Daba noxo ver como estes días atrás un grupo mais ou menos elevado de "pijos" e "pijas" do barrio madrileño de Salamanca manifestábanse pola rúa ao pedindo "Libertad" e saltándose toda mínima precaución para impedir contaxiar ou ser contaxiado polo COVID-19. Esa tropa de "pijos" e "pijas" de variadas idades que pedían liberdade tiñan varias cousas en común: a de votar masivamente ao Partido Popular ou a Vox, a de añorar ou ser firmes partidarios do réxime do xeneral Franco e a de condenar o dereito doutras xentes a pensar de forma diferente á da que eles pensan. Non é que lle moleste que sexa o PSOE, Podemos, Esquerda Unida ou calquera outro quen goberne; o que realmente rexeitan e que non gobernen os seus, os que aproveitan as maiorías parlamentarias para baleirar de contido as liberdades democráticas promulgando leis como a Lei Mordaza ou artigos do Código Penal que atacan frontalmente a liberdade de expresión, asociación e reunión. O que non aceptan eses energúmenos é o non poder exprimir de forma descarada e sen control aos seus asalariados, tanto nas súas empresas como nos seus domicilios ás traballadoras do fogar, ás que terán maiormente en condicións irregulares, de escravitude e con salarios de miseria.
Si, son xentes coma os manifestantes do barrio de Salamanca madrileño as que votan a políticos como Núñez Feijóo, as que votan a xente que supoñen unha verdadeira pandemia política para calquera país, a políticos que, por moito que traten ás veces de ocultalo ou disimulalo durante as súas campañas e precampañas, son membros do Partido Popular.
Núñez Feijóo é un suxeito ao que tamén vai votar se pode Marcial Dorado, o narcotraficante preso en Teixeiro que, coa súa escala de valores, di que o actual presidente da Xunta de Galicia é un personaxe honrado. E iso a pesares de que este nega ter amizade con aquel; e a pesares que, segundo verbas de Marcial Dorado, Núñez Feijóo foi beneficiario dos almorzos servidos pola esposa daquel na súa vivenda de Baiona. Claro que iso de durmir, almorzar na casa de un e de ir a variopintos viaxes xuntos non quer dicir que, necesariamente teñan amizade. Foi un que atopou pola rúa e convidou a durmir na súa casa, almorzar alí e despois collerse unha viaxe coa neve (...perdón) irse de viaxe á neve e a navegar na "lanchiña".
En fin, cousas así son as que representa Alberto Núñez Feijóo, candidato polo Partido Popular á Presidencia da Xunta de Galicia. Adalid das liberdades segundo os moradores do barrio de Salamanca, Vox e Díaz Ayuso e da honradez segundo os códigos éticos de Marcial Dorado.
Conclusión, se nas próximas eleccións galegas, próximas a convocar, volve ter maioría o Partido Popular e saír escollido Núñez Feijóo como Presidente da Xunta, a noxenta e nauseabunda pandemia política seguirá vixente na Galiza; e, se a maioría dos expertos en epidemioloxía, medicina preventiva e saúde pública non erran nas súas previsións, esas eleccións e as persoas elixidas virán acompañadas dun novo rebrote do coronavirus COVID-19; un novo rebrote que vai coller outra vez en cueiros á rede sanitaria pública, como xa aconteceu na primeira onda da pandemia. E todo por dedicar máis recursos a forxar propaganda electoral que a afortalar o sistema sanitario público.