07 agosto 2022

O lume que queima os nosos montes ten beneficiarios

         Nestes últimos tempos o lume está a asolar os montes da Galiza. Grandes incendios esténdese por toda a xeografía galega animados pola falta de mantemento que os nosos montes están a sufrir da man do Partido Popular que goberna hoxe na Galiza.

            A Asociación a Volta Grande do Courel fixo público un escrito, que a min chegoume vía Whatsapp, e que vou transcribir literalmente aquí porque penso que hai que darlle publicidade as cousas ben feitas e que defenden á nosa Galiza daqueles que desde as súas poltronas non fan máis de denigrala e poñela ao servizo do gran capital. Xa rematado de transcribir decátome de que foi publicado, tamén, no xornal Galicia Confidencial co que vos ligo.


CRONICA DO INCENDIO DA ASOCIACIÓN VOLTA GRANDE DO COUREL

20 de xullo de 2022. Mércores.

1. A Seara
        Desde o miradoiro da Seara vari@s activistas levan desde as 9 h observando cos prismáticos como diferentes puntos de lume se desprazan e medran en intensidade aba abaixo da lagoa da Lucenza, descendendo e avanzando polo val da Seara.

     Non se observan medios traballando, non se senten helicópteros, son as 10.30 o lume avívase, hai que subir!

2.Campa da Lucenza.

    Arredor das 11.00h. Chegam dous 4X4 con 10 activistas e veciñxs da Asociación A Volta Grande do Courel. Somos voluntariado contra o lume que subimos a observar a situación. Tamén levamos batelumes e algún material máis: pas, sachos...

    Vemos arder a zona da Campa da Lucenza desde o alto até a beira mesma da Lagoa da Lucenza. Esta campa é a entrada a un dos roteiros á Devesa da Rogueira e o lume baixa polo Val da Seara. Ao fondo sitúase a aldea da Seara. Máis ou menos próximas están as aldeas de Vieiros e de Soldón. 

    Aquí só hai dous bulldozers que anchearon algunhas zonas da pista de cumios mais iso é insuficiente porque o lume avanza para o Val da Seara e está destruíndo a lagoa, franqueada por piñeirais  que nunca deberon estar aí. Da invasión do Courel polos cultivos de pirófitas coníferas falaremos noutro momento.

    Non hai nada, NADA, que evite que o lume avance. Tamén periga a Devesa da Rogueira, que comeza a poucos metros.

    Atención, inciso: o día anterior, unhas 15 horas antes,  4 activistas estaban perto de aquí, soas, e viron como o lume cruzaba a pista diante delas. Non había medios para evitalo. Deron aviso da situación mais a chamada de alerta non foi atendida. Cunha carroceta nese momento nese lugar o lume non tería entrado na zona da Lucenza-Val da Seara. Para as 4 voluntarias era tarefa imposíbel parar ese fronte sen auga. Unha carroceta con auga nese momento tería salvado a Lucenza e non estaría en perigo esta zona do Courel, eepecialmente a Seara e Vieiros. 

    Así que agora que o lume se adentrou pola noite na zona da Lucenza, horas despois, desde a Campa da Lucenza vemos o lume arder libremente.

    Preguntámoslle ao persoal da maquinaria e indican que eles non teñen  información de que estean achegándose outros medios… Eles tiñan orde de ensanchar a pista de cumios e niso están…

    Tiramos fotos do incendio e enviámolas ás redes sociais. Atención! Está a arder a Lucenza! O xornal dixital Galicia Confidencial publica umha foto importante: o sinal do roteiro da Devesa da Rogueira que comeza aquí co lume perto. O titular: Arde a Lagoa da Lucenza e corre perigo a Devesa da Rogueira.

    A lagoa e a devesa som dous símbolos do Courel, que leva ardendo 5 dias sen control. Son dous símbolos do país, a Lucenza e a Rogueira. Deixouse arder Vilar, as aldeas resisten grazas á veciñanza…Vaise deixar arder tamén estes dous tesouros naturais?

    A indignación pola incompetencia e o abandono ante o lume crece nas RRSS. Alguén con traxe e responsabilidade política decide nalgún lugar enviar a ese ponto, á Campa da Lucenza, a artillaría. En menos de 2 horas chegan entre seis e oito veículos 4X4 da Xunta con técnicos e mandos, aterran 3 helicópteros, descarregan brigadas helitransportadas que se meten no incendio, chegan motobombas e moita xente... Os helicópteros comezan a botar auga no lume. 

    Neste momento as voluntarias e axentes e técnicos que dirixen o operativo compartimos espazo.

    - Moito escribides nos teléfonos, dilles ás ativistas unha daquelas persoas que acaban de chegar cun 4X4, canoso, duns sesenta e tantos. Máis tarde, vai tirar unha cabicha ao chan, apágaa coa sola do zapato…e déixaa ficar aí, na terra.

Queremos destacar a seguinte situación

    Á Campa da Lucenza chegaron moitos medios pero ninguén con plano topográfico da zona. Só tiñan un pequeno A3 cunha ortofoto (nunha escala inservíbel a nível práctico dada a gran extensión do lume) na que aparecía o perímetro queimado acadado o día anterior e apenas saía representada a zona actual de intervención. 

    Ninguén conseguiu visualizar o relevo do territorio polo que avanzaba o lume nunha tablet "visible" (reflectía luz do sol, a tablet tiña protectores opacos e raiados, non sabían onde descargar un plano, etc). 
 
    O persoal chegado non era da zona polo que sen un plano topográfico faise imposíbel comprender a natureza do lugar (a ortofoto pouca info achega de desniveis...) e poder planificar unha intervención con xeito.

    Era urxente facer umha devasa para fechar o camiño ao lume na zona da Lucenza. O palista da bulldozer indicara ter chegado o día anterior a un punto na parte baixa da Lucenza mais parecíalle imposíbel continuar coa devasa... Alguén o comprobara? Nós vimos posteriormente que podía ter seguido bastantes metros máis. Intentamos explicar por onde se atopan os pechados camiños vellos, que tivesen sido a mellor opción para o bulldozer se o que pretendían eran deter o avance do lume cara ao Leste da Serra na zona da Lucenza.

    Achegamos un plano topográfico que traiamos nós no 4x4 a escala 1:25000 para axudar a comprender o espazo de intervención. 

    Pouco despois dous ativistas deseñamos un plano cos dedos no chan de terra explicando por onde van as pistas a unha das persoas do operativo, unha das persoas máis comunicativas e que saben escoitar con atención as suxestións de quen coñece o terreo, as pistas, os caborcos, o tipo de vexetación, etc. Sacamos un par de fotos do momento (Fotos 1 e 2). A veciñanza é fundamental: Coñece o terreo! 

