09 setembro 2025

Parte 2: PALESTINA, VÍTIMA DUN NOVO HOLOCAUSTO

 

PARTE 2: PALESTINA, VÍTIMA DUN NOVO HOLOCAUSTO

Outros corresponsables do holocausto palestino

  Son vergonzosos, desde o primeiro momento, as actuacións e os posicionamentos das institucións da Unión Europea e da maioría dos gobernos dos países da Europa.

Hai países onde desde un primeiro momento se perseguiron policialmente e xudicialmente as manifestacións e expresións de apoio a Palestina e de condena do asalto e posterior inicio do xenocidio de Gaza. Alemaña, Francia, Inglaterra, Hungría,... enviaron, desde o inicio, aos seus policías a reprimir duramente as manifestacións contra o xenocidio de Gaza, especialmente Alemaña, Inglaterra e Hungría (este último país gobernado por Orban, un suxeito na órbita fascista de Donald Trump e defensor dun Netanyahu, ao que tampouco entregou ao TPI na súa visita a Hungría realizada non hai moito tempo). Outros países “delegaron” a súa capacidade de actuación na Unión Europea e na súa Presidenta Ursula von der Leyen, lavándose as mans.

No momento actual, a situación non ten cambiado moito en países clave da Europa como Alemaña e Inglaterra, onde se sigue a perseguir con saña ás persoas que se manifestan publicamente en contra do xenocidio cometido por Israel en Gaza ou, simplemente, por lucir unha kufiya pola rúa. Chega incluso Inglaterra a procesar por terrorismo a persoas implicadas nunha protesta pacífica realizada en instalacións militares contra o xenocidio (e supoño que se iso fixeron é porque o exército inglés, ou os seus servizos de intelixencia, están implicados dalgún xeito nese proceso exterminador contra o pobo palestino); pero non só quen realizou esa acción está perseguido polo “demócrata” e “laborista” Starmer; están tamén a ser vítimas de persecución os que consideran inxusta esa acusación e así o defenden publicamente. Logo, Starmer máis que un demócrata progresista parece un suxeito  ultraliberal e conservador  do estilo Tony Blair, con todo o que iso significa para a democracia e o Estado do benestar desde que este último foi cómplice da ilegal invasión de Iraq, levada a termo co seu consentimento e colaboración.

En Francia parece que a condena pública do terrorismo e do xenocidio sionista deixou de ser activamente perseguida; e, tamén, que hai movemento en favor de recoñecer a Palestina como país. E amaga Macron con querer adoitar medidas contra Israel por mor do xenocidio.

Na España, nun primeiro intre os gobernantes falaban do suposto “dereito de Israel a defenderse” en referencia á desmedida resposta do Estado israelí polo ataque de Hamas ás posicións do exército sionista en territorio palestino roubado e achegado á Faixa de Gaza, con algúns soldados e colonos sionistas mortos e con secuestros de persoas de variada condición. Posteriormente, e á medida que o xenocidio ía tomando corpo, criticouse o volume da resposta de Israel ao ataque de Hamas de outubro do 2023, mais tardouse moitísimo en condenar o xenocidio como tal e en levar ás institucións europeas mornas propostas coa finalidade de deter o exterminio do pobo palestino. Pero barcos con armas e cargamentos diversos con destino a Israel seguen a facer escala nos portos españois sen que ninguén tome medidas contra iso, segundo informan diversas ONG totalmente fiables. O máis forte foi que nos últimos tempos manifestou o goberno español, ao través do ministro Albares, foi a súa "opinión" de que o equipo ciclista de Israel debería retirarse da Vuelta a España; e iso, supoño que o fai tarde, mal e posiblemente á rastro, porque está a ver que son moitos os ibéricos que saen ás rúas ao paso da Vuelta para esixir a retirada da propaganda sionista, o equipo ciclista Israel-Premier Tech, das estradas ibéricas.

Inglaterra parece que tamén amaga (ou farolea) con recoñecer Palestina, pero mentres tanto segue a reprimir, deter e procesar por terrorismo nalgúns casos a quen se manifesta en contra do xenocidio e condena publicamente ao Estado de Israel por crimes contra a humanidade.

Italia, outro país influínte dentro de Europa, mentres a súa poboación se manifesta en contra dos crimes e do xenocidio cometido polo sionismo sobre o pobo palestino, onde ata os adestradores de fútbol se unen para pedir a expulsión de Israel das competicións europeas e mundiais e onde hai movementos nos portos para impedir o tráfico de armas cara a Israel, o seu goberno da fascista Meloni non deixa oportunidade de gabar a Netanyahu e ao seu goberno; e, por suposto, sen condenar o xenocidio que acontece ao ollos do mundo grazas ao xornalistas que en Gaza resisten.

Outros países europeos, de menor influencia no artellamento da política europea, tamén están a tomar medidas de recoñecemento de Palestina como país e de condena pública do xenocidio cometido en Gaza polo Estado nazi-sionista de Israel.

