que é o Estado agresor é quen viola a lexislación internacional, esa banda de sen vergoñas non din nada. Parece que a última hora si que se dirixen a Israel "a ver se pode parar"; pero de medidas contra a invasión dun país soberano coma Líbano, nada. Merecen os israelís o mesmo tratamento que os rusos diante da invasión de Ucraína, pero para EUA e a UE parece que hai cidadáns de primeira e de segunda (ou dos que podemos enriquecernos e dos que non).

        Mais de todas estas posicións dos países ricos sobre a invasión de Líbano e o xenocidio palestino, hai que destacar a actitude dos civís e militares que gobernan os Estados Unidos de América (EUA) e dalgún outro, que mentres falan e falan coa boca pequena seguen a proporcionar o armamento co cal Israel está a perfeccionar o xenocidio palestino en Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste, a sementar terror en Líbano e a violar as leis internacionais. Esta actitude os confirma coma cómplices dos crimes de guerra e do xenocidio cometidos polo goberno, exército e Mossad; e, polo tanto, podemos cualificalos como criminais, e así o facemos.

5.- Para rematar.

        Como dixen nun inicio, algo importante queda por mencionar. Agora mesmo me ven á cabeza os inmensos incendios forestais que asolaron Portugal. Moito ten que ver esta problemática coa eucaliptización e a plantación de especies forestais que favorecen os incendios, e que empresas como ALTRI, ENCE ou Navigator potencian para favorecer os intereses económicos dos seus propietarios pero que causan máis prexuízos que beneficios nas áreas xeográficas afectadas por esas plantacións. Non é certo que creen riqueza; son industrias de enclave onde so se fai a primeira transformación da materia prima e os procesos máis contaminantes; industrias que xeran un escaso valor engadido, precisamente por iso; que provocan toda unha xeira de externalidades negativas (ecolóxicas pola desaparición de especies forestais e animais, de destrución de economías rurais asentadas, de destrución de superficies adicadas á obtención de pastos ou forraxes para a alimentación animal, de destrución de recursos pesqueiros e marisqueiros e postos de traballo ligados ao mar) e de despoboación do medio rural que fan que a presenza deste tipo de industrias xere graves prexuízos económicos e sociais. Tanto en termos de custes reais como en termos de custos de oportunidade, ese tipo de industrias son unha carga de profundidade con efectos destrutivos inmediatos e peores efectos destrutivos futuros contra a vida humana.

13 setembro 2024

Venezuela: (?) ou (!) ...(e 2)

 

    Este artigo é un complemento (ou actualización) do publicado neste espazo o pasado día 11 baixo o título deVenezuela: (?) ou (!)” .

O Congreso aproba unha resolución favorable ao recoñecemento de Edmundo González.   

    O pasado 11 de setembro, o Congreso dos Deputados debateu e aprobou unha resolución proposta polo Partido Popular pola que se instaba ao goberno do Estado a recoñecer a Edmundo González coma vencedor nas pasadas eleccións venezolanas. Foi aprobada cos votos da extrema dereita e dos partidos de dereitas Coalición Canaria e Partido Nacionalista Vasco (PNV).

        Os votos deste último non se sabe moi ben a que viñeron, sendo este partido un dos que compoñen -polo menos ata este intre- o entorno de apoio ao goberno, aínda que sexa non tanto polo cariño cara aos partidos que conforma o goberno como por non ter que apoiar un goberno participado polo partido fascista Vox. Desde logo as explicacións achegadas polos voceiros do PNV non son nada claras ao respecto; non explican nada.

        Máis se votamos unha vista ao pasado do partido nacionalista vasco igual podemos aproximar unha explicación. Lémbranse vostedes de JonJosu Imaz? Pois ben, este señor, importante membro da casta empresarial vasca, foi unha persoa con cargos de relevancia moi importante dentro do PNV e no Goberno Vasco; tan relevante que chegou a ser presidente do Euzkadi Buru Batzar (comité Executivo do PNV), é dicir, o máximo cargo político persoal do partido con carácter executivo. Na actualidade é Conselleiro Delegado de REPSOL, unha das máis importantes petroleiras mundiais e con intereses nos xacementos petrolíferos de Venezuela nacionalizados na época de Chávez; e, polo tanto, cargo executivo dunha empresa á que as políticas dun goberno que pensa no seu país e non nos beneficios que lle poidan achegar persoalmente as petroleiras de países foráneos, a diferenza dos monicreques que compoñen as oposicións lideradas publicamente por Edmundo González e María Corina Machado. Vese que, aínda non exercendo cargos políticos no PNV, Jon Josu Imaz segue a mandar moito nese partido. Os motivos? Vaia vostede a saber.