    Entre as conversas que escoitamos destacamos a de quen di, falando por teléfono: 
    - Se cae a Devesa da Rogueira cae a cabeza do conselleiro.

    Noutro momento, un axente comenta que a súa brigada leva todo o día sen comer. 

    O que máis nos sorprende é a falta de decisión entre as persoas que, parece, están ao mando. O seu comportamento é errático e desorientado. Temos a impresión de que ninguén quere responsabilizarse de tomar decisións. De feito, por moito que observamos e escoitamos, non conseguimos saber quen está realmente ao mando. O tempo pasa e o lume avanza.

    Nun momento, o home de cabelo cano ofrece un anaco de empanada. Como ninguén quere guíndaa ao monte e di: "Para o raposo. O raposo é o único animal que nunca morre nos incendios. Sempre consegue escapar." 

    Horas despois cansos de agardar, e sabedores da axuda que precisaban moitos outros lugares do Courel, un dos grupos de activistas baixa a Ferreirós e outro grupo baixa á Seara.

3. A Seara. Tardiña.

    Na Seara encontramos dous dos técnicos cos que falaramos antes, pertencen a unha unidade técnica encargada de planificar anticipadamente as intervencións máis complexas. Están na entrada do roteiro que leva á Lagoa da Lucenza, na curva do río da Seara. Estiveron percorrendo a estrada  entre Soldón e A Seara observando se sería axeitada para preparar un contralume. Este contralume ten como obxectivo queimar o monte para frear o frente que vén de Vilarbacú. A súa intención é facer o contralume desde a estrada da Seara. 

    Un deles mirando para a Seara di algo así como "Esta aldea é difícil que arda". É dicir, queren facer un contralume que arrincaría da estrada da Seara -suponhemos que na zona dos prados- para frear o lume que vén de Vilarbacú. 

    Quen coñece o lugar do que estamos a falar sabe que a extensión do monte sacrificado sería inmensa, ademais do perigo en que se poñería a propia aldea, a espensas dunha mudanza na dirección do vento. Semella moi arriscado e un sacrificio difícilmente xustificábel… habendo outras opcións.

    Os voluntarios pídenlle aos dous técnicos que os acompañen ao miradoiro xeolóxico da Seara, na Golada. Vamos ao mirador. Alí explicámoslles que hai unha pista que vai da Golada até a zona alta da Serra pola zona de Porto Murelos e que igual sería mellor anchear esa pista con bulldozers para ancorar o contralume nela e tentar deter o lume alí, no alto, antes de sentenciar a morte o val da Seara.

    - Hai unha pista por aí? Exclama un deles, asombrado. Inmediatamente chama e muda o plano do contralume. Horas despois sentimos o son e por fín vemos as luzes dun bulldozer traballando no alto da serra. 

    Esa noite cara á 1.00 da madrugada, seguimos no miradoiro xeolóxico da Seara.  Vemos baixar varios vehículos e detense o 4X4 cos dous técnicos cos que falaramos previamente. Explícannos a decisión que tomaran, anchear a pista cun bulldozer para deter aí arriba o lume. A continuación agradécennos a información porque eles estaban alí sen información, descoñecedores do lugar.

    É dicir, se aquel grupo de veciños non chega a pasar por alí naquel momento, o val da Seara podería ter mudado a cinsa simplemente por descoñecemento…

    Imos durmir, ficando toda a noite en tensión ollando de cando en vez polas xanelas e ventando o aire…

3.  Xoves. 21 de xullo.

    Espertamos cunha entrevista nun xornal a Manuel Rodríguez Vázquez, Director Xeral de Defensa do Monte. Asombrados ao ver a foto descubrimos que é o señor que tirou o cigarro no chan e o pisou coa bota, ao que lle parecía molestar que tirásemos fotos co teléfono,  o que dixo que o único animal que consegue escapar dos incendios é o raposo. O raposo.

    Ese día, nun momento moi delicado e de incertidume no que o lume ameaza entrar na Devesa da Rogueira, Manuel Rodríguez Vázquez, Director Xeral de Defensa do Monte, chega a dicir: "Eu voume para o posto de mando avanzado de Brollón... que sea lo que Dios quiera."

    Non depende de Deus que moitas brigadas non estean operativas a finais do mes de Xullo.

    Non depende de Deus que brigadas que acudiron aos lumes estivesen compostas por un número ridículo e inoperativo de compoñentes.

    Non depende de Deus que a motobomba de Folgoso do Courel non teña peón condutor.

    Non depende de Deus que pistas forestais e estradas non se atopen limpas de maleza e en condicións seguras en pleno verán.

    Non depende de Deus ter un operativo falto de recursos e con eivas moi evidentes e persistentes.

    Non depende de Deus permitir e potenciar plantacións de especies pirófitas.

    Non depende de Deus basear todo na extinción e nada na prevención ao longo do ano…

    Non depende de Deus, depende de ter vontade política de afrontar os problemas e buscar solucións reais e non titulares de xornal. 

    É por isto que exiximos cesamentos ou demisións:

    Pedimos o cesamento ou demision de Manuel Rodriguez Vázquez, Director Xeral Defensa do Monte pola súa absoluta incompetencia, a súa falta de preparación para xestionar incendios e a súa nula capacidade para coordenar a defensa do monte. 

    Pedimos o cesamento ou demisión -a cabeza, metaforicamente falando- do Conselleiro de Medio Rural, José Gonzalez Vázquez, por ser o responsável político do caos organizativo, do abandono da poboación e dos bens patrimoniais do noso rural. 

    Como presidente do goberno e máximo irresponsábel da política de prevención  -practicamente inexistente- e dos servizos de extinción, así como da política de abandono e despoboamento do rural no noso país, berramos como berramos cando unha TVG manipuladora veu retransmitir o directo á aldea da Seara: Rueda demisión.

    A nivel local tamém exiximos responsabilidades e pedimos a demisión da alcaldesa de Folgoso do Courel pola suma de incompetencias antes, durante e despois do incendio:

    En primeiro lugar, a alcaldesa rexeitou unha solicitude en pleno para a dotación dunha brigada permanente no concello meses antes do verán. Parécenos gravísimo que se negase tan sequera a pedila. 

    En segundo lugar, por non ter contratadas as brigadas a finais de xullo. Lembremos que vari@s brigadistas sairon ao monte contra o incendio como voluntariado, sen ter ainda contrato municipal. 