Mais ningún país europeo, a pesar de ter a soberanía para poder facelo racha relacións diplomáticas e comerciais con Israel, nin establece condicionamentos á entrada dos produtos dese país nos seus territorios; e os que están integrados na Unión Europea poñen como escusa a pretendida “unidade de acción conxunta”, dilatando o tempo e prolongando o sufrimento da poboación palestina. Iso si, todos concentran a súa atención hipócrita na Faixa de Gaza, por ser á que a cidadanía presta máis atención e a que máis se menciona nos medios de comunicación, pero se esquecen totalmente de que Cisxordania está sufrindo un proceso de invasión en colonización por parte do Estado e dos colonos sionista de Israel apoiada na violencia armada colona e do exército e policía sionistas, similar á sufrida pola poboación palestina residente no Xerusalén Leste; e de que a cidadanía de orixe árabe, sexa ou non palestina (incluso quen é cidadá israelí), é vítima dunha represión e discriminación social e política dentro dese país, apoiada polo goberno israelí. Esquécense de que o mundo está asistindo ao nacemento dun novo estado hitleriano, o Estado sionista de Israel, no corazón do Oriente Medio, un estado que posúe unha grande cantidade de armamento sofisticado e de gran capacidade destrutora, mesmo armamento nuclear.

A todos eles, en maior ou menor grado, podemos consideralos como corresponsables pasivos do xenocidio.

A posición da Unión Europea

Pese a que individualmente algúns dos países da Unión Europea (UE) teñen dado pequenos pasos e tamén téñense definido sobre a situación de Gaza e a actuación de Israel nese territorio (por exemplo, a ameaza –hai que tomala así mentres non se concrete- de recoñecer ao Estado Palestino anunciada por Francia, España e Inglaterra, ou a diminución da intensidade represiva sobre as manifestacións cidadáns de apoio á causa palestina e a condena do xenocidio –Francia- ou das declaracións feitas por algún Estado da Europa de que vai rachar as relacións comerciais con Israel e impedir o paso polo seu territorio de transportes de armas cara ao Estado de Israel e do comercio das mesmas con Israel –Slovenia-), mais son xestos illados que non se enmarcan dentro dunha política global europea tendente a impedir, polo menos, a continuación do xenocidio palestino por parte do Estado sionista. É mais, os estados da UE que manifestan diante da súa cidadanía a súa desconformidade e a súa condena polo que está a suceder na Faixa de Gaza escúdanse na súa pertenza a esa comunidade para evitar tomar medidas máis duras contra o Estado xenocida de Israel.

Respecto á actuación da Unión Europea en si mesma, dos seus órganos de goberno e dirección, vemos que desde o primeiro momento da invasión de Gaza polo exército nazi-sionista a Presidencia da Comisión Europea tense mostrado cóbado con cóbado coa actuación de Netanyahu acudindo á rimbombante consigna creada polo propagandismo conxunto dos EUA e o sionismo de “Israel ten dereito a defenderse”, coma si a poboación civil palestina tivera responsabilidade das accións e actividades realizadas por Hamas. Non podemos esquecer, xa avanzado o xenocidio, aquelas fotografías de Ursula von der Leyen coa cara chea de felicidade á beira do criminal Netanyahu en Tel-Aviv. Daquela, e vista a envergadura de xenocidio que ía tomando a invasión de Palestina polo exército israelí en Gaza, só o Comisario de Exteriores da Unión Europea, Borrel, foi quen de dicir que o que estaba a facer Israel estaba en contra do dereito internacional, que era unha barbaridade, pero (se mal non me lembro) mentres durou o seu mandato nunca escoitei saír da súa boca a verba “xenocidio”, cousa que na actualidade si di. E, por suposto, todos os demais comisarios a velas vir.

Situación que hai uns días seguía a ser a mesma: mentres por un lado pedía contundencia, condenaba os bombardeos de Rusia contra a poboación civil da Ucraína (o cal paréceme perfecto), e propoñía que a UE fornecera de armamento ao réxime ucraíno, polo outro poñía todas as dificultades para que a Unión Europea tomara medidas contra o xenocidio emprendido por Israel contra o pobo de Palestina, cando este último ten un altísimo número de vítimas dos bombardeos e do bloqueo de subministracións médicas e alimentarias se o comparamos co número de vítimas civís e a situación de emerxencia humanitaria que está a  sufrir o pobo da Ucraína. E sen rubor, recentemente, nos Estados Unidos de América, a fotografarse xunto dous dos principais responsables do holocausto palestino: Donald Trump e Benjamin Netanyahu, primeiro ministro de Israel e reclamado pola Corte Penal Internacional (TPI ou CPI) coma responsable de crimes contra a humanidade.