         O goberno español segue nas súas trece: non recoñece a vitoria de Maduro mentres non faga públicas as actas que así o amosen, en concordancia coa posición maioritaria dos países integrantes da Unión Europea, pese á decisión do lexislativo. Xa fixeron bastante o ridículo, goberno español e Unión Europea, co do "presidente encargado" Guaidó. Pero a señora Ministra de Defensa Margarita Robles (o Margarita "la guerrera") tivo a pouca vergonza de cualificar publicamente a Venezuela coma unha ditadura (cousa que non fixo con Netanyahu nin sequera para condenar expresamente o xenocidio palestino) e tratar a todos os venezolanos acollidos no barrio de Salamanca madrileño como refuxiados políticos, cando moitos deles serían cualificados no noso país coma conspiradores golpistas. E, como se di popularmente, "armouse o belén".

A reacción de Venezuela á decisión do Congreso.

        Podemos cualificar as verbas do presidente da Asamblea Nacional venezolana de rachar todo tipo de relacións co Estado Español como totalmente fora de lugar, tanto polo fondo coma pola forma das súas palabras. E non o digo por defensa nacional, nin  orgullo patrio nin zarangalladas dese estilo, que a min tráenma frouxa e pendular (como diría un antigo e bo amigo meu). A min as verbas incontroladas deste home lémbranme a aqueles lambecús franquistas que aínda ían máis alá coa súa verborrea que o propio xefe da criminalidade, aqueles aos que toda a forza íaselles pola boca pero que andaban ao que máis lles conviña en cada intre; incluso pasándose de recios franquistas de pro a "demócratas de toda a vida". Non quero dicir con isto que Maduro sexa un criminal, pero si que dese presidente de asemblea eu non me fiaría moito, paréceme un deses tipos que vai coa árbore que máis sombra proporciona (estilo Feijóo, para entendernos). A esta situación temos que lle engadir as mencionadas declaracións de Margarita Robles.

        A seguir das verbas do personaxe mencionado anteriormente e das declaracións incendiarias da nosa "flamante"  Ministra de Defensa, o Goberno venezolano no día de onte chamou a consultas á súa embaixadora no Estado Español e citou ao embaixador español en Caracas. Isto non é máis, en principio, que unha chamada de atención de duración indeterminada ao goberno español.

        Este seguidismo do goberno de Maduro a respecto do presidente da asemblea venezolana pode ser contraproducente incluso para a súa causa e a súa reafirmación de soberanía. Pode xerar reaccións nada convenientes para Venezuela por parte doutros países, contribuír a un recruamento do bloqueo dos criminais e xerar unha situación de desesperación nas bases populares que hoxe apoian a Maduro. Coido que Venezuela ten que fiar moi fino, que non pode caer nas provocacións que o imperialismo e os seus aliados internos e exteriores van realizar. Igualmente de prexudiciais son as desmedidas declaracións (e o digo polo ton, non polos feitos que poden ser ou non ser) do equivalente ao noso ministro do interior.

E logo, con que (ou con quen) nos quedamos?

        De momento todo indica que Venezuela é unha democracia onde a oposición política pode agruparse, facer propaganda, presentarse aos procesos electorais e presentar alternativas contrarias ao réxime gobernamental. Que ao mellor é necesario afondar nos procesos democráticos e unha meirande transparencia nos resultados electorais? Non o sei. Como tampouco sei se os resultados electorais das presuntas actas mostradas polos partidarios de María Corina Machado e Edmundo González son verdadeiras ou fabricadas.  Unha cousa si é certa: que a dereita, cando os resultados electorais son moi axustados e non lle favorecen, sempre pon en dúbida a limpeza dos recontos. Pasou en Venezuela nos distintos procesos electorais, pasou nos Estados Unidos de América (EUA) cando Trump perdeu as eleccións contra Biden, pasou no Estado Español as veces que o Partido Popular andou moi axustado (que si INDRA, que si...). A eterna cantarela daqueles políticos que teñen aos países coma fincas da súa propiedade.

        Por outra parte, debemos preguntarnos se todo o acoso, bloqueo e as tentativas de trocar as relacións no poder político venezolano impulsadas desde os Estados Unidos de América están forzando ao goberno de Maduro a extremar o seu control de tal forma que na práctica se limitan unhas liberdades que de non ser así permanecerían.

         O Departamento de Estado dos EUA di que non, que eles non están montando golpes ou outros intentos contra o goberno venezolano. Pero xa é de coñecemento histórico común que a fiabilidade e credibilidade que teñen os contos dese Departamento de Estado dos EUA é nula; como tamén é nula a credibilidade dos distintos servizos secretos (de calquera país) que negan ter participado en actividades encubertas en terceiros países, sós ou en colaboración con outros servizos secretos.


O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...