    En terceiro lugar, pola súa total falta de respecto á veciñanza ao servir como comparsa dos políticos que viñeron facer campaña de imaxe ao Courel, durante e despois dos incendios. O que ela mesma criticaba nunha entrevista de cara á galería -que non veñan políticos- aconteceu -e seguramente seguirá sucedendo- continuamente.

    Tamén pedimos a demisión do alcalde de Quiroga por desprezo á xente da montaña. A práctica desaparicion do alcalde durante os incendios -apareceu unicamente nas redes sociais para dar unha resposta surrealista e delirante a unha demanda da oposición e nunha mención no facebook do día 21 - manifesta unha omisión de responsabilidade insultante.

    É moi grave o abandono por parte do seu alcalde da veciñanza de Vilarbacú, Outeiro, Fisteus, a Seara, Penarrubias, Leixazós, etc. ante o perigo, o medo e a ameaza do lume máis grande da historia de Galiza.

    Non pode ser desculpa excusarse en que delegou as súas competencias en concelleiros do goberno que si estiveron a pé de lume. Non. O abandono da poboación da xente da montaña por parte do alcalde do Concello de Quiroga vén de vello. E nesta ocasión sumamos á falta de políticas de prevención e mantemento de infraestruturas, un comportamento profesional e persoal indigno dun alcalde cos seus veciños e veciñas.

    Por outro lado, a lagoa da Lucenza ardeu. Manifestou algo ao respecto o alcalde ou o Concello de Quiroga? Non. Un dos máis importantes  simbolos naturais do noso país arde e nin o concello nin o seu máximo representante teñen nada que dicir?

    É máis, o único comunicado do Concello de Quiroga que coñecemos sobre a Lucenza é do dia 21 de xullo, no facebook,  e dá a entender que a Lucenza non estaba afectada polo lume cando o incendio xa entrara o día 20 e a zona estaba calcinada e destrozada. Unha de dúas, ou o concello non estaba informado da situación ou estaba a mentir e manipular. Os dous comportamentos son gravísimos. 

    Desde a Asociación Volta Grande do Courel consideramos que, como sociedade civil, non podemos calar e baixar a cabeza. Por iso describimos o que vivimos e denunciamos. Por xustiza social e defensa dos dereitos da xente do rural e protección do noso patrimonio natural, económico e cultural.

             Coido que esta crónica dános unha idea ben clara da colección de incompetentes e inútiles (como mínimo, sen entrar nos intereses económicos e na corrupción coa que tan ben se leva o Partido Popular) que na actualidade ten ao seu cargo o goberno da Galiza. Incompetentes e inútiles aos que hai que desaloxar da Xunta de Galiza con urxencia antes de que vendan o país ao completo e nos condenen de novo a emigrar, como fixeron os seus antepasados.

         Valdeorras, O Courel, O Invernadoiro, os montes de Boiro e Ribeira coa Curota,... todos eles en cotas altas onde queren instalar parques eólicos salvaxes que teñen forte oposición da veciñanza e que de facerse contribuirían a esnaquizar o territorio e a despoboalo aínda máis. Son tamén, algúns deles, paraxes con unha parte importante de foresta autóctona, onde o piñeiro e, sobre todo, o eucalipto son especies raras; amais de formar parte, moitos destes paraxes, da escasa (por falla de vontade política dos túzaros que gobernan o noso país) Rede Natura existente na Galiza. 

            Por último, dicir que a Xunta de Galiza do Partido Popular arrogouse por lei a capacidade para trocar a orientación forestal destes montes, de poñelos ao servizo de empresas sen escrúpulos coma ENCE, Iberdrola ou calquera outra empresa madeireira, eólica ou de minería contaminante susceptible querer acadar grandes beneficios a costa de esnaquizar, desertizar e despoboar o noso medio rural. 

        Os feitos permiten afirmar, tamén, que a vontade dos actuais reitores da Xunta de Galicia de servir con prioridade a esa xente falta de escrúpulos está máis que demostrada: oposición ao cumprimento das sentencias xudiciais relacionadas con ENCE, manobras tendentes a integrar o territorio ENCE no porto de Marín para esquivar as sentencias, modificacións nas leis que regulamentan os montes comunais coa clara finalidade de poder forzar a aquelas comunidades que se negan a poñer os seus montes ao servizo das pasteiras ou do oligopolio enerxético, impulso de industria baseada no eucalipto coa escusa da creación de postos de traballo cando en conxunto destrúen máis dos que en realidade crean, modificación pola porta de atrás dos períodos de alegacións aos proxectos eólicos e mineiros salvaxes coa clara finalidade de que ás comunidades e veciños afectados non lles dea tempo de recorrer a súa instalación,... e como isto moitas outras cousas que prexudican gravemente tanto ao medio rural como, de forma indirecta, ao medio urbano. Pero disto xa falaremos noutro momento.


06 xullo 2022

O Guernica, o Prado e a barbarie desvergonzada

        Durante o recente cumio da OTAN celebrado en Madrid, amais da desvergoña en se mesma da citada celebración da xuntanza dos bárbaros modernos e os seus lacaios comandados polo presidente do maior Estado criminal do mundo (os USA), producíronse algúns feitos tan vergoñentos como as propias decisións que a organización criminal de carácter militar tomou nesa reunión.

        Estou a falar dos xantares e a convivencia dos bárbaros coa cultura papeándose unha copiosa e luxosa cea, pervio concerto musical, baixo a atenta mirada das obras dos personaxes pintados por Velázquez, Goya, Tiziano, Rubens,... Barbarie contraditoria coa cultura que pretenderon facer pasar por un xesto de modernidade, cando na realidade non foi máis que unha mostra adicional da submisión do Goberno español aos EE.UU. Un comportamento comparable nas formas ao dos lacaios monicreques e ditadores xefes de Estado dalguns países africanos que se lucran a costa de manter aos seus pobos na pobreza, beneficiándose da corrupción, e sacando a relucir os seus luxosos autos Mercedes cando reciben a visita dalgun dos seus financiadores internacionais coa finalidade de amosarlles a súa grandiosidade.

 

        Pero quizá o feito máis vergoñento deste cumio desde o punto de vista social sexa o pousado das parellas dos distintos xefes bárbaros pousando no Museo Reina Sofía diante do Guernica de Picasso, unha obra realizada polo artista para denunciar a barbarie cometida na vila vasca pola aviación nazi, cómplice do criminal Franco; barbarie que non se diferencia en nada polas cometidas en Iugoslavia, Servia, Iraq, Afaganistan ou Libia (por mensionar as máis coñecidas) polos exércitos dos países eque conforman a OTAN ou pola proia organización. O cal aínda agrava máis o feito da escolla dese cadro.