Pero non só e a Presidenta da Comisión Europea mantén posicións tendentes a frear calquera proposta de condena ou de medida contra o Estado de Israel, por moi tímida e morna que aquela sexa. Tamén a súa actual Comisaria de Exteriores, Kaja Kallas, mantén unha posición similar á da súa presidenta.

Ambas, xunto cos representantes da Alemaña, Italia e Hungría, principalmente, están a dilatar a toma de decisións sobre declarar nulo o acordo asinado entre o Estado nazi-sionista de Israel e a Unión europea sobre o mantemento de relacións comerciais preferentes da UE con Israel por mor do incumprimento deste último dun dos artigos do tratado, referido á obriga do respecto dos dereitos humanos por parte do estado sionista[i].

Como podemos observar, por moito que botan pola boca para fora as medidas efectivas para tentar de parar o xenocidio, o holocausto, do pobo palestino a mans do Estado sionista de Israel non chegan. Os uns polos outros e a casa sen barrer.

 Nós, a cidadanía.

A cidadanía, que estamos observando como se masacra a un pobo, debemos tomar conciencia e non quedarnos calados. Esixir dos nosos gobernos actuacións firmes contra o sionismo e non só lavados cara; esixir que se rachen as relacións diplomáticas e comerciais co Estado de Israel, e que non se permitan a escala nos nosos portos e aeroportos de ningunha mercadoría con orixe ou destino a ese país.

Igualmente, esixir que non se deixe participar en ningún certame internacional, sexa da natureza que sexa, a ningún elemento grupal ou individual dos que Israel utiliza para lavar a súa cara diante do mundo (cine, música, deporte, etc.). E que se lles expulse de toda organización mundial ou europea, como se fixo coa Federación Rusa cando se considerou que esta non respectaba os dereitos humanos e violaba a lexislación internacional; a igualdade de circunstancias, igualdade de trato.

ULTIMA HORA

Xa rematado de redactar e preparado para a súa publicación, hoxe luns día 8 dos presentes, o Presidente do Goberno Español, Pedro Sánchez, fixo unha declaración pública de que nas próximas horas sairía publicado un decreto contendo unha xeira de medidas tendentes a mermar a capacidade do Estado sionista de Israel para continuar coa senda do xenocidio contra o pobo de Palestina. Medidas incompletas, ao meu entender, pero algo é algo. 

As nove medidas anunciadas, segundo publica o xornal eldiario.es, son as que seguen:

1. A aprobación urxente dun real decreto lei que consolide xuridicamente o embargo de armas a Israel.

2. A prohibición do tránsito por portos españois a todos os barcos que transporten combustibles destinados ás Forzas Armadas israelís.

3. A denegación de entrada ao espazo aéreo español a todas aquelas aeronaves de Estado que transporten material de defensa destinado a Israel.

4. A prohibición de acceder ao territorio español a todas aquelas persoas que participen de forma directa no xenocidio, a violación de dereitos humanos e os crimes de guerra na Franxa de Gaza.

5. A prohibición da importación de produtos provenientes dos asentamentos ilegais en Gaza, en Cisxordania, co obxectivo de combater estas ocupacións, de frear o desprazamento forzoso de poboación palestina e manter viva a solución dos dous Estados.

6. A limitación dos servizos consulares prestados aos cidadáns españois residentes nos asentamentos ilegais israelís á mínima asistencia legalmente obrigatoria.

7. O reforzo do noso apoio á Autoridade Palestina mediante un incremento dos nosos efectivos na misión de asistencia fronteiriza que a Unión Europea ten en Rafah e o establecemento de novos proxectos de colaboración coa Autoridade Palestina nos ámbitos de agricultura, de seguridade alimentaria e de asistencia médica.

8. A ampliación da nosa contribución, da Contribución Española a UNRWA, a Axencia de Nacións Unidas encargada da asistencia ao pobo gazatí, a uns 10 millóns de euros adicionais

9. O aumento da partida de axuda humanitaria e cooperación para Gaza para alcanzar os 150 millóns de euros o próximo ano, no ano 2026.

 

 


 


[i] Hai que sinalar aquí ao respecto que Israel nunca coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos; desde a súa existencia coma Estado nunca cumpriu cos dereitos das persoas detidas á tutela xudicial efectiva. O estado sionista resérvase o dereito de manter detidos polo tempo que lle dea a gana á persoas que considere sen pasalas á tutela dun xulgado; é o que eles chaman unha “detención administrativa”, figura que aplican, sobre todo, a calquera cidadá de orixe árabe sexa home, muller, crianza ou anciá; e tamén aos xornalistas que informan sobre os desmáns da súa policía, exército ou colonos sionistas en Cisxordania, en Gaza ou en Xerusalén Leste.


