20 xullo 2026

Illa de San Simón, campo de concentración e de exterminio golpista

 

         Este pasado 18 de xullo cumpríronse 90 anos desde que un fato de asasinos deron un golpe de Estado contra a IIª República Española, constituída por mandato popular nas urnas o 14 de abril de 1931.

        Este golpe de Estado, dirixido por militares sediciosos ao mando do xeneral Franco e organizado, financiado e apoiado por grandes terratenentes, banqueiros, Igrexa Católica, organizacións fascistas e da dereita política, tivo coma consecuencia unha guerra que a República e as clases populares acabaron perdendo, despois de tres anos, diante dun exército fascista apoiado con armas, tropas e financiamento polos réximes fascistas emerxentes na Europa: o da Italia de Mussolini e o da Alemaña de Hitler; e onde, os milicianos españois e internacionais (a maioría sen adestramento militar) que defenderon con uñas e dentes a legalidade republicana foron abandonados polas democracias europeas, fundamentalmente a francesa e a inglesa (que máis tarde tamén sufrirían o embate do nazismo).

        Unha das particularidades desta guerra foi que houbo amplas zonas do Estado Español no que a guerra non existiu coma tal, agás unhas poucas escaramuzas puntuais nos primeiros días posteriores ao golpe de Estado, por mor do dominio case total da situación por parte do exército fascista desde o primeiro momento. Unha desas zonas foi a Galiza.

A represión desenfreada e a continuidade do franquismo

Como consecuencia desa falla de estado de guerra, a Galiza converteuse nun foco de represión, exterminio e tortura a cargo dos asasinos golpistas. Exército, Garda Civil, civís fascistas da Falange Española iniciaron desde o primeiro momento a "caza" de toda aquela persoa que manifestara o seu desacordo co golpe de Estado, que pertencera a algunha das organizacións ou asociacións de carácter popular ou sindical; todo elo baixo a batuta e supervisión do exército franquista.

        Xuízos sumarísimos con pena de morte, torturas e vexacións, violacións e roubo de propiedades, aplicación continuada e indebida da lei de fugas, sacas das cárceres e dos domicilios de numerosas persoas para ser paseadas, torturadas, tiroteadas e abandonadas en calquera cuneta ou gabia coa finalidade de aterrorizar ao conxunto da poboación. Este proceso durou durante a totalidade dos anos nos que a guerra durou e prolongouse con toda a súa crueldade durante toda a década do 1940.

        Cunha menor intensidade, o terrorismo franquista, o asasinato inxustificado, o encarceramento e todo tipo de represión franquista contra as persoas partidarias dun réxime político verdadeiramente democrático continuou (como mínimo) ata o ano 1979. Esta represión tivo unha fase máis intensa entre os anos 1971 e 1977 por mor das mobilizacións populares en demanda de liberdade.

A Illa de San Simón

            Moitas das persoas antifranquistas e non franquistas detidas entre os anos 1936 e 1939 que non foron asasinadas no intre das súa detención, ou que foron xulgadas e condenadas a anos de prisión ou en espera do seu asasinato foron internadas en campos de concentración franquistas. Un deles foi a Illa de San Simón, na ría de Vigo.

            A San Simón foron levados non só presos políticos galegos, senón moitos outros antifranquistas procedentes doutras partes do Estado, entre eles prisioneiros procedentes da fronte de guerra de Asturias. Os presos na illa non só estaban apiñados en insalubres barracóns onde eran pasto da falta total de hixiene e da humidade do lugar, moitos deles estaban pechados nas adegas de barcos fondeados preto da illa, onde as condicións de hixiene e insalubridade eran aínda máis infrahumanas.

            Os presos podían recibir visitas dos seus familiares que lles levaban roupa limpa e comida. Pero non só eran familiares quen os visitaba, tamén teceuse unha rede de solidariedade espontánea de mulleres de Redondela e outros lugares da ría de Vigo que procuraban alimentos e roupa que levaban ás persoas encarceradas. Moitas destas mulleres que axudaban aos presos tiveron que soportar insultos, chantaxes e extorsións dos membros corruptos que dirixían e gardaban o campo de concentración.

                Moitas das persoas das alí encarceradas foron pasto de enfermidades e morreron; outras foron sacadas con nocturnidade polos sicarios franquistas para ser asasinadas, deixadas nas cunetas ou fondeadas no medio da ría. Os que en marzo de 1943, co peche do campo, conseguiron saír de alí con vida -moitos con graves enfermidades- e foron trasladados a outros penais ou liberados tiveron moita sorte.

                Hoxe, a Illa de San Simón está en trámites de ser declarada como Lugar da Memoria. Lugar onde se cometeron tristes, dolorosos e lutuosos feitos contra a dignidade humana realizados pola barbarie fascista.

                    Ata hoxe, agás os actos de reparación convocados polas asociacións da memoria histórica, a Illa de San Simón está a ser utilizada pola Xunta de Galicia, dominada polo Partido Popular, para realizar actividades de ocio (festivais de música para divertimento, excursións sen contido, cursos de formación diversos, etc.) que non contribúen a coñecer a realidade do que esa illa foi pero que nos mostran que a verdadeira intención da dereita política española é ocultar e enterrar a historia, que non quer que as xeracións actuais e vindeiras coñezan a verdadeira historia de Galiza, dos seus lugares e das súas xentes. Esta "desmemoria" da Xunta de Galicia tivo unha breve paréntese durante o goberno de coalición entre o PSOE e o BNG. Pero volveron os bárbaros ao goberno da Galiza para seguir afondando no descoñecemento e falsificación da historia.

            A declaración da Illa de San Simón coma Lugar de Memoria é un paso necesario para que a realidade histórica prenda e permaneza no coñecemento das persoas. Pero esa declaración ten que ser dotada de contido; non pode ser que a Illa de San Simón e a súa historia queden a mercede de xentes coma Fraga Iribarne, Núñez Feijóo, Alfonso Rueda ou calquera outra persoa das que negan e poñen todo tipo de barreiras ao coñecemento da historia.

 Epílogo: o franquismo permanece

        A continuidade e permanencia, despois da chamada "transición", dentro das institucións do Estado Español, de numerosas persoas ligadas ao réxime fascista de Franco e a pervivencia dos modos e maneiras franquistas dentro das mesmas, provocaron que aínda a día de hoxe haxa persoas encarceradas por dicir o que pensan de certas "personalidades" que ostentan altos rangos na configuración do Estado; ou que haxa xornalistas, humoristas, políticos e outras xentes que están sendo acosados un día si e outro tamén por denunciar ou opinar sobre actitudes ou irregularidades, sen que aquelas institucións ás que lle correspondería perseguir ese acoso reaccionen diante dos mesmos detendo e condenando a uns culpables que en calquera país plenamente democrático serían obxecto de detención pola policía e condena pola xudicatura.

            Queda moito por facer, queda moito que construír para acadar un Estado Español máis xusto e igualitario onde toda a cidadanía goce dos dereitos inherentes a calquera país plenamente democrático. O que temos é bastante, pero non é suficiente. Hai moito que limpar dentro das institucións; non basta con branquealas para facelas pasar polo que non son, como se fixo desde 1977 ata agora. Os tempos son difíciles, tamén o eran na década do 1970. O fascismo está avanzando, ten moitos mecanismos de control que antes non tiña, ten moitos aliados que ocupan posicións relevantes... Pero, como antes, non é invencible.


Achegas ao desafiuzamento de Maricarmen

  Todas as persoas que así o quixemos puidemos coñecer o desafiuzamento de Maricarmen, acontecido a semana pasada en Madrid. Este artigo n...