        Posiblemente haxa quen estea a pensar que as parellas dos mandatarios non teñen a culpa, que elas e eles non fixeron máis que seguir o programa que lles marcaron. Pode ser, mais que se saiba ningunha desas persoas indicaron, nin antes nin con posterioridade ao feito, a súa desconformidade co despropósito.

        Como ten dito Daniela Ortíz, artista peruana con obra exposta no museo da pose da vergoña, "a OTAN quíxose apropiar do Guernica e son uns asasinos", ao tempo que amosaba a súa firme vontade de non colaborar cos cómplices da barbarie esixindo a retirada das súas obras da exposición do citado Museo Reina Sofía, posición que a honra. Chapeau, dona Daniela!

        Feitos coma estes dannos a mostra da pobreza intelectual, dunha escasa ética que non respecta as ideas dos artistas e da natureza submisa que mantén a clase política dirixente da España respecto a gobernantes foráneos. Certo é que se quen gobernara fora o Partido Popular, ou os seus compañeiros de extrema dereita de Vox, a modernidade manifestaríana facéndolle a ola en público e levando aos bárbaros e ás súas parellas aos campos de fútbol ou a corridas de touros. Dúas concepcións diferentes da cultura pero que no fondo en nada se diferencian.

        Unha indecencia en toda regra. Un flagrante atentado á cultura o presentar un binomio barbarie-museos.

        


 

30 xuño 2022

Outra vez máis: OTAN NON! BASES FORA

A OTAN e os seus membros.

Esta semana está a celebrarse en Madrid un cumio da OTAN, organización á que podemos cualificar obxectivamente como criminal de carácter militar (máis adiante explico o por que do cualificativo de criminal), na que van estar presentes como parte activa xentes que se corresponden, a grandes trazos, con catro tipos diferenciados e complementarios de suxeitos: a) cualificados membros que forman parte das súa estrutura civil e militar; b) membros dos gobernos de diferentes países moitos dos cales teñen madeira de súbditos e lacaios ao servizo dos intereses do capitalismo internacional, entre eles membros do goberno español; c) o presidente dos Estados Unidos de América (USA), xefe supremo da organización militar; e d) Os invisibles, representados por políticos, militares e técnicos civís alí presentes.

Os primeiros son os encargados de planificar as accións que posteriormente son cualificadas pola ONU e as organizacións defensoras dos dereitos humanos coma violacións dos dereitos humanos ou crimes de guerra por violar o dereito internacional.

Os segundos son, fundamentalmente, aqueles que teñen madeira de súbditos e lacaios ao servizo dos USA (entre eles, como xa teñen abondo demostrado, os máximos dirixentes do PSOE e do goberno español) moitos dos cales participan tamén na aprobación dos desmáns organizados polos anteriores.

O terceiro, o señor Biden, é o actual director da orquestra otánica e presidente do país que dende a Segunda Guerra Mundial ten violado con maior frecuencia o dereito internacional e a soberanía dos distintos países, ben ao través da intervención directa do seu exército de asasinos militares, ben ao través das súas axencias gobernamentais de carácter civil e prácticas criminais ou utilizando ditadores monicreques ao través da CIA en distintos países do mundo. E que ademais persegue a aquelas persoas e organizacións que desenmascaran as súas prácticas criminais informando á poboación mundial da súa existencia e usando os propios documentos internos do país criminal (Julian Assange, o soldado Mining e o membro da NSA -de cuxo nome non me lembro- que rebelou o espionaxe indiscriminado por parte desa axencia sobre a poboación norteamericana e á marxe da administración xudicial). É dicir, o señor Biden é o presidente dos Estados Unidos de América, país delincuente internacional e impulsor da OTAN, a cuxo servizo e á defensa dos seus intereses económicos e estratéxicos está esa organización militar.

O carto dos membros presentes, os invisibles, son os que escriben a partitura que se vai tocar dirixida polo director da orquestra. Eles -maioritariamente ligados aos EE.UU.AA., son as grandes multinacionais da enerxía, o fondos de investimento internacional, a grandes empresas mundiais de armamento, a oligarquía financeira e os que se lucran a nivel mundial coa produción de alimentos e a fame de millóns de persoas no mundo (posiblemente me esqueza dalgunha clase de indesexable; as miñas escusas). Eles son, ao través dos seus voceiros alí presentes, os que lle van marcar á OTAN e ao seu director actual a partitura que deben interpretar conxuntamente cos resto dos músicos.


 Por que cualifico á OTAN como “organización criminal” de carácter militar?

Imaxino que a estas alturas abondaría o ter que aclarar o por que de definir á OTAN coma organización criminal. Pero vouno facer brevemente: unha organización que á marxe das disposicións da Organización das Nacións Unidas realiza accións de guerra e invasión de países soberanos, que bombardea poboacións civís indiscriminada e premeditadamente, que tortura e secuestra, que crea grupos terroristas para desestabilizar gobernos soberanos e tentar de xustificar as súas propias accións terroristas, etc., etc. ... non pode ser cualificada doutra forma que como criminal. Serbia, Iraq, Afganistán, Libia son casos na mente das persoas nas que baixo o amparo ou intervención directa das OTAN cometéronse todo tipo de estas atrocidades. En todas elas, realizadas á marxe da Carta das Nacións Unidas, amais de violar a soberanía dos países, as accións militares da OTAN provocaron vítimas civís, atacaron obxectivos claramente non militares, practicáronse torturas e toda caste de violacións dos dereitos humanos. Amais da súa participación directa na guerra de Bosnia entre 1992 e 1995, unha guerra cos claros obxectivos de desintegrar Iugoslavia e repartir as influencias económicas e estratéxicas entre os distintos países participantes no conflicto, bombardeando incluso obxectivos civís en Belgrado, daquela capital do estado iugoslavo.

Por iso: por violar as leis internacionais, por causar mortos como consecuencia desa violación e por atentar repetidamente contra os dereitos humanos a cualificación máis adecuada para a OTAN é a de organización criminal de carácter militar; e os seus dirixentes e membros que se apliquen o conto.

Amais destas haberá outras moitas operacións levadas a cabo polos seus servizos de intelixencia descoñecidas para o grande público, desde a creación de grupos radicais islámicos ata intervencións armadas e violentas, sobre todo en distintos países asiáticos e africanos, coa finalidade de desestabilizar gobernos non submisos. Estou pensando neste intre en Paquistán, Sudán ou Ucraína, por exemplo.