07 setembro 2025

PARTE 1: PALESTINA, VÍTIMA DUN NOVO HOLOCAUSTO

 

Dada a extensión deste artigo, vou dividilo en dúas partes. Na primeira tentarei de identificar as formas e os principais culpables do xenocidio que o Estado sionista de Israel está a levar a cabo contra o pobo palestino. Na segunda parte, veremos como evolucionou a posición dos principais estados que conforman Europa e a Unión Europea e a dos órganos propios desa UE, desde a continuación dos ataques israelíes contra a poboación palestina en outubro de 2023 ata hoxe, rematando con a miña opinión sobre o que a cidadanía dos distintos países debe reclamar aos seus gobernos para por fin a esa masacre que o sionismo está a perfeccionar en Gaza pero que non é descartable que continúe en Cisxordania e remate co pouco palestino que queda en Xerusalén Leste.

PARTE 1: PALESTINA, VÍTIMA DUN NOVO HOLOCAUSTO.

Tomado da revista dixital Contexto y acción (https://ctxt.es) do día 6 de setembro dos presentes, ás 9:20 horas da mañá, en relación ás persoas asasinadas na Faixa de Gaza polo Estado nazi-sionista de Israel desde o inicio da xenocidio no mes de outubro de 2023: “70.300 persoas asasinadas; delas: 20.145 son crianzas e 14.667 mulleres. E 30 vítimas sen clasificar nas últimas horas”

A estas haberá que lle sumar as persoas asasinadas polo exército, servizos secretos e autoridades israelís nas últimas horas, dende o fin da redacción da nova en ctxt.es deica este intre; posto que as labores xenocidas do sionismo non teñen descanso. Estas estatísticas non indican as causas das mortes, que poden ser debidas múltiples causas, das que poñemos a continuación algunhas das posibles;  e que son todas elas dunha crueldade propia dun réxime nazi, pero nalgunha modalidade moito máis perfeccionadas:

         ·Bombardeos: non sabemos se estas son debidas aos bombardeos indiscriminados efectuados polos militares;
        ·    Asasinatos planificados: se son asasinatos planificados polo Mossad ou pola Shabak contra médicos, hospitais, escolas e organizacións de axuda humanitarias coas escusas máis peregrinas e diversas e que nin os seus máis fieis hooligans cren (agás aqueles cunha profunda discapacidade mental) ;
        ·       Disparos de francotiradores: dos francotiradores do exército de Israel ou dos mercenarios da estadounidense Gaza Humanitarian Foundatión (GHF) (única empresa privada, estadounidense, autorizada por Israel, e potenciada pola Casa Blanca de Donald Trump, para repartir comida escasa e podre en Gaza e que, ademais, actúa como cebo para atraer gazatís cara aos puntos de reparto para que o exército sionista practique o “tiro de pichón” con eles).
        ·       Sanitarias: derivadas do bloqueo ao que Israel está a someter a Gaza, volven a reaparecer enfermidades xa erradicadas relacionadas pola inxestión de auga non potable, de alimentos en malas condicións ou da falla condicións de hixiene saudable na que se atopa a poboación (sobre todo a poboación máis exposta como crianzas e persoas anciáns).
        ·       Falla de medicamentos e material médico cirúrxico:  derivada do bloqueo cruel e sistemático ao que os nazis están a manter na Faixa de Gaza, o que fai que non se poidan atender en condicións aos homes, mulleres, crianzas e anciáns feridos nos ataques realizados polo exército e outros elementos do réxime nazi-sionista de Israel.
        ·       Escaseza de establecementos hospitalarios e médicos: Os constantes bombardeos organizados e sistemáticos sobre todo tipo de centros comunitarios de prestación de servizos sociais, fai que o número de centros hospitalarios fora diminuíndo a medida que a colonización de Gaza íase prolongando. Case todos os hospitais da Faixa foron destruídos por bombardeos planificados, o que trouxo consigo a diminución de persoal médico ou auxiliar (por ser asasinado nos bombardeos ou por non ter onde exercer o seu labor nin medios con que exercela). Isto amosa unha planificación sádica e cruel do nazismo na elección dos seus obxectivos de destrución, como xa comentei anteriormente.
        ·       Fame: decenas de persoas están a morrer de fame por causa do bloqueo criminal e asasino que as instancias israelís implicadas no xenocidio están a someter ao pobo palestino de Gaza. Sobre todo crianzas, pero tamén persoas xoves e maiores que non teñen nin unha froita podre ou un cacho de pan mollado en auga insán que botarse á boca. E os profesionais médicos non teñen alimentos médicos substitutivos cos que paliar dalgunha forma esa desnutrición.
        ·       Desinformación: o criminal réxime de Israel non deixa que a prensa internacional entre na faixa de Gaza. Non queren testemuñas escritas ou gráficas do xenocidio que o seu exército, servizos secretos, mercenarios ou outra caste de asasinos están a facer coas persoas palestinas (sen distinción de idade, sexo ou condición). E os xornalistas que alí están son obxectivo militar a matar. Resisten alí aqueles xornalistas, fundamentalmente de orixe árabe, que se negaron a saír a sabendas de que a súa permanencia en Gaza significaba que puideran ser asasinados, como moitos si o foron. Grazas a eles e á poboación civil que se comunica con Europa sabemos o que está a pasar na Faixa de Gaza.

