06 febreiro 2020

Hipocrisía e Cinismo, sinais de Identidade da actual Xunta de Galicia e do Partido Popular na sanidade pública.

Do dicionario da Real Academia Galega: a) Hipocrisía: Actitude daquel que finxe o que non sente e mantén unha postura falsa cara aos demais e tamén carácter das palabras, xestos e feitos dos que teñen esta actitude. b) Cinismo: Calidade ou actitude da persoa cínica. c) Cínica: Que mente con descaro. E podemos definir incompetencia como descoñecemento profundo ou falla de autoridade suficiente para xulgar ou decidir sobre certos asuntos.
Efectivamente son esas, hipocrisía e cinismo, as verbas que mellor definen as actitudes e as continuadas declaracións da Xunta de Galicia, do seu Presidente, do Partido Popular e dos distintos responsábeis de calquera nivel da Consellería de Sanidade.
Desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta de Galicia o proceso de desmantelamento do sistema sanitario público é continuado e vai increscendo; desmantelamento dirixido desde a Consellería de Sanidade polas distintas persoas responsábeis da mesma. Primeiro foi Pilar Farjas ; despois a súa sucesora, Rocío Mosquera (actual xerente de Galaria, chiringuito de capital público que utiliza para as súas actividades as dependencias dos hospitais públicos), seguiu a xeira marcada por aquela do desmantelamento da calidade asistencial do sistema hospitalario público de Galiza cebándose no baleirado de servizos e especialidades dos hospitais comarcais. E nos últimos tempos o actual Conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña que non só está a contribuír ao remate final dos hospitais comarcais, senón que con el iniciouse o desmantelamento dos grandes hospitais públicos, a perda programada da calidade asistencial dos mesmos e, o que é máis grave, o desmantelamento acelerado e os recortes da atención primaria pública. Por iso non podemos definir o labor de Feijóo e o Partido Popular na sanidade pública galega como propia de incompetencia, xa que está máis que demostrada a súa competencia para tentar de acadar os fins de privatizar a sanidade, desmantelar a sanidade pública e deixar aos seus profesionais aos pes dos cabalos da patronal da sanidade privada. E para iso contaron, polo menos, con dous cabalos de Troia na máxima dirección da sanidade pública galega; persoas curtidas na dirección e defensa de empresas cuxas contas de resultados medran en sentido inverso da atención eficiente á saúde da poboación: a señora Mosquera e o señor Vázquez Almuiña.
Este tipo de desprestixio e desmantelamento programado do sistema sanitario público de Galiza ten dous grandes beneficiarios: as empresas hospitalarias e médicas privadas e as empresas aseguradoras de saúde. Efectos que, por moito que se empeñen en ocultar, queda claro que estaba entre os fins buscados polos distintos gobernos de Núñez Feijóo.
Conselleiros de Sanidade peperos e Presidente da Xunta pepero falan e falan, alburgan e alburgan, declaración hipócrita e cínica tras declaración mentireira e demagóxica; pero o certo que as súas actuacións no eido sanitario non fan máis que prexudicar progresivamente ao conxunto da poboación da Galiza. Hoxe mesmo, 5 de febreiro ás 18:30 horas, entrando no programa de cita previa ao través da web, o tempo de espera para acadar cita para o meu médico de familia era de seis días (cousa anormal pero normal pola deficiente mala xestión sanitaria do goberno de Galiza); isto é un claro síntoma do escaso número de médicos para atender as necesidades sanitarias máis básicas da poboación, a medicina preventiva; e non só iso, parece que se alguén asignado ao mesmo centro de saúde que eu quer trocar de médico non pode facelo por estar os profesionais cos cupos a tope. E iso que o tempo que a Consellería de Sanidade asigna para cada consulta a doente son uns escasos e insuficientes cinco minutos. Como non van estar saturados os PAC e as urxencias hospitalarias? E iso sen falar da ausencia de pediatras en toda a rede sanitaria pública.
E o malo é que PACs e urxencias hospitalarias xa de por si non teñen os medios humanos suficientes para atender unha demanda normal, canto máis para atender excesos xerados por falta de medios humanos e materiais na atención primaria. Esta situación está a xerar numerosos clientes para quen pode pagar os seguros de saúde e os consultorios privados, que parece ser que é o que en definitiva busca o Partido Popular coa súa política de desmantelamento e desprestixio do sistema público de saúde. A quen non poida pagar enviarano a unha sanidade pública que parecen querer transformar nun sistema escaso de medios materiais e humanos que teña carácter case asistencial e de caridade.