Se as mafias son consideradas organizacións criminais polas transgresións que realizan das leis con resultados de mortos como consecuencia das súas actividades, hai razóns máis que sobradas para aplicarlle -como mínimo- o mesmo cualificativo á OTAN.

O de “militar”, agás que un sexa unha mostra común diso en caqui ou verde, imaxino que non fai falla explicalo.

E supoño que tampouco terei que aclarar que as organizacións en si mesmas non son nada, son instrumentos cuxo carácter é decidido polas persoas que as dirixen e deciden cales van ser as súas actividades e os seus actos; así como as persoas e outras organizacións que poidan formar parte delas. Cada quen que lles poña, en referencia á OTAN, a esas persoas o cualificativo que considere. Eu téñoo claro.

E, como afirma Jordi Calvo Rufanges (eldiario.es,26 e 29 de xuño de 2022) “a OTAN, ao contrario do que afirman todos os asistentes ao cumio de Madrid, non promove a paz, senón que máis ben ao contrario animou a algúns dos seus membros a participar en guerras máis alá das súas fronteiras, en moitos casos coa bandeira da OTAN” levando a eses lugares “ o caos, a destrución e provocando centenares de miles de vítimas civís en Asia Central, Oriente Medio e o Norte de África”.

España e a OTAN.

No ano 1982, o goberno español da extinta Unión de Centro Democrático (UCD), presidido por Leopoldo Calvo Sotelo, decidiu a integración do Estado Español na OTAN. Nese mesmo ano o PSOE gaña as eleccións por maioría absoluta coa promesa suxerida do abandono da OTAN (“OTAN, de entrada NO”). No ano 1986 o goberno español, presidido por Felipe González (PSOE), se decanta decididamente por seguir na OTAN e formula un referendo no que a permanencia de España nese organismo militar estaría condicionado por tres cuestións: 1) A participación de España na OTAN non incluiría a súa incorporación á estrutura militar; 2) Manteríase a prohibición de instalar, almacenar ou introducir armas nucleares en territorio español; e 3) Procederíase á redución progresiva da presenza militar dos Estados Unidos de América en España. Neste proceso de consulta vinculante pertenza á organización militar do Estado Español nestas condicións foi referendada polo 52,5% das persoas participantes no mesmo, no que a participación acadou soamente o 59,4% do corpo electoral.

A día de hoxe, as condicións expresadas no citado referendo non só non se teñen cumprido en ningún dos seus aspectos, senón que todos eles téñense transgredido amplamente polos distintos gobernos habidos desde a data da consulta ata hoxe, gobernos presididos por Felipe González, José María Aznar, José Luís Rodríguez Zapatero, Mariano Rajoy e, na actualidade, Pedro Sánchez. Todos eles son culpables de ter incumprido o desexo vinculante da maioría dos participantes no citado referendo do ano 1986.

Pero non só non están cumpridas ao día de hoxe, senón que, segundo declaracións de Pedro Sánchez durante o actual cumio da OTAN, os efectivos militares dos EE.UU. en España van ser incrementados.

Do mesmo xeito, está anunciado polo presidente español do PSOE un aumento significativo dos gastos militares, que seguramente vai reducir outras partidas orzamentarias destinadas ao gasto social ou ao gasto en cooperación internacional para o desenvolvemento. Un cartos que ían ser produtivos vanse converter nun gasto improdutivo e parasitario. Porque do peto dos que se van beneficiar das guerras potenciais non vai saír, debido a que o goberno négase a elevar os tributos ás rendas máis altas; en troques, quen máis vai sufrir ese aumento do gasto vai ser a cidadanía que ten as rendas máis baixas e a clase traballadora que xa están a pasalo mal debido ao aumento descontrolado da inflación derivado do financiamento europeo das aventuras bélicas dos Estados Unidos de América e da intensa intervención dos especuladores multinacionais dos sectores enerxéticos para enriquecerse a costa de subverter o mercado.

Unha situación mundial que vai mudando.

Ata agora, o último documento estratéxico da OTAN era o aprobado no cumio celebrado en Lisboa no ano 2010. Pero dende aquela o mundo ten dado moitas voltas e as loitas e, igualmente, os intereses das distintas faccións da oligarquía presentes no mundo teñen mudado posicións, xerando numerosas contradicións e loitas políticas e económicas entre elas pola preeminencia e dominio dos seus respectivos intereses. Todas elas están a tratar de apuntalar o poder militar que serve a cada unha delas e tentando de asegurar posicións xeoestratéxicas para un posible conflito armado.

Se cada unha desas faccións oligárquicas fora un galo de curral, poderiamos dicir que neste intre son tres os galos na pelexa por controlar o galiñeiro mundial: os descarados, agresivos e dominantes galos dos Estados Unidos que estenden as súas ás coa ansia de dominar a totalidade do mundo; os escandalosos e agresivos galos rusos; e os calados e silandeiros galos chinos.

As inxustificables accións da OTAN e de Rusia no norte da Europa están a tensar dunha forma considerable as relacións internacionais. Os primeiros, ao incumprir os acordos acadados coa Federación Rusa no desmantelamento do chamado Pano de Aceiro (Telón de Acero, en español) sobre a contención da expansión da organización armada. Os segundos ao adoitar unha posición -ao meu entender equivocada- coa invasión e declaración da guerra a Ucraína sustentada na expansión da OTAN e nos desexos da Ucraína de formar parte da mesma (certo é que esta e os gobernantes monicreques ucraínos manexados por USA, sobre todo estes últimos, non facilitaron as cousas; como tampouco o fixo a escasa vontade da Unión Europea de tentar de pararlle os pes aos EE.UU. e á OTAN sabendo os perigos que a súa actuación comportaban e que posteriormente confirmáronse). Todo isto e que as axencias de intelixencia gobernamentais aliñadas con ambos contendentes fixeran das súas nos distintos países e rexións pertencentes á antiga URSS e agora “independentes” facilitaron o estoupido do conflito. Aí están as intervencións da CIA e o MI6 en Bielorrusia e a propia Ucraína para desestabilizar gobernos considerados pro-rusos e as protagonizadas polas axencias de intelixencia rusas e o seu propio exército en Chechenia e na propia Ucraína, sobre todo na rexión ucraína do Don Bass.