    Posiblemente hai moitas outras causas polas que os xenocidas que acatan as ordes do criminal de guerra, buscado por crimes contra a humanidade, realizan o exterminio do pobo palestino.

Non esquezamos que aínda que a crueldade extrema que practica o réxime nazi de Israel se ceba nas persoas palestinas residentes na Faixa de Gaza, non se salvan da crueldade e das tentativas de expulsión e aniquilamento non as persoas palestinas de Cisxordania nin as residentes no Xerusalén Leste, que continúan sendo expulsados das súas vivendas polos colonos nazis, con apoio do exército e policía sionistas, ou que son discriminadas coma cidadáns incluso cando teñen a nacionalidade israelí pero etnicamente son de orixe árabe ou palestina).

EUA, cómplices activos do xenocidio

 Nun primeiro lugar debemos mencionar aos Estados Unidos de América (EUA), que desde o primeiro momento da invasión de Gaza púxose do lado dos xenocidas, aínda baixo a presidencia de Joe Biden (xa gagá) e a vicepresidencia de Kamala Harris. E agora con Donald Trump, un nazi ególatra, hortera e narcisista como residente da Casa Branca; este último acompañado por un Vance (co papel de bufón do Presidente) na vicepresidencia;  e con Marco Rubio, ambicioso integrista e proto-fascista, un falcón con ansias de medrar na política e partidario dunha política exterior agresiva e desmedida, como Secretario de Estado.

Son os EUA os que, principalmente, fornecen a Israel das bombas e outros artefactos de guerra que están asasinando palestinos en Gaza; e eles o saben. Saben, tamén, que o dereito internacional considera delito de lesa humanidade o que o Estado sionista de Israel está a realizar en Gaza; e que Netanyahu está reclamado polo Tribunal Penal Internacional (TPI) como criminal de guerra. E, aínda que EUA non recoñece ao TPI como corte penal que poida xulgar aos seus cidadáns[i], négase a entregalo a ese tribunal cando o criminal visita os Estados Unidos.

Igualmente, son os EUA os que protexen ao réxime nazi-sionista de Israel nos organismos internacionais como a ONU, impedindo que eses organismos condenen ou adoiten medidas contra o Estado israelí para tentar parar o xenocidio palestino, incluso chegando a negar o que a todas luces é evidente: o xenocidio. Para elo recorren ao seu dereito de veto ou a chantaxes de diversa natureza. A última é o negar ao Presidente da Autoridade Nacional Palestina o visado para que este poida intervir diante da Asemblea Xeral das Nacións Unidas.

E non mencionamos antes as agresións policiais, políticas, medidas represivas e ameazas ordenadas polo Goberno de Donald Trump contra as persoas e as institucións que se manifestan publicamente, colectiva ou individualmente, nos EUA, en favor da defensa do pobo de Palestina e contra o xenocidio palestino. Ou en contra das Universidades que permiten nos seus campus as concentracións de estudantes e profesores en favor do pobo palestino e contra o xenocidio que está a cometer Israel, ás que ameaza con cortarlles financiamento para achantalas e que non permitan o exercicio desa expresión que debera ser libre; e máis nun ámbito de formación onde a defensa das liberdades democráticas debería ser bandeira e práctica institucional de todos os centros universitarios. Afortunadamente hai unha, a Universidade de Harvard, que se está a resistir á totalidade deses chantaxes practicados pola presidencia fascista dos Estados Unidos de América. O desafortunado é que as demais téñanse inclinado como servos diante de Donald Trump.

Podemos dicir, sen temor a equivocarnos, que os gobernantes dos EUA son cómplices activos do xenocidio, polo que podemos consideralos, tamén, como uns criminais de guerra do mesmo nivel ou maior que Netanyahu,  que o seu goberno e que o seu exército e servizos de intelixencia, xa que sen as armas que EUA lle subministra e a cobertura que nos organismos internacionais lle proporciona a Israel non podería acadar tal nivel de exterminio nin soster por tanto tempo o conflito.



[i] Moitos dos criminais de guerra estadounidenses reclamados por distintos países ou polo mesmo TPI para ser xulgados polos seus crimes contra a humanidade non puideron ser xulgados porque EUA impide as súas entregas. Así, por exemplo, os militares ianquis que asasinaron ao reportero gráfico Couso en Iraq non foron entregados ás autoridades xudiciais españolas para ser xulgados por ese crime de guerra. Tampouco a xentes coma Pinochet, cómplice principal da CIA no golpe contra Salvador Allende e culpable de numerosos crimes contra a humanidade foi entregado ao TPI polos EUA. En cambio, ese país si entrega a africanos reclamados polo TPI  ou a nazis alemáns refuxiados nos EUA despois da IIª Guerra Mundial.