 Esta situación de desidia da administración que provoca colapsos en urxencias e hospitais polo desmantelamento programado da atención primaria se traduce no uso da atención hospitalaria para fornecer de negocio ás empresas que viven a conta da mala saúde da poboación. Este uso ven determinado polo desvío de doentes afiliados do sistema público de saúde cara á medicina privada.
Mais para lograr uns bos beneficios para as empresas de medicina privada e dos vendedores de seguros de saúde era preciso acadar que os doentes necesitados de atención hospitalaria ou consultas especializadas tiveran que desprazarse cara ás cidades. Porque só nas cidades é sostible o negocio hospitalario privado. Como se pode chegar a iso? Pois moi doado: desmontar e deixar sen contido, ademais da atención primaria, os diferentes hospitais comarcais existentes no país; primeiro, eliminando áreas sanitarias e centralizando a xestión con lambecús de confianza arredor dos grandes hospitais; posteriormente deixar sen servizos especializados os citados hospitais comarcais. Se as poboacións protestan, ofrecer contratos leoninos infames a médicos especialistas para que estes os rexeiten. Final: os hospitais fican sen servizos médicos ou con escaseza programada. Os doentes amontóanse arredor dos grandes hospitais, que non dan abasto para facerlles fronte por falla de medios materiais e humanos. Paso seguinte: desviar aos doentes cara ao negocio da sanidade privada. Caso especial é o de Vigo, onde xa unha parte importante dos afiliados á sanidade pública son atendidos directamente por POVISA tanto en hospitalaria como en especializada (que, á fin e ao cabo, eran o que o Partido Popular e Feijóo buscaban ao facer un novo hospital con número de camas inferior ás que había).
Isto explícao moi ben Xosé María de Dios, portavoz de SOS Sanidade Pública, nunha instrutiva entrevista publicada no eldiario.es :Aproveitando toda esta lea [o desmantelamento dos hospitais públicos], o día 10 de xaneiro entrou en vigor tamén a modificación da Lei de Garantías que, basicamente, implica que se pides cita, pasan 45 días e no Sergas non cha dan para unha consulta ou proba diagnóstica, ou 60 días no caso dunha intervención cirúrxica, derívanche á privada. Obviamente, se o persoal e os recursos redúcense, os prazos non se van a cumprir nunca”. E máis adiante:”Calquera que estea metido no sistema sanitario sabe que é inviable porque o propio Sergas faio inviable. (....) aquí, directamente, pásanse os doentes da pública á privada. É algo moi lesivo para os intereses da sanidade pública de Galicia.” E como dí a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública nun recente comunicado: “O avance do sector privado, á calor dos recortes nos centros públicos (que esixe mais protagonismo e diñeiro no sistema sanitario galego), demostra que se Núñez Feijóo mantéñense na Xunta despois das mesmas, a sanidade pública pode entrar en caída libre irreversible”.
Esta labor de desmantelamento programado da sanidade pública esixe unha forte e dura resposta por parte da poboación da Galiza. Non nos podemos permitir o luxo de que estes servidores das contas de resultados dos servizos colectivos privados sigan un só ano máis na Xunta de Galicia. Non podemos permitir que rematen co dereito que todos e todas temos a recibir unha atención sanitaria eficiente e suficiente; unha atención sanitaria que non teña como referencia unha conta de resultados e prestada por profesionais que non estean condicionados por obxectivos económicos; unha sanidade que se basee na medicina preventiva cun eficiente servizo de atención primaria; unha sanidade próxima e achegada coa reactivación dos hospitais comarcais que hoxe Núñez Feijóo e os seus secuaces teñen baleiros de contido. En definitiva, unha sanidade na que sexamos tratados como doentes e non coma clientes.

O SAHARA: 50 ANOS DE DESPROPÓSITOS E OPRESIÓN

            Corría o mes de novembro do ano 1975, sendo ditador en funcións Juan Carlos de Borbón e Borbón (un mes máis tarde Juan Carlos I,...