Certo que destas accións unhas saen na prensa que lemos no resto da Europa, dominada maioritariamente polos grupos mediáticos da oligarquía aliñada no bando euro-americano, que non informan de forma veráz da realidade e proporcionan unha información manipulada ou directamente falsa en favor de parte; e que para coñecer, ou aproximarse, á realidade das distintas actuacións hai que andar mergullando e contrastando polas redes (supoño que serán estas, nun prazo máis ou menos curto de tempo, o obxectivo a silenciar ou, polo menos, censurar por parte dos medios aliñados coa oligarquía financeira de cada bando; isto xa está a suceder agora en moitos sites da internet coas novas servidas por aqueles considerados coma pro-rusos no noso espazo xeográfico aínda que sexan persoas que viven e conviven nel e con perfecta legalidade facendo exercicio do seu dereito de expresión; e, tamén, coas novas e sites considerados como pro-otánicos no espazo xeográfico de influencia rusa). O mesmo pasaralle a quen recibe exclusivamente as novas por axencias ou informativos achegados ao outro bando en conflito.

Pero non debemos esquecernos, como xa teño apuntado máis arriba, da actitude submisa da Unión Europea diante das flagrantes e constantes transgresións dos acordos de distensión polos EE.UU. utilizando á OTAN como instrumento. Estaba claro que o que chegou podía chegar, que Rusia non se ía pregar á expansión militar da organización militar sen facer nada; que non ía permitir que Ucraína se aliñara formalmente cos EE.UU. e servira coma ponte para competir con tratamento privilexiado ou facerse coa totalidade ou parte do negocio que o gas, o petróleo e outros recursos naturais que deben traspasar ou proceder do territorio ucraíno para chegar aos distintos países da Europa ou para acceder ao mar de cara a ser transportado con medios marítimos. E esa resposta chegou; e o fixo en forma de guerra causante de miseria e morte para a poboación ucraína e miseria e carestía para a poboación auropea e rusa. Situación que está a supoñer, á súa vez, un maior enriquecemento para os dirixentes económicos dos EE.UU., un dos claros e non declarados obxectivos do país imperial e do seu instrumento militar. Pero a submisións dos dirixentes da UE, en contra do benestar da súa cidadanía e arriscándose a que o espazo xeográfico europea volva a ser escenario doutra gran guerra, esta vez posiblemente nuclear, fixo que Europa en lugar de pelexar por unha resolución negociada ao conflito, sen aliñarse con ningunha das partes en conflito directo, os dirixentes políticos europeos se decantaran por aliñarse cunha das partes agresoras e impulsar unha gran campaña de propaganda ao través da rede mediática do sistema e dos propios órganos da Unión, encabezados polas tristes e decepcionantes figuras de Josep Borrel, Von der Leyen e Charles Michel.

O cumio da OTAN en Madrid.

A piques de rematar a conspiración internacional para aumentar o poder económico e de agresión da actual oligarquía internacional dominante ao través da súa organización militar, OTAN, en Madrid, xa se coñecen algunhas das decisións adoitadas, tanto polo conxunto da indesexable organización.

E tamén, como xa se foi manifestando con feitos concretos e de forma acelerada desde a puñalada trapeira asestada polo PSOE e o goberno español ao pobo saharauí en complicidade con réxime sátrapa e criminal marroquí, a posición totalmente submisa do goberno español de coalición aos designios da política dos EE.UU. como podemos observar coas declaracións do gris ministro Albares e do Presidente Sánchez sobre un totalmente inxustificado aumento do gasto militar, unha maior presenza de militares ianquis en España, unha maior participación na organización militar, o criminal comportamento da policía de Marrocos cos migrantes subsaharianos gabado inicialmente polas autoridades españolas (incluso negando feitos contrastados en imaxes filmadas), etc. Todas elas perfectamente acordes coa política do estadounidense para o Norte de África, onde o réxime do antidemocrático e criminal de Mohamed VI é considerado como o seu principal aliado (e tamén do Estado Español, polo visto).

Que decidiu a organización de guerra en Madrid? A grandes trazos, porque a información non é moi fluída nin moi transparente, podemos establecer algunha das cousas que alí se teñen decidido:

1.- Ata agora tiñamos constatado que a organización militarista de agresión aos pobos soberanos pola conta dos EE.UU., que se escuda na suposta defensa da liberdade, infrinxía os seus propios estatutos e actuaba máis ala do ámbito territorial que os seus estatutos fixaban. Desde onte esa limitación territorial desapareceu e a OTAN se arroga a competencia de actuar militarmente alí onde os Estados Unidos de América consideren que están perdendo influencia e decidan facelo (en teoría onde decidan os seus órganos directores).

2.- A Federación Rusa, antes considerada aliada, pasa a ser considerada como a principal ameaza para Europa e para o mundo. Para elo se incrementa o gasto militar, a presencia militar USA en Europa e a presión sobre Rusia, aceptando as candidaturas de Suecia (Ai! Se Olof Palme erguera a cabeza!) e Finlandia de integrarse na organización armada, se se cumpren as condicións impostas por Turquía para aceptar a súa integración (fundamentalmente que os paises candidatos extraditen aos refuxiados políticos kurdos que residen nos seus territorios cara ao país antidemocrático que lles nega os seus dereitos: Turquía) . É dicir, esta integración suporía un punto máis de tensión e perigo de guerra en Europa; e todo coa finalidade de salvagardar os intereses económicos das industrias enerxéticas (petróleo e gas natural) e armamentísticas dos Estados Unidos de América; e non os intereses de seguridade e de paz para a cidadanía europea. (E non podemos descartar, tampouco, as intencións de levantar a agricultura máis subvencionada do mundo, a dos USA, por substitución dos cereais e forraxes ucraínos, pero disto aínda non hai datos e nada se pode afirmar; só facer especulacións).

3.- Os Estados Unidos tampouco queren deixar de mirar para un país que pode supoñer un claro perigo para o dominio económico e tecnolóxico da oligarquía á que ese país e a OTAN defende polo tanto decidiron considerar a China como unha ameaza potencial e poñen os ollos militares sobre ese país. Polo menos de momento o país oriental non usa os métodos postos en práctica por USA e Rusia sobre terceiros países, o que fai máis difícil xustificar que unha organización militar se centre nese tema. Pero todo se andará coa complicidade da City londinense, de Wall Street e do mercado de futuros de Chicago; todo iso acompañado do “Si, bwana” dos servidores e escravos das distintas partes do mundo e das intervencións dos servizos de intelixencia dos países otánicos naqueles territorios nos que na actualidade prima a influencia china ou, mesmo, na mesma China.