 


19 xullo 2025

OTAN: 5% do PIB para armas? Pero..., de que van!?

 

 


Na última conferencia da OTAN os dirixentes da mesma falaron de que cada país membro debería dedicar o 5% do seu Produto Interior Bruto (PIB) a gasto[1] en armamento; en teoría, "para garantir a seguridade dos países diante das tensións bélicas mundiais" (lease garantir o dominio xeoestratéxico e ideolóxico dos Estados Unidos de América -EUA- no mundo). A escusa baixo a que se pretende vender á opinión pública como necesidade ese gran gasto en armamento é a da seguridade, utilizando coma escusa os conflitos da Ucraína e os conflitos de Oriente Medio. 

A guerra na Ucraína. 

O primeiro é a guerra entre Rusia e Ucraína a causa da probablemente condenable invasión do país ucraíno e da ambición desmedida da OTAN e do Presidente Biden dos Estados Unidos de America (EUA); este último, coa intención de favorecer os negocios gaseiros dos seus achegados. Doutra banda, un conflito provocado pola propia OTAN, ao pretender expandir as súas bases, rachando o acordo asinado con Gorbachov de manter os límites da OTAN nos fixados cando a sinatura do acordo e pretendendo a integración de Ucraína na organización armada.

Todo isto, despois de intervir, ao través de servizos secretos de países da OTAN, no golpe de Estado para procurar un réxime ucraíno que favorecera os seus intereses (apoiándose en elementos e organizacións fascistas nun país que, dentro das tensións provocadas polas diferenzas fronteirizas con Rusia, vivía relativamente en paz e onde as primeiras medidas tomadas polo monicreque da UE e da OTAN foi a de ilegalizar aqueles partidos parlamentarios que disentían da forma na que o seu goberno estaba a afrontar coas áreas rusófonas ds Ucraína). Esta actitude da OTAN e dos EUA foi tomada por Rusia como unha provocación (e realmente así o é) e como un motivo para invadir, de forma inxustificada, Ucraína.

Non podemos esquecer que a actividade dos criminais servizos secretos na Ucraína foi clave para que no Maidan as organizacións fascistas se fixeran co poder e puxeran a sucesivas marionetas ao cargo da presidencia do país. Monicreques que se foron recambiando sucesivamente ata que conseguiron poñer na presidencia a alguén "presentable" diante da opinión pública, a Zelensky. 

Aparte do MI-6 inglés, a CIA ianqui, o DGSE -antes SDEDE-francés (todos eles cun amplo historial de crimes contra a humanidade no seu haber, case todos encubertos pero coñecidos) e os criminais doutros servizos secretos occidentais e pro-occidentais, que foron os que gañaron a batalla, tamén participaron nos intentos de secuestro da opinión maioritaria ucraína os servizos secretos rusos (FSB) e pro-rusos. Todos eles, sen excepción, participantes nos crimes contra o secuestro e masacre da cidadanía ucraína.

O expansionismo israelí baseado no xenocidio. 

O segundo elemento co cal a que eu denomino, polo seu historial, "organización armada de carácter criminal" pretende xustificar o aumento do gasto en armamento son as tensións no Oriente Medio. E aquí, non podemos esquecer que desde hai moito tempo esas tensións son cotiáns desde a creación do Estado de Israel. Pero esas tensións víronse agudizadas no mes de outubro de 2023, por mor da acción levada a cabo por Hamás en territorio palestino ocupado por Israel que serviu como escusa ao réxime nazi-sionista de Benjamin Netanyahu para iniciar o xenocidio palestino, significativamente e de forma cruel e indiscriminada en Gaza, pero tamén na Cisxordania e no Xerusalén Leste.

Pero non quedan aí as actividades armadas do goberno e o exército de Israel asentadas no xenocidio dos diferentes, sobre todo o pobo palestino, pero que se estende a toda comunidade árabe coa finalidade de consolidar o seu poderío na rexión. Despois dos numerosos e continuos asasinatos e homes, mulleres e crianzas na faixa de Gaza e dos asentamentos e ocupacións ilegais de territorio palestino en Cisxordania, tocoulle o quenda ao Líbano onde Israel volveu a quebrar a legalidade internacional para amedrentar á poboación árabe con base nos asasinatos e o xenocidio utilizando o bombardeo contra as poboacións civís coma medio. Posteriormente, e isto é quizá o máis grave, Israel bombardea ilegalmente Irán baseando as súas accións nunha suposta tenencia iraniana da bomba atómica (non esquezamos que o sionismo si ten bomba atómica, unha ilegalidade internacional máis do Estado de Israel). E, por último, baixo a escusa da defensa dos cristiáns drusos -impórtanlle a Israel unha merda os drusos- bombardean Damasco; tamén de forma ilegal.

Os apoio dos EUA.

 Temos que resaltar que ningún destes conflitos tería durado o que están a durar sen o apoio político e militar dos EUA, ao que podemos considerar cómplice das continuadas quebras da legalidade internacional cometidas en ambas áreas do mundo. Son os Estados Unidos de América os que fornecen a Israel das armas e bombas necesarias para cometer o xenocidio do pobo palestino e as armas coas que agriden, tamén quebrando a legalidade internacional, aos países do Oriente Medio. Igualmente, son os EUA os que están a soster, fundamentalmente, o seu monicreque Zelensky provendo armamentos cos que continuar unha guerra que o único que vai procurar é a miseria e miles de mortes aos ucraínos de Ucraína e das repúblicas rusófonas de Ucraína, vai procurar que as riquezas dos ucraínos vaian parar ás mans dos que, co beneplácito dos monicreques locais, negocien no seu nome as condicións para parar a guerra e dos mafiosos ucraínos que persisten no país ou que residen noutros países da Europa dedicándose a negocios de dubidosa  legalidade ou clara ilegalidade.

E, por moito que lle moleste a quen lle moleste, coido que se nos atemos aos feitos podemos dicir, sen risco de equivocarnos, que os Estados Unidos de América é un país delincuente. O cal xa sabiamos desde que en 1945 o Presidente Harry S. Truman, o primeiro presidente delincuente dos EUA desde a IIª Guerra Mundial, ordenou bombardear Hiroshima e Nagasaki con bombas atómicas a sabendas de cales serían as súas consecuencias.

Os apoios da Unión Europea ás políticas dos EUA

Pero estas actitudes e apoios dos EUA á criminalidade internacional con forma de goberno ou de exércitos regulares estou convencido de que non sería posible se houbera dentro da comunidade europea (non so da Unión Europea) gobernos que se opuxeran frontal e decididamente ás accións levadas a cabo contra a humanidade. Pero non, uns porque téñenlle medo ás reaccións que poida ter Washington (máis agora que están gobernado por un nazi irresponsable e bravucón) outros, porque no fondo comparten as actitudes racistas e xenófobas que subxacen nas políticas norteamericanas. E algún destes últimos exercen de palmeiros ou bufóns do Presidente dos EUA; podemos destacar aquí ao holandés Mark Rutte, secretario xeral da OTAN, que amais das funcións como comisario político dos EUA para Europa inherentes ao cargo que desempeña, empéñase en facer da súa presencia pública o papel de palmeiro de Donald Trump; outro destaque, menos evidente pero igual de pernicioso, é o da alemá que preside a Comisión Europea, a marioneta discreta dos EUA... (si, esa que devece porque aos migrantes que foxen da miseria e as guerras de Asia e África se lles encerre en campos de concentración como os que fixo a fascista Meloni), a señora Van der Leyen, á que tanto parece gustarlle apoiar as actividades xenocidas de Netanyahu como ás actividades encubertas dos EUA en Europa, así como as descaradas de manter a guerra en Ucraína para que aqueles aos que ela representa poidan participar do botín que os ucraínos teñan que pagar no futuro pola participación da Unión Europea no mantemento desa guerra de rapina.

E se aumentan o gasto en armas, que?

Por moitos que os gobernos dos distintos países da OTAN (e os de fora dela) nos digan que o aumento do gasto en armamento non vai influír nas previsións habidas sobre o gasto social, calquera observador (non economista nin entendido en finanzas) sabe que por unha vía ou por outra os importes adicados a investimento ou gasto social van diminuír sobre as previsións ou, no peor dos casos, diminuír sobre o actualmente executado.

Non nos vale que, no caso do Estado Español, Pedro Sánchez e membros do seu goberno nos digan que non van reducir o gasto e investimento social, cando é de Economía da ESO que as cifras manexadas non cadran; e menos cando as previsións son de que o actual goberno non poida aprobar uns novos orzamentos xerais do Estado. E recorrer a créditos extraordinarios para investir en sociedade civil sabemos que o PSOE non o vai facer; pero que recorrer a ese mecanismo para financiar a compra de artefactos de guerra cos que matar (eles din defensa, pero non é así) a non se sabe que inimigo para poñerse a ben co nazi Trump e o seu monicreque Rutte non lles quita o sono.

E as consecuencias do tan querido polos gobernos da dereita e os socialdemócratas das consecuencias do aumento do gasto parasitario en armamento (eles din defensa, pero non é así) xa o estamos empezando a ver.

En Francia, o seu ministro de economía, co apoio do primeiro ministro ultraliberal Macron, xa ten anunciado unha redución moi importante do gasto en pensións e no gasto público para poder mercar armamento e cumprir coas ordes do criminal Trump e do seu bufón holandés.

Na Unión Europea, a gran defensora de Netanyahu e o seu xenocidio, e Presidenta da Comisión Europea Van der Leyen e a súa comisaria de Asuntos Exteriores e Seguridade, Kaja Kallas (de orientación ultraconservadora) xa teñen anunciado un descenso nos importes dedicados a fondos estruturais e de apoio a sectores fundamentais para a economía de moitos países. 