4.- Outra das cousas das que se ten falado en días anteriores ao inicio do cumio foi o da posibilidade de considerar aos movementos migratorios como potenciais ameazas para a seguridade e que, polo tanto, hai que controlar militarmente. Agás por unha pequena parte da poboación europea no seu conxunto, aquela parte retrograda claramente xenófoba, un pronunciamento claro neste senso non sería aceptado de bo grao. Polo que se camufla este aspecto cunha formulación máis difusa pero claramente pro violadora dos dereitos humanos. A que responde, senón, a actuación criminal da policía marroquí e a pasividade da policía española no valado de Melilla? Nin máis nin menos que á posta en práctica da política otánica sobre as migracións, xa de manifesto en varios frontes: en Turquía polo goberno teocrático de Erdogan cara ás refuxiadas sirias, en Libia polas mafias que gobernan ese país africano co apoio da Unión Europea e a OTAN e no Mediterráneo polas actuacións do FRONTEX e de unidades militares turcas da OTAN, todas elas actuacións contrarias á Declaración Universal dos Dereitos Humanos.


         5.- Coa finalidade de esconder a súa submisión aos intereses dos Estados Unidos en política internacional, o goberno español tenta de presentar coma unha vitoria a suposta adopción do compromiso da OTAN de “defender o flanco Sur” como unha defensa de España diante das potenciais agresións de Marrocos. Moito triunfalismo que oculta unha declaración expresa de que nada, agás o control militar da migración desde os países de Oriente Medio e subsaharianos cara a Unión Europea; política que non cambia nada e que casa perfectamente coa actual política de negación do dereito de asilo aos refuxiados procedentes de países en conflito ou de países empobrecidos polo saqueo de materias primas e desenvolvemento ao que foron sometidos polo colonialismo europeo e coas políticas de confinamento das persoas en campos de concentración de Libia e Turquía. Teñamos en conta que o reino alauita é un aliado preferente dos USA no Norte de África; e que a estes impórtalle tres cogombros que ese réxime, ao igual que o de Turquía ou calquera outro que se pregue aos seus desexos, adoeza de democracia e non teña o mínimo respecto polos dereitos humanos. Teñamos en conta que son os EE.UU. especialistas en crear e potenciar réximes de carácter ditatorial e en practicar torturas, que o veñen facendo desde o remate da Segunda Guerra Mundial por todo o mundo, sobre todo en Latinoamérica e no Oriente Medio. Así que señores do PSOE: menos triunfalismo, que son vostedes penosos.

Xa veremos se mañá hai algo máis, polo momento manter que hai moitos motivos para seguir dicindo OTAN NON! BASES FORA! POLA PAZ, A LIBERDADE E A IRMANDADE ENTRE OS POBOS DO MUNDO!


 

14 xuño 2022

Unha Unión Europea de dirixentes hipócritas, mentireiros e servos

            Hai uns días recibín unha comunicación de dun organismo de comunicación da Unión Europea, en concreto do centro de contacto Europa Direct. Un dos parágrafos, que reproduzo de seguido, con título de "La UE apoya a Ucrania" da unha mostra bastante aproximada da cualidade das persoas que conforman os distintos órganos políticos de goberno executivo da Unión Europea (UE) e da falta total de ética deses suxeitos, así como a súa total submisión a uns intereses externos e contraditorios cos da maioría da poboación dos países que conforman a Unión; amais da hipocrisía, a capacidade de mentir e a súa actitude de perfectos servos dos "amos" aos que realmente serven.

                O texto ao que me refiro, en español que é unha das linguas oficiais da UE, é o seguinte:

"La UE apoya a Ucrania
El ataque militar no provocado e injustificado de Rusia a Ucrania del 24 de febrero de 2022 constituye una violación del derecho internacional y de los principios de la Carta de las Naciones Unidas. Socava la seguridad europea y mundial y pone de manifiesto un desprecio total hacia la vida humana. Los civiles están pagando el precio más elevado; en la actualidad, alrededor de 13 millones de ucranianos son objeto de desplazamiento interno o están buscando refugio en el extranjero. La UE ha acogido a más de 5,4 millones de personas que huían de la agresión de Rusia y les ha proporcionado alimentos, alojamiento, atención sanitaria, educación y oportunidades de empleo.

La solidaridad europea en acción está apoyando al pueblo ucraniano por medio de ayuda humanitaria directa, asistencia de emergencia en materia de protección civil y ayuda en la frontera, y les está concediendo un estatuto jurídico claro que permite a quienes huyen de la guerra recibir protección inmediata en la UE."

             Como podemos observar os feitos de partida da comunicación parten da realidade acontecida cos inxustificados ataque e invasión de Ucraína por Rusia, á marxe do dereito internacional e do respecto dos dereitos humanos, da existencia de damnificados civís e da xeración de multitude de refuxiados e vítimas entre a poboación ucraína. Mais partindo de feitos reais e contrastados pasan ás conclusións falsas e hipócritas, auto instalándose en hipotéticos salvadores da democracia e dos dereitos humanos, ocultando feitos e, incluso, a propia actuación da UE en países onde teñen acontecido procesos semellantes.

            O ataque e invasión de Rusia a Ucraína.

            Certo é que o ataque militar da Federación Rusa a Ucraína non parece nada xustificado e constitúe un feito de agresión a un país soberano á marxe do dereito internacional; e como tal debe ser condenado. E, amais, debe ser condenado non só por constituír unha transgresión da soberanía e das leis internacionais senón polos efectos que está a ter nunha poboación civil que está a ser utilizada como refén polo exército ruso, cometendo continuadas transgresións -como se ten demostrado- da convención de Xenebra en relación coa poboación non combatente.

            Pero non é só o exército de Putin quen comete barbaridades. Está contrastado por xornalistas free lance e tamén fíxose eco algún xornal norteamericano (aínda que os medios europeos maiormente non se fagan eco) que os do exército ucraíno non son precisamente uns santiños de pau, sobre todo os membros da brigada nazi que forma parte do exército regular e os mercenarios contratados por este ou pola OTAN, e que tamén cometen dabondo atropelas contra a poboación rusófila do país invadido, que son constante obxectivo -tamén- da violación dos dereitos humanos. E, en ambas as dúas partes, son as mulleres as que levan a peor parte. Disto, do relativo ás actuacións irregulares e ilegais da parte militar ucraína, a UE non di ren. 

            Tamén é unha certeza que as razóns que Rusia esgrime para xustificar a invasión de que a OTAN incumpriu os acordos aos que Federación Rusa e a organización militar chegaron no momento do desmantelamento do réxime da extinta Unión Soviética e a reinstauración dunha economía capitalista en Rusia é totalmente verdadeira. Como é certo que a información sobre estes incumprimentos é case inexistente na "democrática e libre" prensa europea e norteamericana, e que aqueles documentais ou informacións que amosan a orixe da decisión invasora de Rusia ou ben son censurados por ser considerados "pro-rusos" ou ben son directamente ocultados; un destes é un documental do prestixioso director de cine norteamericano Oliver Stone sobre Ucraína, titulado Ukraine On Fire, realizado desde unha perspectiva histórica e os recentes sucesos impulsados pola CIA nos anos 2012 e 2013 utilizando organizacións paramilitares nazis ucraínas para impoñer os intereses norteamericanos no país que pode axudar a entender as orixes do conflito e as implicacións históricas dos gobernos ucraínos cos réximes nazis.

              Aínda así, e por moito que as razóns históricas aducidas sexan certas, non se pode xustificar a invasión de Ucraína baixo ningún pretexto. E menos cando as máis afectadas son as poboacións civís. Como tampouco é xustificable a persistente intervención en terceiros países das axencias de intelixencia americanas coa finalidade de desestabilizar gobernos, moitas veces creando, armando ou utilizando grupos radicais islámicos ou grupos de ideoloxía nazi. Pero claro, os membros da CIA son uns asasinos e dos asasinos nada bo pódese esperar; e aínda son máis responsables e criminais quen os ampara e ordena.

             A hipócrita política cara ás persoas refuxiadas.

            Pero o máis sangrante é o autobombo e propaganda que a Unión Europea se fai a conta das persoas ucraínas refuxiadas. Coido que é loable, moi loable, que se dea refuxio ás persoas que por mor da guerra teñen que saír do país para poder vivir; e isto parece que se está a facer ben, que a UE ten unha política decidida e organizada de acollemento dos refuxiados ucraínos; que animan ao conxunto da poboación europea a acoller ás persoas que escapan da guerra y que se están a dotar axudas para os fogares que acollen a estas persoas. 

Pero o sangrante é que a toda esa xente aos que se lle enche a boca falando de acollemento de refuxiados por causa de guerras ilegais, esa xente a cuxo fronte está a presidenta da Comisión Europea, o presidente do Consello Europeo e o flamante Mister PESC, está a financiar ao antidemocrático réxime de Turquía (membro da OTAN) para que conteña nas fronteiras a milleiros de refuxiados procedentes da guerra de Siria e procedentes, tamén, do abandono no que (unha vez posto a salvo os seus intereses económicos e xeoestratéxicos) os "países civilizados" deixaron a milleiros de persoas de Afganistán que escapan duns gobernos talibáns e que acaban recluídos en campos de concentración (chámanlle de refuxiados) ás portas de Europa, nos que morren de fame e de frío ou son devoltos aos países de orixe nos que lles espera a morte ou algo peor ; unha UE que financia a piratas e a militares corruptos e goberno de Libia para que non deixen pasar cara a Europa ás persoas que desde África escapan da miseria cara ao noso continente en busca dunha vida mellor e que acaban afogadas no mar Mediterráneo ou sendo vítimas do tráfico de escravos en Libia despois de estar tempo pechados nos "campos de detención" financiados pola UE e administrados polo goberno fallido e corrupto de Libia. 

E esas persoas son igual de refuxiadas e cos mesmos dereitos que as procedentes de Ucraína, pero para a UE non parecen selo. E iso é un feito que coñecen perfectamente eses gobernantes europeos cuxa boca se enche de falar dos dereitos humanos, do acollemento de refuxiados e de democracia, da liberdade e da igualdade de dereitos, pero que o único que fan para solventar o problema dos refuxiados é pagar a quen os reprime, os mata, os afoga ou os escraviza. E por riba se permiten enviar correos electrónicos aos cidadáns da Europa para vanagloriarse das súas actuacións!

            Así que señora Von der Leyen, señor Charles Michel e señor Borrel non veñan vostedes a contarnos milongas. Somos moitas as persoas que non comungamos con rodas de muiño; que consideramos que os organismos da Unión Europea non están a levar unhas políticas para favorecer as liberdades democráticas e os dereitos humanos; que vostedes non fan políticas tendentes a favorecer unhas mellores condicións de vida para a cidadanía da Europa e aos que por necesidade veñan doutros lugares do mundo (agás que estes sexan millonarios).

                E que vai pasar coas actuais refuxiadas ucraínas se a guerra se prolonga?

                Parece que por desgraza a guerra de Ucraína se prolonga máis do que se esperaba. E a min xúrdeme unha dúbida: que vai pasar coas persoas ucraínas refuxiadas en distintos países da Unión Europea se a guerra segue a prolongarse e vai máis alá do que os rexedores políticos da UE pensan, que decisión van tomar estes sen vergoñas? Porque o da súa humanidade xa vemos como é. Vemos o trato que os órganos e os polítcos que dirixen a Unión Europea que dan a refuxiados doutros conflitos bélicos e humanitarios. Polo que non cremos na súa propaganda de humanitarismo e de dereitos de refuxio. Son vostedes, desde este punto de vista, impresentables.  

            Políticas da UE: para os máis ricos e poderosos.

                Somos moitos, tamén, os que consideramos que están vostedes a facer políticas destinadas a favorecer os intereses económicos dos máis ricos (e non só os europeos) e os intereses militares e estratéxicos dese país, os Estados Unidos, cuxas bases e poderío está baseado desde a súa fundación ate hoxe no xenocidio dos pobos nos que o seu territorio se asenta, no seu enriquecemento a conta da escravizar a africanos levados alí contra a súa vontade para ser tratados como animais, na agresión aos diferentes pobos do mundo, especialmente América Latina e do Caribe, e a organización de cruentos golpes de estado causantes de centos de miles de mortos.

                Por desgracia, iso é o que a "soberanía de Europa" é hoxe, e non o que nos contan pola TV e os xornais sistémicos. Pero tamén, por desgracia, tampouco son desexables nin a oligarquía rusa nin a oligarquía china disfrazada esta última de comunista. No fondo, ambos, países capitalistas coa mesma vontade imperial e os mesmos métodos que os Estados Unidos.

                Están destruíndo o mundo nas distintas frontes e nós, as persoas de a pé, estamos a consentirllo. Como non empecemos a darlles caña a todos estes elementos levámolo claro. Ah! E non estou a falar de exercer violencia, que nós non somos como eles. Tampouco estou a dicir que, dado que somos os máis febles, non teñamos dereito a utilizar todos os medios ao noso alcance para defendernos das súas agresións.

 

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...