A Galiza vai ter un problema polo descenso dos fondos dedicados á Política Agraria Común (PAC) e á pesca, que vai crebar multitude de actividades de pesca artesanal e de media altura así como de explotacións agrarias e sectores como o leiteiro e pesqueiro que están empezando a repuntar da crise das cotas impostas pola UE.  

Este cambio nos obxectivos económicos da Unión Europea, de diminución dos fondos de cohesión e nos fondos de desenvolvemento vaise cebar fundamental e negativamente sobre as clases máis desfavorecidas de cada un dos países que conforma a UE, sobre todo daqueles cun nivel medio de vida inferior á media europea, e vai a contribuír a aumentar as grandes diferencias sociais existentes entre a cidadanía dentro de cada país membro da UE e entre a cidadanía dos diferentes países da Europa. E o PSOE o sabe; é máis, unha dos seus membros e Comisaria Europea, Teresa Ribera, é copartícipe e corresponsable desta política de "agresión armamentística" capitaneada por Von de Leyen en favor da industria da guerra e da oligarquía mundial. A mesma comisaria que, sendo ministra do goberno español, deu o visto e prace á instalación de parques eólicos mariños nos caladoiros tradicionais da pesca artesanal de Galiza e o País Vasco, perxudiciais para o sector pesqueiro tradicional e favorecedor das grandes multinacionais a acuicultura mariña.

Noutros países xa están a falar de poñer en marcha ocupacións para pensionistas similares aos mini-jobs alemáns para poder baixar as pensións de xubilación e obrigar á clase obreira que deixou o pelexo nas fábricas ou no campo a acollerse a unha estafa dese tipo para poder subsistir de forma digna. No Estado Español xa se puxeron medidas, coa participación e consentimento de CC.OO. e UGT, para que as persoas poidan prolongar a súa vida laboral máis aló da idade de xubilación a cambio de miserias económicas; e, se non escoitei mal o outro día na radio, está previsto ou vixente (non o sei) que as persoas xa xubiladas poidan acceder a mini-jobs para mellorar a súa pensión. É dicir, as perspectivas non son nada halagüeñas.

Non á OTAN, non á guerra. Non máis gasto en armamento.

A defensa da cidadanía non se consigue dedicando os fondos públicos o lixo parasitario como son as armas e as instalacións militares, que ningún beneficio producen ás poboacións.

A defensa da cidadanía se consigue facendo investimentos e gastos sociais: vivenda pública en venda e aluguer a prezos razoables, construción e modernización de hospitais e centros de saúde públicos con prazas de persoal sanitario e auxiliar suficientes, creación de residencias públicas e centros de día para maiores e de xestión pública, aumento das pensións públicas mínimas ata niveis que permitan levar unha vida digna, programas de servizos públicos de atención no fogar e xantar na casa para persoas que teñan un certo grao de discapacidade, programas de transporte adaptado, dotación suficiente de profesorado nos centros de ensino e políticas de formación continuada dese profesorado, etc.

E por outro lado establecer políticas de aforro en defensa e seguridade pública racionais, como poderían ser: diminuír o número de membros dos altos cargos no exército, manter en uso o armamento co que se conta e non deixar que podreza e sexa inútil (estou pensando non tanques que se regalaron a Ucraína e que estaban inservibles), dedicar os grupos de vivendas non usadas e as construcións propiedade de Defensa non utilizadas para vivenda social ou para servizos de utilidade xeral á sociedade, unificar á Policía Nacional e á Garda Civil nun só corpo unificado e con mando único de Policía Estatal, o que reduciría a cúpula de mando global e territorial, unificaría os seus arquivos e multiplicaría a eficacia e a eficiencia policial e de mantemento da defensa da sociedade contra a delincuencia.

Son só algunhas das ideas que se me ocorren e que avantaxan con moito a defensa dos pobos en lugar de gastar moreas de cartos en armas que nos fan máis vulnerábeis e que só benefician ao complexo militar industrial e aos especuladores que se benefician do crecemento deste comercio armamentístico.

 Notas.-

[1] Eles, os da OTAN, falan de "investimento en defensa" non de gasto. Un investimento faise para crear riqueza, non para procurar aniquilamentos. Un gasto é algo non produtivo, que se consume conxunturalmente e que non serve máis que para manter un estatus produtivo. E no caso militar, un gasto inútil; senón lémbrense da cantidade de carros de combate que tiña o exército español nos seus cuarteis, que se quedaron inútis por falla de uso e que posteriormente despois de volver gastar en reparalos foron doados a Ucraína para a súa defensa.

Achegas ao desafiuzamento de Maricarmen

  Todas as persoas que así o quixemos puidemos coñecer o desafiuzamento de Maricarmen, acontecido a semana pasada en Madrid. Este artigo n...